15 citas a non perder na 15ª edición do Culturgal

Imaxe da edición 2022 do Culturgal © Culturgal

Esta fin de semana celébrase en Pontevedra a 15ª edición do Culturgal, a feira da cultura galega, que un ano máis reunirá a milleiros de persoas que pasearán polos 115 stands de empresas, entidades e institucións e asistirán ás ducias de actividades: concertos, exposicións, proxección de filmes e espectáculos de artes escénicas. O programa para o público xeral comeza este venres e terá o sábado e o domingo como os seus dous días principais. Pero antes, xa este xoves, comeza a programación profesional, cun panel de 30 actividades nas que están implicadas boa parte das asociacións sectoriais e profesionais que operan na cultura galega. 

As entradas dun día teñen un prezo de 4 euros para os adultos, de 3 euros para o público de 3 a 12 anos e son gratuítas por debaixo desa idade. Ademais, pódese adquirir un pack familiar, no que por exemplo un adulto e unha crianza pagarían 6 euros. Os abonos, que dan acceso a todas as xornadas da feira, teñen un custo de 7 euros para adultos e 5 para crianzas. Ademais, véndense por separado as entradas para os espectáculos de danza do venres e de música do sábado, cun prezo de 8 euros.

O lema escollido para esta 15ª edición é "15 anos cos fíos da Cultura", botando a vista ao comezo da feira, no ano 2007. Debullamos aquí 15 propostas para este Culturgal cheo de sorpresas e de contidos de primeiro nivel.

 

1- Culturgal Danza

O venres 25 ás 21 horas o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle un espectáculo dobre de danza. Nova Galega de Danza, compañía de referencia na danza galega do século XXI, trae á Feira “Credo”, peza na que bota man da poesía de Celso Emilio Ferreiro para acompañar o camiño vital do ser humano. Ademais, o porriñés Daniel Rodríguez presenta na Culturgal “A raíz de”, proxecto premiado en SóLODOS En Danza Ourense 2022.

2- A noite grande do Culturgal: Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore

O outro espectáculo con entrada específica son os concertos programados para a noite do sábado, na que é a noite grande da feira. Catro dos artistas máis destacados do momento en Galicia -Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore- actuarán a partir das 20 horas no Pazo da Cultura presentando os seus últimos traballos.

 

3- Teatro no Culturgal: Baobab, Elefante Elegante e Talía

No Culturgal hai teatro e do bo, pensado sobre todo no público máis novo, pero non só. Polo Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra pasará o venres 25 ás 17.30 horas Baobab Teatro con O lobo e a lúa, unha peza para público infantil a partir de 2 anos. O domingo 27 comezará tamén con teatro familiar a cargo de Elefante Elegante, que ás 12.30 ofrecerá CUBO; ademais, ás 19 horas Talía Teatro representará A parábola do angazo, unha divertida comedia creada a partir de textos de Araceli Gonda, Marta Lado, Jose Prieto, Diego Rey, Séchu Sende e Artur Trillo.

4- Moito cine

A ampla programación de cine do Culturgal inclúe un gran número de proxeccións e coloquios O acceso é libre coa entrada xeral da Feira e o aforo limitado. Entre a programación atopamos o venres O Corpo Aberto, de Ángeles Huerta; o sábado Valentina (Chelo Loureiro), Unicorn Wars (Alberto Vázquez) e Eles transportan a morte (Samuel L. Delgado e Helena Girón); e o domingo A virxe roxa (Marcos Nine), Welcome to ma maison (Andrés Goteira) e O Gran Camiño (Alba Prol e Raúl García).

 

5- 'O Corpo Aberto', antes que nas salas comerciais

Un dos momentos máis destacados da feira será a proxección de O Corpo Aberto, que chegará ás salas comerciais os primeiros días de decembro. Será unha boa oportunidade, polo tanto, para ver antes este filme de terror folk que pasou por festivais coma a Seminci, e tamén de conversar co seu equipo, que conta con actores como Tamar Novas e Federico Pérez e con Ángeles Huerta como directora.

