A MICE presenta unha “visión poliédrica e desmitificadora” da relación das mulleres co rural

Detalle dun fotograma de 'Cruz Piñón' © Xisela Franco

Unha visión poliédrica e desmitificadora da relación das mulleres co rural. Así presentou Anxela Caramés a segunda sesión do ciclo Muller, Cine e etnografía, integrado na XIII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. Las filanderas, de Estíbaliz Sádaba -que parte dun proxecto performativo producido polo Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León (MUSAC)-, Cruz Piñón, de Xisela Franco e Fisterra. Carne de safari de Olaia Sendón protagonizaron esta segunda volta do ciclo, que puido verse no Teatro Principal e que contou coa presenza de dúas das directoras -Xisela Franco e Olaia Sendón-, da protagonista do filme da primeira -Cruz Piñón- e de Anxela Caramés, coordenadora do mesmo.

Mulleres que traballaban “como fieras”. Igual que os homes. Pero que ademais se encargaban da casa e de todo o relacionado cos coidados. Mulleres dignas, seguras de si mesmas, transmisoras da tradición cultural. Mais cuxo papel na sociedade non se valora igual que o dos varóns, porque son mulleres. A catedrática de Antropoloxía Cristina Bernis condensa con estas poucas palabras o que foron, e o que son, as filanderas, as protagonistas do filme de Estíbaliz Sádaba. Mulleres que esta creadora foi atopando na contorna do seu pobo adoptivo, Destriana (León), e que tivo necesidade de escoitar.

Para oírlles falar da súa durísima vida no rural -traballar na sega, ir, algunha vez, regar unha leira de noite, volver ás catro ou cinco da mañá e volver marchar para ir segar sen durmir, conta, por exemplo, unha delas-. Mais tamén do seu saber facer. Do seu coñecemento adquirido coa práctica continua, coa transmisión interxeracional. Fiar a la e o liño. Facer calcetíns e sacos. Traballar, sempre, sen parar, mentres creaban, e criaban, comunidade. Coa súa dobre e tantas veces non recoñecida dobre función produtora e reprodutora.

Sádaba quixo indagar “sobre como as mulleres desenvolveron tradicionalmente formas de construírse como suxeito colectivo, máis alá dos roles domésticos que lles ofrecía o patriarcado"

A través da imaxe das filanderas, a autora quixo indagar “sobre como as mulleres desenvolveron tradicionalmente formas de construírse como suxeito colectivo, máis alá dos roles domésticos que lles ofrecía o patriarcado e a cultura tradicional”, segundo pode lerse na web do MUSAC. Desta maneira, o propósito era tamén realizar unha narración “na que se vexa resaltado o papel activo das mulleres, e quede así evidenciado o feito positivo de como estas se mobilizaron en diferentes momentos do pasado para ocupar o espazo público: a articulación mesma do Filandón, en tanto que espazo narrativo e performativo creado polas mulleres, serve aquí como exemplo propositivo de poderío feminino”. Algo semellante pode verse en Cruz Piñón, de Xisela Franco. Sobre como a descuberta das potencialidades das novas tecnoloxías lle abren a unha traballadora do rural non só outra perspectiva do mundo, senón outra posibilidade de posicionarse nel.

Cruz Piñón é unha veciña dunha parroquia de San Sadurniño. Labrega, ama de casa e nai. Animada pola filla, un día comeza a asistir ás clases de informática da Aula Cemit do concello. “Sentíame inferior”. “Non sabía nin coller o ordenador, e tiña un na casa”, contou no Teatro Principal tras a proxección do filme. Escoitou de todo. Algunhas frases despectivas cargadas de machismo. Mais logo comezou a deixar atrás as inseguridades e a desenvolver, coa axuda de internet, o seu enorme talento creativo para a arte e as manualidades. Primeiro as bonecas fofuchas. Despois cadros. Flores de papel. Xarróns preciosamente decorados. Unhas tecnoloxías levaron ás outras. O teléfono. O facebook. Os vídeos.

Cruz Piñón é unha veciña dunha parroquia de San Sadurniño. Labrega, ama de casa e nai. Animada pola filla, un día comeza a asistir ás clases de informática da Aula Cemit do concello

Cruz forma parte de Teño unha horta, un proxecto promovido tamén desde a Aula Cemit para difundir e compartir o coñecemento das mulleres sobre os traballos do campo. Os seus videotutoriais poden verse nunha canle de Youtube. E son un éxito. Teño unha horta recibiu varios premios. E conseguiu, desde logo, o obxectivo que, nunha entrevista en Praza, explicaba a responsable da Aula Cemit, Carmen Suárez: empoderalas a través das novas tecnoloxías. Mulleres, así, que, como dicía Sádaba, procuraron o seu lugar no espazo público, nun lugar, o rural, que nun principio podería parecer menos axeitado para procurar xeitos de emancipación.

