0 Gardados para despois

'A derradeira leición do mestre' estará medio ano en Galicia se Arxentina autoriza a súa saída

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Xunta anunciou o pasado martes que chegara a un acordo co Centro Galicia de Bos Aires para que o emblemático óleo A derradeira leición do mestre, de Castelao, viaxe a Galicia a finais de ano para unha exposición sobre o autor rianxeiro na Cidade da Cultura. O cadro, que permanece nese centro bonaerense da emigración galega, sairía por primeira vez da Arxentina logo da negociación "iniciada polo conselleiro de Cultura Román Rodríguez" durante a súa viaxe á cidade a principios de ano e a cesión temporal materializaríase "a mediados do vindeiro mes de febreiro coa sinatura dun convenio". 

Agora, o Centro Galicia achega unha "aclaración" sobre os termos dunha negociación aínda vixente e pola que esta entidade da emigración galega "está a desenvolver as xestións necesarias" para que a obra de Castelao poida verse uns meses durante o último cuatrimestre de 2018 no Gaiás en Compostela. Hai xa, segundo aclara a entidade, un "compromiso adquirido" co conselleiro Rodríguez durante a súa vistia a Bos Aires para un "préstamo" da obra que "sería por seis meses". Con todo, a decisión definitiva "depende" aínda "da autorización das autoridades arxentinas para a saída transitoria do país" deste cadro que sería cedido "temporalmente".

A cesión temporal da obra sería "por seis meses" e "depende da autorización das autoridades arxentinas para a saída transitoria do país"

A derradeira lección do mestre converteuse en símbolo do sufrimento pola represión fascista en Galicia e da loita pola liberdade e está considerado o Gernika galego, un óleo de 2 metros de alto e máis de 130 centímetros de ancho baseado na estampa número 6 do libro Galicia Mártir de Castelao e na que se amosa un mestre asasinado ante dous rapaces que se laian conmocionados. 

Tal e como explican desde o Centro Galicia, Castelao pintou e doou esta obra de grandes dimensións "especialmente para a conmemoración do noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda, realizado no Salón de Actos do Centro Orensano de Bos Aires o 17 de agosto de 1945". Esa foi unha das entidades que deron orixe ao Centro Galicia de Bos Aires e que "hoxe forma parte do seu patrimonio indiscutible". A obra, xunto con outros elementos persoais de Castelao como a súa mesa de traballo, a súa máquina de escribir, unha  máscara mortuoria e outros documentos persoais, poden verse no salón co seu nome que o Centro Galicia de Bos Aires ten no terceiro andar da súa sede social. 

O Centro Galicia asegura que esta iniciativa de ceder a obra temporalmente ao país "enmárcase" no seu traballo "a prol da defensa e da divulgación da identidade e a cultura de Galicia e da realidade dos seus cidadáns asentados en Arxentina, como parte dunha comunidade máis ampla que conforma unha Galicia Universal". Ademais, os seus dirixentes destacan que "hai coincidencia" coa Consellería de Cultura na "importancia de achegar a través desta pintura emblemática a realidade dos galegos que viven no exterior, considerando o patrimonio da emigración, parte fundamental e indisoluble do acervo cultural do pobo galego".

O Centro Galicia aclara que o cadro "forma parte do patrimonio indiscutible" da institución

Desde o Centro Galicia aclaran que conservan A derradeira leición do mestre "como herdanza do patrimonio xerado na Galicia Ideal albiscada por Castelao para a memoria das galegas e galegos do mundo e como bandeira dunha identidade propia que, desde unha mirada poliédrica, inclúa a historia, a perspectiva e a realidade da diáspora que non da as costas ás súas orixes nin esquece os seus costumes, que os fai convivir e os incorpora aos das nación que os acollen".

A obra, como engaden, está dispoñible para a visita ao público en xeral, previa combinación de data coa institución, "porque é o mellor xeito de custodiala e velar pola súa seguridade e conservar o patrimonio cultural coa referencia ao seu tempo para achegalo ás xeracións futuras co seu valor intacto".

Ademais deste cadro de Castelao, o Centro Galicia de Bos Aires posúe unha importante pinacoteca con sinaturas como Luís Seoane, Laxeiro e Colmeiro, entre outros

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.