9X | Cita nas urnas co rumbo de Europa

Eleccións europeas 9X CC-BY-NC-SA Praza.gal
  • A sondaxe de Sigma Dos para a TVG e a FORTA apunta que o PP gañaría as eleccións europeas no Estado cun 32,4% dos votos e entre 21 e 23 escanos. O PSOE obtería un 30,2% e 20-22 escanos. 

    En terceiro lugar, segundo as estimacións da enquisa de Sigma Dos para a TVG/FORTA, sitúase Vox cun 10,4% e 6-7 eurodeputados. Sumar obtería un 6,3% dos votos (3-4 escanos) e Podemos un 4,4% (2-3 escanos).

    Agora Repúblicas (a coalición na que participa o BNG con ERC, EH Bildu e Ara Més) obtería un 4,3% dos votos e entre 2 e 3 escanos. Ese terceiro escano sería para a candidata do BNG, Ana Miranda, e dependendo da porcentaxe de voto podería ser un posto rotatorio. 

    Junts i Lliures per Europa obtería un 2,1% e 1 escano. Coalición por una Europa Solidaria (CEUS) –da que forman parte PNV e Coalición Canaria, entre outros– obtería un 1,6% e conservaría o seu escano en Estrasburgo.  

    Se acabó la fiesta, a candidatura do activista de ultradereita Alvise Pérez obtería un 3,9% e podería chegar aos 2-3 escanos. Ciudadanos ficaría fóra do Europarlamento. 

  • Ás oito pechan os colexios electorais. No CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas poderase votar ata as 20.20 horas polo atraso na conformación das mesas. E en tres colexios electorais de Vigo tamén estenden o horario de votación porque faltaban papeletas á hora de apertura. O CEIP O Pombal de Lavadores pechará ás 20.20h, o CEIP Josefa Alonso ás 20.35 e no CEIP Valle Inclán poderá votarse ata as 20.10h.

  • CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: PSdeG, PP, BNG, Parlamento Europeo

    CRÓNICA | Fin de campaña e de ciclo electoral con Europa ao fondo

     

    A sensación de campaña non foi especialmente elevada entre a poboación malia á forte tensión entre as principais forzas de ámbito estatal nunha campaña na que, por veces, Europa semellou pouco máis ca un pano de fondo malia á transcendencia dos comicios

  • A participación nas eleccións europeas en Galicia é do 39,01% ás seis da tarde. O que supón unha baixada de 11,19 puntos a respecto dos comicios de hai cinco anos, co 99,17% comunicado.

    No Estado español a caída é de 11,10 puntos a respecto de 2019, rexistrouse unha participación ata as seis da tarde do 38,34%, co 99,09% dos votos comunicados.

  • Comparación entre a participación en Galicia ás 14h nas tres últimas citas coas urnas para configurar o Europarlamento

  • CC-BY-SA Praza.gal

    ACTUALIZACIÓN | No conxunto do Estado a participación cae 6,73 puntos ás 14 horas co 99,99% escrutado. Votou o 28,01% do censo, un total de 9.988.861 persoas. A comparación realízase coas eleccións europeas de 2019, mais hai que ter en conta que hai cinco anos os comicios tiveron lugar á vez que a elección dos representantes municipais de todo o Estado. 

  • CC-BY-SA Praza.gal

    A participación cae 6,5 puntos en Galicia ás dúas da tarde. No primeiro avance dos datos de votación destas eleccións europeas votou o 26,37% dos galegos e galegas, 405.783 persoas, fronte o 32,9% do censo que votara nos anteriores comicios de 2019, que coincidiron coas municipais. 

  • CC-BY-SA PPdeG

    O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu este 9X un "pequeno esforzo" para achegarse aos colexios electorais porque "España e Galicia xóganse moitísimo". "Oxalá que sexa unha xornada que se desenvolva con toda normalidade", dixo antes de agradecer o traballo dos interventores do seu partido, tamén dos do resto de formacións e ás persoas que integran as mesas de votación. Rueda votou en Pontevedra tras saír correr a primeira hora e fíxoo acompañado pola súa familia e polos candidatos do PP Francisco Millán Mon –que votou por correo– e Adrián Vázquez.

