El Método Sueco e Poetarras son dúas das webseries de moda en Galicia. A primeira fíxose esta fin de semana co Mestre Mateo á mellor serie web, e a segunda foi a gañadora, o pasado ano, do premio ao mellor traballo en lingua galega na primeira edición do Carballo Interplay (e convertidos en trending topic coa súa canción dedicada a Núñez Feijoo). A segunda edición deste certame, que comeza este xoves, servirá para amosar estes e outros novos talentos do audiovisual galego, unha canteira de creadores e creadoras que emprega a rede como plataforma de difusión e novos formatos e ferramentas para expresarse.
Galicia é unha potencia en webseries. Na moi curta traxectoria do formato, o audiovisual galego creou algúns produtos de grande éxito e que recolleron numerosos recoñecementos, coma Angelica & Roberta, El viudo quiere mimos, Entre Pipas ou Clases de lo Social, por citar só algunha delas. O Carballo Interplay foi pioneiro na organización dun festival dedicado en exclusiva ás webseries e os Premios Mestre Mateo levan xa tres anos entregando o galardón á mellor serie web. En 2013 foi para Angelica&Roberta (en competición con Entre Pipas, Joke Business e Te Quiero, Pero), en 2014 para Entre Pipas (superando a Joke Business, El Quid e Canillejas) e en 2015 para El Método Sueco (sendo finalistas Clases de lo social, FAME e Te quiero pero).
"O bo das webseries é que che permite unha liberdade de contidos e de estrutura que dende logo non terías na televisión, cando menos da forma en que se fai televisión agora"
Fan os e as creadoras destas series web virtude da necesidade? Escollen esta fórmula de produción e difusión ante os obstáculos para difundir os seus traballos a través doutros soportes? Ou a liberdade que ofrece a rede, a ausencia de intermediarios, a posibilidade de ter audiencias fóra de Galicia e España é un valor en si mesmo que xustifica o formato? Jorge Boquete, director de El Método Sueco, recoñece que hai "un pouco das dúas cousas", pois "este é un formato que nace da escaseza de medios", pero destaca que "tamén das dificultades de difundir unha obra deste tipo, un produto arriscado, polo que moita xente non aposta". "O bo das webseries é que che permiten unha liberdade de contidos e de estrutura que dende logo non terías na televisión, cando menos da forma en que se fai televisión agora. As televisións e as produtoras traballan con formatos moi tradicionais, seguindo sempre a mesma fórmula, repetida mil veces e que xa tivo éxito" -di- "En Galicia estamos ancorados a un modelo moi antigo no que ademais non hai relevo xeracional. E estou convencido de que a nosa xeración ten moitas cousas que dicir e pode facer produtos con tanta calidade ou máis dos que se están facendo agora".
Boquete destaca a oportunidade que abre, sobre todo, para o tipo de comedia que practican en El Método Sueco, que semella non ter oco en Galicia e España na televisión: "Se fas un drama, e é bo, hai moitas opcións de que a televisión che merque o produto, pero é moito máis difícil que iso suceda cunha boa comedia. Noutros países é máis doado, si que a televisión emite series como Louie ou The Comedians', por poñer dous exemplos, e aquí non hai nada semellante. En certa maneira comezamos a facer El Método Sueco porque ese é o tipo de humor que nós consumimos e aquí non temos referentes".
"Este non é o escenario ideal, porque o ideal sería que a xente non tivese que converterse en mártir para sacar adiante os seus proxectos"
Os autores de Poetarras recoñecen a escolla deste formato a falta doutras saídas, destacando que "este non é o escenario ideal, porque o ideal sería que a xente non tivese que converterse en mártir para sacar adiante os seus proxectos". "A nivel de traballo remunerado é máis unha plataforma para coller impulso ca outra cousa. Aínda así temos satisfacción simplemente con facer o que queremos, amosando o que temos dentro... pero seríamolo moito máis vivindo disto, claro", engaden.
Pola súa banda, Sonia Méndez, unha das creadoras de Angélica&Roberta e directora do Carballo Interplay, destaca neste senso que "un dos grandes valores das webseries é a liberdade, que lles dá aos creadores a posibilidade de amosar o seu traballo directamente á audiencia, sen ter que pasar por determinados filtros" e que "hai unha serie de formatos transmedia, que mesturan audiovisual, música e outras cousas, que non teñen espazo na televisión hoxe en día".
