O ano pasado a Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), contratou os actores e actrices da obra de teatro Martes de Carnaval do Centro Dramático Galego (CDG) a través dun concurso público similar aos que ten que pasar o resto do funcionariado pero que estivo salpicado de irregularidades. Este ano, para a obra Divinas Palabras, Agadic privatizou parte da montaxe e permitiu que a compañía adxudicataria contratase libremente, cos seus propios criterios artísticos, os dous actores protagonistas sen que tivesen que pasar por ningún concurso público. Este xoves o director de Agadic, Jacobo Sutil, recoñeceu no Parlamento de Galicia, a preguntas do PSdeG, que “tiñamos os medios legais para facelo”, admitindo así que o concurso público non era o único xeito legal que tiña a Xunta para elixir actores, como defendeu o pasado ano o Goberno galego argumentando que había "un marco legal que debemos cumprir".
O Goberno galego privatizou este ano a contratación de parte dos actores malia defender hai un ano elixilos todos por concurso porque había “un marco legal” que cumprir
Hai un ano a contratación de todo o elenco de Martes de Carnaval se realizou a través dun suposto concurso público. Fíxose así, segundo Agadic, porque o propio convenio colectivo de actores e actrices de teatro establece que “a contratación mercantil está expresamente excluída”. Isto é, que os actores e actrices só poden ser contratados, tanto por unha compañía privada como pola administración, como asalariados, e non con contratos menores adxudicados a dedo como fai a Xunta con outros moitos traballadores, o que supostamente obrigaba a convocar un concurso público.
Pero este ano, no caso de Divinas Palabras, Agadic entregou boa parte da montaxe a dedo, a través dun procedemento negociado sen publicidade, como fai con outras moitas actividades culturais por razóns de exclusividade artística, á compañía Chévere. Entre o que deixou nas súas mans está a interpretación dos dous personaxes protagonistas, de xeito que o director puido elixir os actores co seu propio criterio artístico sen a Xunta tivese que convocar un concurso público. Pola contra, o resto de do elenco si foi elixido cun novo concurso público entre novas protestas da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
“Hai un marco legal que debemos cumprir” e “non se lle pode pedir a unha administración que salte o marco legal”, dicía hai un ano o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para defender o concurso público
Por esta situación foi preguntado o director de Agadi no Parlamento pola deputada do PSdeG Concepción Burgo. Alí Sutil salientou que Agadic e o CDG “é unha administración pública, ten que cumprir uns procedementos”, pero que “tratamos de adaptarnos á autonomía do director artístico sempre dentro da lei”. Sutil non explicou como se conseguiu iso co concurso público convocado o ano pasado, pero defendeu o cambio deste ano argumentando que “tiñamos os medios legais para facelo”, en referencia á privatización de parte da montaxe, incluída a elección dos protagonistas. Pola contra, hai un ano o propio conselleiro de Cultura, Román Rodríguez defendía o concurso público convocado daquela argumentando que “hai un marco legal que debemos cumprir” e que “non se lle pode pedir a unha administración que salte o marco legal”.
Na súa comparecencia deste xoves Sutil tamén defendeu o modelo de funcionamento do CDG polo que vén recorrendo desde a súa creación a distintos profesionais do sector privado para a dirección, interpretación ou escenografía das súas sucesivas montaxes. “Podemos chamarlle externalización, si, pero non me parece mal”, dixo, para engadir que ese procedemento de recorrer a profesionais externos de prestixio “é unha forma moito máis eficiente de xestionar unha entidade pública como é o CDG”.