"O cadro de Castelao volverá á Arxentina; a Galicia universal é moito máis que a territorial"

José María Vila, ante a obra de Castelao no Centro Galicia CC-BY-SA Praza Pública

A próxima chegada d'A derradeira leición do mestre a Galicia volveu abrir o debate sobre a conveniencia de traer definitivamente o histórico cadro de Castelao ao país, un debate que pode que exista en Galicia pero que non só non existe no colectivo emigrante senón que nin se contempla. Porque Galicia non é só o seu territorio administrativo, senón toda a diáspora e todas as manifestacións artísticas e culturais que polo mundo adiante se manteñen. Así se manifesta José María Vila Alén, (A Estrada, 1946), presidente do Centro Galicia que custodia o emblemático óleo e tamén da Federación de Sociedades Españolas de Argentina. "Non é necesario ir a Galicia para ver e apreciar cultura galega porque Galicia está en moitos lugares", lembra. 

Está confirmada a chegada d'A derradeira leición do mestre a Galicia?

Estamos pendentes de asinar o convenio entre o Centro Galicia e a Xunta e de facer as xestións necesarias coas autoridades arxentinas para a súa saída porque o cadro é tamén patrimonio cultural da Arxentina e son as leis deste país as que resgardan a obra. Esperamos chegar axiña a un acordo íntegro porque faltan algúns detalles complementarios sobre o seguro e cuestións técnicas sobre o traslado e o coidado do óleo na viaxe. En canto rematemos isto, está previsto que a sinatura do acordo se produza xa en febreiro en Santiago de Compostela. 

Será, definitivamente, unha cesión por medio ano? 

Esa é a idea: un préstamo por seis meses. Se os trámites administrativos se desenvolven con normalidade, a idea é que o último cuatrimestre deste ano se poida inaugurar a exposición na Cidade da Cultura. Logo, o cadro retornaría á Arxentina. Os custos asúmeos a Xunta, así se propuxo e así se acordou, e parécenos razoable. 

"A obra de Castelao é feita pola emigración e para a emigración, unha construción destacada e de primeira liña da diáspora galega"

Porque nin se pensa en que non retorne...

Non. A obra de Castelao é un cadro feito pola emigración e para a emigración. Foi entregado e doado en 1945 ao Centro Orensano, que se uniu a outros para fundar o Centro Galicia, que é o continuador de todos estes centros. Foi elaborado para unha homenaxe a Alexandre Bóveda. É unha construción da diáspora galega, que é moi grande e que entre ela ten, en lugar moi destacado e en primeira liña, esta obra de Castelao. 

"As obras da emigración galega deben quedar onde naceron e onde están e buscar fórmulas para preservalas"

En Galicia abriuse un debate sobre a posibilidade de que A derradeira leición do mestre e outras obras na emigración quedasen definitivamente en Galicia. Cal é a súa opinión?

Creo que deben quedar onde naceron, alí onde están, e buscar fórmulas para preservalas. Porque tanto ten se estas obras están na Arxentina, en México, en Montevideo, na Habana ou en calquera cidade con importante presenza da emigración galega; mentres exista esa manifestación de arte e da cultura galega -pero tamén cultura arxentina, uruguaia ou mexicana- haberá alí unha Galicia vivente. Non é necesario ir a Galicia para ver e apreciar cultura galega porque Galicia está en moitos lugares; mantelo así é levar Galicia a unha dimensión extraordinaria. Debemos ter intelixencia para que todas estas manifestaciónsan culturais teñan vida e poidan ser apreciadas por todo o público, tanto polo da Arxentina como polo de fóra. 

"Mentres haxa arte e cultura galega nos lugares con presenza da emigración, haberá alí unha Galicia vivente; a Galicia universal é moito máis que a Galicia territorial"

Galicia é moito máis que catro provincias...

Para nós, Galicia sen a emigración quedaría reducida ao seu territorio e iso suporía minguala. A Galicia universal é moito máis que a Galicia territorial e sen esa universalidade o país perdería unha parte da súa esencia... E iso non sería nada bo. Somos todos galegos e non importa onde esteamos; somos tan galegos como os que viven no seu territorio. Galicia é moito máis ampla que a realidade xurisdicional e obviando todo o resto perdería a súa grandeza. 

Podería correr perigo en algún momento a obra na Arxentina?

Non está en perigo en absoluto. Rotundamente, non. E non albiscamos que o estea nunca. A derradeira leición do mestre é patrimonio cultural do Centro Galicia, aquí está, aquí o gardamos e aquí o custodiamos. Con todo, o noso interese é de que todo o noso patrimonio sexa apreciable por todos os galegos porque, en realidade, é propiedade de toda a colectividade galega, estea onde estea. Somos custodios deste símbolo e precisamente por iso queremos que se coñeza na Galicia territorial, tamén porque servirá para que os galegos que viven en Galicia tomen conciencia do valor que ten a emigración, do que ten achegado... Ademais de todos os valores que a propia obra representa. 

"Expoñer a obra en Santiago servirá tamén para que os galegos que viven en Galicia tomen conciencia do valor da emigración"

Dun posible prezo de venda nin falamos...

Para min, a importancia desta obra é máis que a do Gernika, é o Gernika de Galicia; un símbolo, unha bandeira, un icono... Supera por moito o que poida considerarse un cadro, unha obra... Porque non o é, é moito máis ca iso. Prezo? Non o ten, non se pode mercar porque non ten prezo, está fóra de calquera valor de mercado e non se venderá. Non podemos considerala como unha pintura máis porque non o é. 

O Centro Galicia garda outras importantes obras de autores galegos.

Si, como por exemplo A malla, de Luís Seoane, un Colmeiro ou O neno do tamboril, de Laxeiro, así como outros máis pequenos e obras que artistas arxentinos cederon á entidade logo de expoñer na nosa sala. 

"A derradeira leición do mestre' non é un cadro, é moito máis que iso, un símbolo, unha bandeira... Non ten prezo porque está fóra de calquera valor de mercado"

No Centro Gallego tamén hai importantes obras que agora poden estar perigo coa posible liquidación da entidade, como ve a situación?

Hai que buscar solucións. No caso do Centro Gallego, ao ser unha institución mutual, tería que cambiar os seus estatutos para adecuarse á Lei de Galeguidade en canto ao seu patrimonio e poder así, no caso de liquidación, salvalo e mantelo en propiedade da comunidade galega. Pero agora mesmo, todo ben cultural, como ben económico tamén, convértese nunha garantía dos acredores e pasa ao Estado arxentino. 

Que ocorre no caso de que se chegue á quebra?

Habería perigo, claro que si, aínda que sempre habería unha posibilidade de rescatalo. Con todo, é preferible non chegar a iso porque o Centro Gallego en si, e non só o seu legado cultural, é un símbolo, un patrimonio. Non o podemos reducir a un servizo de saúde nin a unhas obras de arte porque é a nosa entidade nai, á que todos lle rendemos homenaxe. Debemos esforzarnos para darlle continuidade e salvalo, por orgullo e identidade. 

"Debemos esforzarnos por salvar o Centro Gallego, por orgullo e identidade; precisamos o apoio de todos: da Xunta, do Estado e da Arxentina"

Cre que se deberían implicar as administracións galegas?

Precisamos do apoio de todos: do Goberno arxentino, do español e da Xunta. Debería chegarse a un acordo entre todos. Sabemos que non é doado pero é factible e hai que intentalo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.