6- O libro, protagonista

No Culturgal hai ducias de presentacións de libros, coloquios con autores e autoras, sinaturas de obras e actividades organizadas por editoriais. Pola feira pasarán, os recentes Premios Nacionais Marilar Aleixandre e Ismael Ramos, ademais de Juan Tallón, Berta Dávila, Carlos Callón, Bibiana Candia, Antía Otero, Pepe Cáccamo, María Solar ou Fran P. Lorenzo, entre outros.

 

7- Homenaxe a Helena Villar Janeiro

Ademais, o sábado 26 será homenaxeada Helena Villar Janeiro polos seus “50 anos de poesía e compromiso”. A autora compostelá conversará a partir das 13 horas co Francisco Castro, director de Galaxia, que edita a obra.

8- A feira profesional

Aínda que os contidos destinados a profesionais non son abertos ao público xeral, non cómpre esquecer esta parte da feira, que este ano suma unhas 30 actividades e que comeza xa o xoves coa Xornada profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia. Os contidos esténdense ao longo do venres con asembleas, encontros e presentacións, e continúan sábado e domingo con faladoiros e mesas redondas.

 

9- Espazo Arte

Artistas, galerías e público daranse cita na Culturgal no Espazo Arte, instalado na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura. Poderá visitarse a exposición Continuo de Alberto Pena, comisariada por Elena Bangueses. Ademais, haberá obradoiros creativos -moi orientados á participación do público familiar-  de libros de cartón, de collage, de autorretratos ou de construción con refugallo.

10- Programación familiar

Un dos sinais de identidade do Culturgal dende hai anos é a súa amplísima programación de actividades para crianzas e a súas familias, cunha trintena de eventos e espazos. Haberá obradoiros, contacontos, obras de teatro, música (con propostas como a de Magín Blanco ou co Quero Cantar da Deputación da Coruña) e mesmo unha sección de videoxogos.

 

11- O Zeca Afonso, protagonista no Culturgal

35 anos despois do seu falecemento, Zeca Afonso segue de actualidade, como demostra a reedición de oito álbums da súa discografía a cargo do selo luso mais5. Estes traballos poderán adquirirse en CD e vinilo no Culturgal no stand de Nordesía, que tamén acollerá a presentación o sábado 26 do último dos álbums reeditados neste ano, Com as minhas tamanquinhas (1976), un acto que contará coa participación do representante do selo mais5, Nuno Saraiva.

12- O 20 aniversario do Prestige, presente

O domingo ás 13 horas terá lugar no stand de Galaxia a conversa “20 anos da catástrofe do Prestige” entre Xosé Manuel Pereiro, autor de Tal como foi, tal como fomos, e Santi Domínguez, autor de Cando choran as Cíes, con Francisco Castro, director xeral de Galaxia. 

 

13- Que Chévere!

Chévere estará presente no Culturgal cun stand propio. Ademais, o sábado 26 ás 12.30 presentarase a obra Chévere 1987-2022, trinta e cinco anos de axitación cultural, editado por Kalandraka. A obra é unha crónica da vida cultural e escénica en Galicia durante máis de tres décadas e constitúe unha anti-historia cultural da cidade de Santiago de Compostela. Participarán Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xesús Ron, Manuela Rodríguez e Xosé Ballesteros.

14- Xogos de mesa en galego: Brazolinda

O venres de 17 a 18 horas e mais o sábado de 16 a 17 Brazolinda organiza senllas xornadas de xogos de mesa en galego, nos que as pezas de madeira son as protagonistas

 

15- O stand de Praza.gal

Un ano máis, a Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal e VINTE, contará con posto de seu na Culturgal. Desta volta será no stand 75 onde membros das redaccións de ambas cabeceiras e mais da Fundación recibirán a todas as persoas que desexen facerse socias e socios do xornal; poderán tramitar a súa alta no momento ou mercar un bono de 30 euros para agasallar a persoa que prefiran con seis meses de Praza ou VINTE. Ademais, durante a mañá do sábado, no stand de Praza gravaremos o vindeiro episodio do Fálase, o noso podcast informativo. A presenza de Praza no Culturgal encádrase nas actividades polo noso décimo aniversario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.