Xisela Franco conta a historia de Cruz Piñón a través dunha pantalla partida, dividida en dous. Á esquerda, o traballo de Cruz cos animais e nas hortas. Á dereita, retratos das súas moitas facianas como artista e das súas obras. Ela, Cruz, é quen fala. Quen conta a súa propia historia. As imaxes deste filme foron gravadas en dous días, no marco do Chanfaina Lab, o encontro de San Sadurniño ideado por Manolo González no que se convida a cineastas para que fagan iso: crear unha peza audiovisual en só unhas horas. Con resultados máis que bos.

Cruz é valente, unha loitadora. Eu cheguei e retratei o que había. Ela xa tiña unha participación moi activa no proxecto web Fálame de San Sadurniño. Creo que o feito de terse aberto ao mundo a través das novas tecnoloxías sumoulle amigos. Pero sobre todo permitiulle aprender cousas novas de si mesma, descubrirse e alumar o seu potencial creativo como muller. A través de tutoriais aprendeu cousas útiles para ela, engadindo a súa propia creatividade, o que potencia a autoestima. Isto sucede porque nela está esa necesidade expresiva, froito de todo o amor que ten dentro para dar. Cruz é muller, nai, labrega, pero tamén internauta, exploradora e artista”, contaba Xisela Franco nunha entrevista en Praza.

O filme descóbrenas unha Palmira Filgueira moi diferente á da imaxe folclórica exhibida pola televisión sobre aquela coñecida “avoa centenaria” de Tui

Outro dos filmes galegos que puideron verse na MICE -aínda que fóra do ciclo Muller, cine e etnografía é Palmira, de Diana Gonçalves. Os seus obxectivos non son os de Cruz Piñón ou os de Las filanderas. Mais, coma estas, mostra maneiras en que as mulleres puideron -aínda sen subvertelos- ir máis alá dos roles que lles reservaba a sociedade tradicional. Diana comezou facendo un retrato de observación que acabou sendo un retrato sobre a construción do retrato. Nel, descóbrenas unha Palmira Filgueira moi diferente á da imaxe folclórica exhibida polos medios de comunicación sobre aquela coñecida “avoa centenaria” de Tui. Gonçalves achégase á intimidade de Palmira. A anciá que fica soa. Tan digna, na súa decrepitude. Déixoche facer, nena -parece dicirlle á cineasta- pero eu ben sei o que quero.

Porque Palmira era máis que unha anciá. Era un símbolo dun xeito de resistencia que artellaron, na ditadura franquista, tantas mulleres que participaron en actividades ilegais coma o estraperlo. Que arriscaron o pelexo para sobrevivir, contra as leis do réxime. Que souberon tirar para adiante e ser independentes. Sempre. Gonçalves coñecéraa durante o proceso de realización da súa opera prima, Mulheres na raia. E quedou prendada. “Cativoume”, explicara hai xa tempo na presentación deste filme en Curtocircuíto. Despois, o Play-Doc de Tui organizou un laboratorio de retrato filmado. Era a oportunidade perfecta. E o resultado puido verse, tamén, no MICE.

Se o retrato é un dos fíos que unen Cruz Piñón e Palmira, o mesmo podería dicirse da terceira das películas que puideron verse na segunda sesión do ciclo Muller, cine e etnografía: Fisterra. Carne de safari, de Olaia Sendón. Que acaba sendo unha reflexión sobre o retrato. Sobre os relatos sobre o lugar que o cinema constrúe, moitas veces mesmo sen que o autor ou a autora o quixese. Comeza Fisterra. Carne de safari cunha achega poética ao mar de Fisterra. A unha terra que Olaia lle presenta ao fillo que, nese momento, está a agardar. Un peixiño que frota dentro dela e que, en pouco tempo, deberá saír. Expulsado da protección do líquido amniótico para nacer nun mundo que doe. Mais que volverá -pensa a súa nai- a nadar. No mar de Fisterra. No mar do Lugar que para ela é parte da súa identidade.

