Freixanes remudará este martes a Alonso Montero á fronte da RAG

Ana Acuña, entre Víctor Freixanes e Alonso Montero, nun acto na Academia © RAG

Víctor F. Freixanes será o substituto de Xesús Alonso Montero á fronte da Real Academia Galega (RAG). Tal e como estaba previsto, o escritor, xornalista, profesor e ex-director da editorial Galaxia será o único candidato que se someterá á votación do plenario deste martes ás 18.30 horas para elixir novo presidente da institución, segundo vén de confirmar a propia RAG. Agás sorpresa maiúscula, obterá a maioría absoluta de votos do plenario. 

Freixanes, agás sorpresa maiúscula, será elixido por ampla maioría na primeira votación do plenario da RAG

Remudará a Alonso Montero, que accedeu á presidencia nun proceso moi diferente, con dúas candidaturas enfrontadas por primeira vez, unha importante polémica e unha vitoria pola mínima logo de dúas votacións. Desta vez, non debera facer falta repetir. Freixanes presentará ante os membros da Academia -28 na actualidade ao haber dúas vacantes- o seu proxecto e abondaríanlle 15 votos a favor para saír electo á primeira. Segundo fontes da institución, é moi probable que o aspirante supere con facilidade a maioría absoluta e non faga falta recorrer a unha segunda volta, na que xa non contarían os sufraxios por correo que si son válidos da primeira vez. 

De feito, prevese a ausencia dalgún académico, o que indica a previsión xeral de que Freixanes conta con suficientes apoios. As mesmas fontes cren que, de ser elocuente como se agarda o resultado, a lectura sobre o futuro da institución debería ser clara: a necesidade de fortalecer a unidade e deixar atrás os desencontros tras a convulsa dimisión de Méndez Ferrín. No caso de que tivese que repetirse a votación, a división seguiría vixente. Non se espera tal. 

Monteagudo, Torres Queiruga, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre formarán a executiva da Academia

Manuel González, académico que no anterior proceso electoral empatou a 12 votos na primeira votación e perdeu por tan só dous na segunda, non presentou desta vez unha candidatura que esixe o aval de tres académicos -Montero, Santamarina e Margarita Ledo asinaron a de Freixanes- e os nomes do equipo que formará a nova executiva. 

Dado que estes nomes dos aspirantes a esa comisión executiva non se teñen por que presentar ata a celebración do plenario, Freixanes apurou ata o último momento por se houbese posibilidades de integrar algún dos críticos, pero non semella que vaia ocorrer. Agás sorpresa, Henrique Monteagudo repetiría como secretario e Andrés Torres Queiruga, como vicesecretario. Ademais, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey substituirán na directiva outras dúas mulleres Rosario Álvarez (tesoureira) e Margarita Ledo (bibliotecaria). 

Xa que logo, Víctor Freixanes converterase neste martes 28 de marzo no 13º presidente da Real Academia Galega logo dos catro anos de mandato de Xesús Alonso Montero. Ás 19.30 horas, o xa novo dirixente da entidade ofrecerá unha rolda de prensa na sede da rúa Tabernas da Coruña. 

Víctor Freixanes © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.