0 Gardados para despois

O Torques de Burela queda para sempre en Lugo como propiedade pública

Redacción | @prazapublica

Documentos relacionados

O tesouro artístico de Álvaro Gil queda en Lugo como propiedade pública e con aval contractual. No ano 2013 unha sentenza do Tribunal Supremo puxo o ramo ao desencontros que os herdeiros do enxeñeiro, naturalista e empresario mantiveran co goberno da Deputación de Lugo dende finais dos 90, cando a institución estaba presidida polo popular Francisco Cacharro Pardo. Aquel ditame provocou a saída inmediata das valiosas pezas que, tras ano e medio de negociacións, comezaron o retorno definitivo a comezos de 2015 a través dun acordo cuxa última parte vén de quedar materializada neste 2018. Con el, valiosas pezas de ourivaría prerromana como o Torques de Burela son, de vez, públicas.

O presidente da Deputación lucense, Darío Campos, e mais Carlos López Gil, en representación da familia do filántropo que fora perseguido polos franquistas por mor das súas ligazóns galeguistas e republicanas, asinaron este 12 de febreiro a compra por parte da entidade pública do último lote das pezas segundo o calendario pactado hai tres anos. O goberno provincial achega algo máis de 350.000 para completar o montante total resultante da taxación -2,3 millóns- cun lote no que se atopa o emblemático Torques, pero tamén pezas como láminas e unha barriña de ouro e, adicionalmente, unha onza de Fernando VI.

A valiosa peza ligada a Burela, actualmente xa exposta no Museo Provincial lucense, únese a outras tan representativas como o carneiro alado de Ribadeo, o torques de Riotorto, a arracada de Burela ou o torques áureo da Recadieira. O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2015 e o feito de que poida quedar no museo público é para o presidente da Deputación lucense, Darío Campos, todo "un fito histórico". "A veciñanza da provincia está de noraboa, porque a colección da familia de Álvaro Gil pasa a ser propiedade de todos" e pode ser contemplada "sen restricións por toda a cidadanía", o que tamén supón "poñer en valor a riqueza patrimonial galega".

A Deputación de Lugo asina coa familia de Álvaro Gil o contrato que completa o acordo acadado en 2015 para que a valiosa colección sexa propiedade pública 

A edición dun catálogo sobre a colección recuperada para a propiedade pública servirá de conmemoración da adquisición dunha colección que, resalta Campos, é tamén unha homenaxe ao propio Álvaro Gil. "Foi un gran mecenas deste museo e apostou dende sempre por salvagardar e promover a historia e a cultura", subliñou Campos, que participou no acto xunto á responsable de Cultura da institución, Pilar García Porto.

A boa relación coa familia, salienta, permite que alén do contrato de adqusición das pezas de ourivaría, exista un acordo de cesión temporal de parte da "súa destacada colección de arte". Este pacto permitirá expoñer en Lugo "obras de pintores da historia da arte tan importantes como Murillo, Zuloaga, Sorolla, Ribera ou Rosales" cun total de 45 cadros e seis esculturas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.