Olaia Senón non quería, tal como contou na MICE, deixarse seducir pola espectacular paisaxe de Fisterra. Non quería facer un retrato máis

Comezan, despois, unha serie de retratos -ficcionados, mais con base real- de personaxes de Fisterra. A construtora de barcos de papel de cores. O home que salta as rochas. O cazador dos tesouros do mar -as crebas- que, sen o mar, afogaría. Os dous piragüístas. O poeta… Olaia non quería, tal como contou na MICE, deixarse seducir pola espectacular paisaxe de Fisterra. Non quería facer un retrato máis, coma tantos outros. Coma os dos peregrinos que alí chegan, exhaustos, e berran abraiados cando cae o sol. O que lle interesaban eran as persoas. A xente que habita esa periferia da periferia, tanto tempo considerada a marxe, a fin do mundo. Non quería postais. Imaxes idílicas. Arelaba achegarse á construción dunha memoria, íntima, que axudase a configurar unha identidade propia. A xerar, con iso, un territorio, máis alá da paisaxe. Mais chega un momento no que se decata de que está a facer o contrario do que pretendía. Mitoloxía. Safari. Sábeo e asúmeo. Pero logo aínda lle dá outra volta para atrás…

Sobre o tipo de retrato que o cinema pode achegar do rural tamén reflexionou moito Diana Toucedo, directora doutro dos filmes galegos programados no MICE, o premiado Trinta lumes.“A aldea comezou a pechar e son poucos os que resistiron. Somos poucos os que resistimos”, escoitamos nesta película na boca de Alba, unha das súas protagonistas. Trinta lumes é retrato dun mundo que esmorece, mais que resiste, aínda, cheo da vida que esixe a sobrevivencia nun medio tan duro como o do Courel. Cunha comunidade que cuestiona os binomios: tradición/modernidade. Presente/futuro. A nena Alba procura, incesante, as respostas ás preguntas máis complexas. Está pero, como a aldea, pode desaparecer, nun lugar no que vida e morte xogan da man. “Aldeas cheas de mortos convivindo cos vivos”, dise no filme. Mais a posibilidade da desaparición implica tamén a oportunidade de que comece algo novo e o ciclo se renove.

Trinta lumes non deriva nin nunha sorte de canto melancólico a un mundo perdido, tan paisaxisticamente espectacular como anacrónico

Trinta lumes non deriva nin nunha sorte de canto melancólico a un mundo perdido, tan paisaxisticamente espectacular como anacrónico e, polo tanto, inferior, -segundo manda o tópico-, nin nunha especie de celebración dunha suposta naturalidade primixenia, rousseauniana, allea ao conflito. “Ir ao Courel foi, para min, achegarme a unha zona que me resultaba, ao mesmo tempo, tan próxima e tan descoñecida... Caín na conta de que era como un centro, un núcleo, un corazón, dunha Galicia que está a aunar diferentes tempos. Dunha banda, a herdanza, a tradición, o pasado, a forma de vida que era a dos nosos avós e, doutra banda, o presente, co que convive. Dicía Uxío Novoneyra que o Courel era coma un iceberg. Que só lle viamos o cumio. A min interesábame moito iso: o visible e o invisible, o que vemos e o que non vemos, o que coñecemos e o que non coñecemos”, indicou a autora nunha entrevista en Praza.

Dirixido tamén por una muller galega, e situado da mesma maneira na procura do difícil equilibrio entre o retrato do real e a mitoloxía, pode salientarse tamén, da programación da MICE, Os fillos da vide de Ana Domínguez. Unha “viaxe en clave persoal á tradición ancestral dos viñedos, a vendima e o viño, na súa relación cos ciclos da vida e coas raíces pagás da festa”, segundo ela mesma o define. Con discurso entre o etnográfico e o íntimo, que reivindica un xeito de entender a vida e a relación coa natureza. “O punto de partida é un pouco a morriña daquel rural da nenez, un xeito de vida en confraternización coa natureza: o noso vínculo ancestral coa terra, cos ciclos vitais de transformación, o traballo en comunidade -na vendima, na matanza-, o xeito de traballar xuntos e facer grupo a través da cooperación. A natureza como algo máxico, primixenio, que a nosa civilización foi deixando de lado, rexeitándoo”, explicou a Praza.

Dirixido tamén por una muller galega, pode salientarse tamén, da programación da MICE, Os fillos da vide de Ana Domínguez

Un tipo de identidade, asegurou, “que vai máis alá do político, do social. Unha identidade dun ser humano integrado na natureza, que na nosa sociedade actual está totalmente perdida. Xa non participamos neses ciclos vitais, o cal prexudica a sociedade… O rural vaise convertendo en pequenas cidades caóticas e absurdas. Está perdida esa unión coa natureza. Iso sempre está aí, da mesma maneira que está o mito, e a festa. O Entroido rural é o único campo no que se mantén ese pulso vital”. E así, como no filme de Olaia Sendón, a ligazón do territorio coa identidade. A construción dun territorio noso, alén da paisaxe. E os mitos que abrollan. Que ás veces queremos e outras non.