"Aínda se escoita aquilo de que 'o futuro está en Internet', pero hai tempo que estamos aí, hai tempo que deixamos atrás o futuro". Internet é xa un soporte máis, e máis cedo que tarde vaise poder vivir disto"
Jorge Boquete reivindica os valores da comunicación a través da rede: "Aínda se escoita aquilo de que 'o futuro está en Internet', pero hai tempo que estamos aí, hai tempo que deixamos atrás o futuro". Internet é xa un soporte máis, e máis cedo que tarde vaise poder vivir disto" -di- "pero temos que conseguir que o público das webseries sexa máis masivo e que os espectadores da rede sexan moito máis esixentes, como é a xente coas series que se emiten fóra de Internet".
Neste senso, Sonia Méndez lembra que "está cambiando a maneira en que a xente consume ficción. A xente está vendo contidos e narrativas diferentes en novas plataformas, na tablet, no ordenador, e outros conectan o seu ordenador á televisión ou teñen unha smart tv, ou por exemplo os rapaces de 14 a 18 anos xa non ven televisión, ven youtubes". "Habitualmente cando algo está pasando non temos a distancia suficiente para velo con claridade ou para facer análises moi profundas, pero temos que ser conscientes de que algo importante esta sucedendo", engade.
"O que fai falla é que a industria nos tome máis en serio e se decate de que non somos uns rapaces que gravamos cousas co móbil, senón que detrás do que facemos hai traballo, hai ideas e hai propostas diferentes"
Jorge Boquete reclama ademais que "o que fai falla é que a industria nos tome máis en serio e se decate de que non somos uns rapaces que gravamos cousas co móbil, senón que detrás do que facemos hai traballo, hai ideas e hai propostas diferentes". "Eu vexo que, por exemplo, a TVG non ten ningunha vocación de creación para Internet, e creo que esa filosofía ten que cambiar. O audiovisual galego non é só o que se move pola túa televisión, é todo o talento que hai nesta terra, e teñen a obriga de apoialo", engade. "Toda a xente enche a boca dicindo que Galicia é unha potencia en webseries, pero iso non vale de nada se despois temos que estar mendigando para rodar un capítulo. Hai recoñecementos, hai cariño, pero hai pouco apoio", di.
"Temos un audiovisual a nivel comercial que se resiste a renovarse, non só no que se refire á xente que participa del senón sobre todo aos contidos, que a veces dependen máis de señores e señoras en despachos que dos propios creadores"
De igual xeito, o equipo de Poetarras subliña que "este sector debería apostar pola xente que está a demostrar o seu talento, sexa na plataforma que sexa. Temos un audiovisual a nivel comercial que se resiste a renovarse, non só no que se refire á xente que participa del senón sobre todo aos contidos, que a veces dependen máis de señores e señoras en despachos que dos propios creadores". Son as webseries un fenómeno pasaxeiro? Os creadores de Poetarras cren que "probablemente este momento de efervescencia das webseries rematará, porque agora mesmo estamos nun momento de auxe, de novidade, e non paran de xurdir". "Quen o faga para atopar outra cousa ou por apuntarse a unha moda acabará deixándoo co tempo, pero quen o faga por necesidade creativa seguirá facendo webseries polos mesmos motivos polos que podes facer música, debuxo ou poesía... polo pracer de crear e non en función da repercusión ou os beneficios que obteñas con iso", din.
O presente e futuro de El Método Sueco e Poetarras
El Método Sueco e Poetarras recibiron un bo feixe de parabéns recentemente. Os primeiros, por recoller o pasado sábado o Mestre Mateo á mellor webserie. "Non contabamos en absoluto co premio, creo que foi unha sorpresa para todos. Somos uns rapaces de 23 anos que non coñecemos a ninguén. Creo que se viu cando subimos ao escenario que estabamos aínda un pouco en estado de shock, non preparáramos nada", explican. "Creo que este tipo de premios son moi positivos, están recoñecendo o traballo de xente que empeza no audiovisual e que está creando sen ningún tipo de medio. Creo que isto lle dá dignidade á Academia", din.