  • CC-BY-SA Praza.gal

    O presidente do PP e líder da oposición no Estado, Alberto Núñez Feijóo, votou en Madrid acompañado do alcalde da capital estatal e fixo un chamado á "mobilización democrática sen crispación". "Imos afondar na democracia española, hoxe é o día. Vamos facer unha aposta por que o sistema democrático español siga forte", sinalou Feijóo, quen incidiu na idea de que "o exercicio ao dereito á igualdade concrétase nunha persoa un voto". O ex presidente galego defendeu que este 9X se escolle "o futuro de Europa e o presente e o futuro de España" e pediu unha "participación masiva nas urnas".

  • CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

    Nestas eleccións do 9X poden participar 2.702.442 galegos e galegas, dos que 109.690 o farán por primeira vez nunhas eleccións europeas ao ter cumprido os 18 anos desde a última cita en 2019. Do total, 7.459 son persoas cidadás da Unión Europea residentes en Galicia e 480.221 representan a galegos e galegas que viven fóra das fronteiras españolas.

  • CC-BY-SA Praza Pública

    Ourense foi a primeira provincia en ter constituídas as súas 531 mesas electorais coa mesa da Escola de Ganade, en Xinzo de Limia. Lugo pechou a constitución das súas 527 mesas coa da Escola de Carracedo, no Concello de Láncara. A Coruña pechou a constitución das súas 1.517 mesas coas do CEIP Victor López Seoane, na cidade da Coruña. Na provincia de Pontevedra valórase se aumentar o tempo de votación en Ponteareas, onde se constituíu a última mesa electoral de Galicia, pasados uns minutos das nove da mañá, segundo a información da Delegación do Goberno en Galicia. 

  • CC-BY-SA PSdeG

    O referente do PSdeG nestas eleccións ao Parlamento europeo, Nicolás González Casares, depositou o seu voto en Lalín, onde salientou a importancia do voto para decidir "o futuro da Europa que queremos" e para reforzar "o proxecto máis grande na historia de paz e de democracia". Casares animou á cidadanía a achegarse aos colexios electorais este domingo e defender o proxecto de "prosperidade e liberdade" que representa Europa.

  • Consulta neste gráfico os resultados das eleccións europeas en Galicia desde 1987. O Partido Popular foi dende 1987 a forza máis votada nas eleccións europeas en Galicia, coa única excepción da última cita de 2019, cando se impuxo con claridade o PSdeG

  • CC-BY-SA BNG

    A candidata do BNG, Ana Miranda, votou en Vigo "con ilusión e esperanza para que Galiza volte a ter unha voz propia no Parlamento europeo" e fíxoo acompañada da súa filla e do portavoz da formación nacionalista na cidade olívica, lembrando aos seus pais, que a acompañaron nas eleccións de hai cinco anos. "Votamos por Galiza, polas causas xustas da humanidade, polo antifascismo, pola paz e para que remate o xenocidio en Gaza", asegurou Miranda, que fixo un chamado á participación. 

  • CC-BY-SA BNG

    A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, exerceu o seu dereito a voto en Santiago e pediu "que as galegas e galegos voten pensando en quen pode defender mellor os seus intereses en Europa, no que nos estamos xogando neste momento e que empreguen o poder que lles dá o voto para decidir que Galiza en Europa quere e tamén que modelo de Europa desexa para o futuro". 

  • CC-BY-SA PSdeG

    O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, votou en Lugo e sinalou que acudir ás urnas "é moi importante porque Europa está moi presente nas nosas vidas e o que pase en Europa nos afecta".

  • Este #9X preocupa o abstencionismo. Nos últimos 37 anos a abstención nas eleccións europeas vén sendo moi elevada, cun máximo no ano 2014, cando en Galicia só votou o 38,7% do censo 

  • CC-BY-SA Praza.gal

    O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, votou a primeira hora animando á participación e lembrando que "o 70% das leis que se aproban no Congreso son leis que se aproban en Bruxelas". Sánchez referiuse tamén o auxe da extrema dereita, que pode incrementar a súa representación no Parlamento europeo nestas eleccións. "Existe unha reacción. Un intentar volver a un pasado ao que é imposible volver e que non ten que ser mellor ao futuro que temos por diante", aseverou. 

  • Constituídas en Galicia 3.922 mesas electorais, o 100%.

    2.702.442 votantes están chamados ás urnas este domingo en Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.