Coa identidade -en concreto, cun suxeito desarraigado, sen contexto, sen terra, sen Lugar, sen orixe- ten que ver tamén outra das películas que está previsto proxectar na MICE, Nocturno. Fantasmas de mar en porto, do galego Álvaro F. Pulpeiro. Nun barco pesqueiro de bandeira portuguesa, cunha tripulación multicultural, o traballo consome un tempo que non parece pasar. Despezar tiburóns, conxelar os anacos, limpar, comer, falar, mirar o móbil, agardar. Un retrato lírico sobre a experiencia dunhas persoas que pasan moito tempo lonxe. Varadas nun barco. No medio do oceáno. Coa terra perto, quizais, pero inalcanzable. Coa casa lonxe. Sesenta días en altamar. Traballo e rutina. A xestión, non dramática, da distancia. Confrontar a identidade propia. Quen se é e quen non. Tamén o conflito, no achegamento á terra. No voltar.

O MICE inclúe tamén este ano unha exposición sobre o arquivo de Joaquín García Portela Costiña, Camiños da Imaxe

O MICE inclúe tamén este ano unha exposición sobre o arquivo de Joaquín García Portela Costiña, Camiños da Imaxe, comisariada polo Proxecto Socheo, unha iniciativa para a localización, estudo e inventariado das imaxes rexistradas por aficionados ao cinema doméstico nos arredores de A Guarda e o Baixo Miño. Joaquín García foi un dos fotógrafos máis coñecidos na Guarda. O Proxecto Socheo recibiu os materiais do Costiña, -película e fotografías-, analizounos e restaurounos e con eles montou Camiños da Imaxe. O cineasta Xurxo Chirro, do Proxecto Socheo, fora tamén o autor dun filme co que Nocturno amosa, facilmente, conexións. Trátase de Vikingland, que non está na MICE pero que mostra a mariñeiros galegos que traballan nun transbordador entre a cidade danesa de Romo e a illa alemá de Sylt. Un deles compra unha videocámara e comeza a gravar a súa vida cotiá e a dos seus compañeiros na súa singradura no xélido inverno. Homes que realizan un traballo esgotador lonxe do seu fogar. Coma en Nocturno.

Contrafaces son retratos de persoas que crean, de artistas. Nun filme que cuestiona, tamén, os binomios arredor da creación. Identidade-autoría, ficción-realidade, inspiración-orixinalidade

O desdebuxamento das identidades paira tamén, como en Nocturno, sobre Contrafaces, de Fon Cortizo, programada na MICE. Contrafaces son retratos de persoas que crean, de artistas. Nun filme que cuestiona, tamén, os binomios arredor da creación. Identidade-autoría, ficción-realidade, inspiración-orixinalidade e tradución-creación son algúns dos pares de conceptos nos que se artella este proxecto, protagonizado por Erin Moure, Elías Portela, Iolanda Zúñiga, Fran Alonso e Chus Pato.

Contrafaces érguese sobre o par Elías Portela/Erin Moure por un lado, e Elías Portela/Iolanda Zúñiga polo outro. Elías, un poeta galego emigrado en Islandia, inpirouse en Erin Moure, unha poeta canadense que voltou ás súas orixes galegas e decidiu comezar a escribir en galego co seudónimo Elisa Sampedrín, para crear o seu heterónimo, Elías Knorr. No filme, Elías Portela desdóbrase en Elías Portela/Elías Knorr, aínda que Elías Portela vai gañándolle terreo ao seu heterónimo. Ao mesmo tempo que Iolanda Zúñiga se move tamén entre a persoa, -a escritora real-, e a personaxe creada para ela. Doutra banda, Chus Pato é, no documental, a voz de Elisa Sampedrín, sen deixar tampouco de ser a Chus poeta. O xogo persoa-personaxe sustenta, así, todo o discurso do documental, que apunta, segundo o director, que "non é a identidade, senón a obra, o importante. O relevante son os libros e non quen son os poetas".

Imaxe de 'Trinta Lumes' © Diana Toucedo
Imaxe de 'Las Filanderas' © Estíbaliz Sádaba
Fotograma de 'Contrafaces' © Fon Cortizo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.