Ana Romaní, ratificada como nova académica da RAG para ocupar a vacante de Xohana Torres

Ana Romaní © RAG

Poesía, xornalismo cultural e ollada de xénero para a Real Academia Galega. O pleno da RAG decidiu este sábado que Ana Romaní sexa nova académica de número e ocupe a vacante de Xohana Torres, falecida en setembro de 2017. Tras a ratificación da súa candidatura a institución académica destaca a Romaní como "unha voz de referencia do xornalismo cultural" polo seu traballo diario dende 1990 no Diario Cultural da Radio Galega, así como o seu papel no impulso da poesía galega contemporánea.

Radio, letras e tamén escena son claves na traxectoria de Ana Romaní, subliña a RAG. O seu interese "pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas de creación contemporánea" levouna a promover o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que botou a andar en 2006 e que permitiu o nacemento dunha corentena de obras.

No ámbito estritalmente literario a Academia considera á súa nova integrante como "unha das autoras galegas indispensables do discurso poético que emerxen das últimas décadas do século XX, unha voz que se ocupa da deconstrución da tradición literaria e da recuperación dos rostros ocultos historia dende a ollada de xénero que reivindica".

A súa traxectoria, lembran, comezou coa publicación de poemas en publicacións periódicas, sen ben en 1987 chegou o seu primeiro libro, Palabra de mar. Tras el chegaría Das últimas mareas (1994), un diálogo coa Penélope do Tempo de ría de Xohana Torres, cuxa cadeira 'herda' agora na RAG.

A incorporación de Romaní, que "lerá o seu discurso de ingreso nunha sesión plenaria extraordinaria nos vindeiros meses", prodúcese tras a chegada nos últimos anos doutras tres mulleres: Fina CasalderreyChus Pato e Marilar Aleixandre. O plenario da institución segue a ser, non obstante, maioritariamente masculino.

Ana Romaní © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.