"O presidente da Xunta parece que fixo méritos para que a xente lle teña ganas. Se ademais serve para que a partir de agora teñamos máis repercusión no que fagamos, encantados"
Hai ocasións en que unha obra de creación dá un salto de popularidade nun momento, polo motivo que sexa, e multiplica a súa audiencia. É o que lles pasou aos autores de Poetarras coa canción "Feijoo", que supera xa as 24 mil visualizacións en youtube. "Estamos bastante sorprendidos porque levamos un par de anos facendo cousas e nunca tivemos algo nin sequera que se achegara a isto. Tivo dez veces máis repercusión que a maioría das cousas que facemos e aumentou moito o público ao que chegamos", din. "Non pensamos que sexa cuestión de que isto sexa mellor que o que fixemos previamente, senón de que hai temas ou personaxes que, polo que sexa, teñen moito tirón. E o presidente da Xunta parece que fixo méritos para que a xente lle teña ganas. Se ademais serve para que a partir de agora teñamos máis repercusión no que fagamos, encantados", engaden.
E cal é o futuro inmediato de ambas as dúas series? Que proxectos teñen os seus creadores? No caso de El Método Sueco, os seus autores destacan que "agora estamos pendentes de rematar a tempada. Levamos catro capítulos emitidos e fáltannos por gravar outros cinco, nos que haberá colaboracións con Daniel Vilaverde ou con David Sainz". "Máis aló disto" -din- "estamos comezando a traballar nunha serie diferente, en colaboración con Alita Cómics. Xa a longo prazo queríamos meternos cunha longametraxe, pero iso aínda vai tardar. Paso a paso".
No que respecta a Poetarras, o seu equipo sinala que "ao comezo de cada tempada propoñemos e seleccionamos unha serie de ideas para todo o ano (orixinalmente 12 sketches e 3 cancións), que imos facendo case sobre a marcha, pero sempre estamos abertos a incorporar cousas novas". "O futuro inmediato" -apuntan- "é o de continuar facendo o que nos pete dentro das posibilidades que nos permitan os cartos, o tempo e, sobre todo, as ganas. E como ganas temos moitas seguro que seguiremos adiante con este e máis proxectos". "O día que deixe de ser un pracer e pase a ser unha obriga, morrerá, pero non ten pinta de que ese día estea preto", conclúen.
A experiencia do Carballo Interplay
"O día que deixe de ser un pracer e pase a ser unha obriga, morrerá, pero non ten pinta de que ese día estea preto"
Uns e outros pasaron polo festival o pasado ano, no caso de Poetarras mesmo con premio. "Foi algo inesperado porque o noso proxecto é modesto e polémico, e iso fai que gustes moito a algúns pero moi pouco a outros, polo que poñer de acordo a un xurado semellaba difícil. Para nós o feito de entrar a concurso xa era un premio. Supuxo un punto de inflexión s aumentou un pouco a repercusión do proxecto e sobre todo a consideración do mesmo, porque ás veces semella que ata que che dan un recoñecemento deste tipo non se valora o teu traballo (o cal é moi inxusto). Por outra parte, tamén supuxo unha axuda económica para continuar co proxecto con máis tranquilidade", destacan.
Nesta segunda edición, na que os integrantes do equipo de Poetarras participarán nunha videobatalla e tamén formarán parte do xurado, o seu protagonismo chegará na noite do venres, cunha sesión de proxección acompañada de concerto. "Para nós é especial que o festival nos queira como parte do seu programa, e serve para incidir na faceta musical do noso proxecto, que xurdiu como elemento acompañante e está tendo practicamente máis aceptación que os propios sketches", salientan
"Cousas coma o Carballo Interplay axudan moitísimo. Axudan a fortalecer unha industria que se constrúe dende abaixo, día a día por persoas que pasan horas e horas nas rodaxes"
Pola súa banda, Jorge Boquete destaca que "cousas coma o Carballo Interplay axudan moitísimo. O ano pasado foi moi importante para nós: supuxo unha inxección de adrenalina tremenda, tamén nos permitiu coñecer a moita xente, e formar unha especie de comunidade, poñéndolle cara a moita xente que está traballando no mesmo ca ti e que ten as túas mesmas problemáticas". "Axuda a fortalecer unha industria que se constrúe dende abaixo, día a día por persoas que pasan horas e horas nas rodaxes", engade.