A gala aRi[t]mar celebra por primeira vez na outra beira do Miño a cultura común de Galicia e Portugal

A gala da edición 2023 de aRi[t]mar, celebrada en outubro no Auditorio de Galicia © Aritmar

Braga acolle este sábado unha reedición da gala 2023, que tivo lugar en outubro en Compostela e na que se entregaron os premios ás mellores cancións e poemas do ano en Galicia e Portugal. Servirá de peche ao Congreso Internacional de Estudos Galegos, que comeza este mércores na cidade bracarense

Dende o ano 2016 os premios aRi[t]mar veñen celebrando o mellor da música e da poesía galego-portuguesa, con votacións nunha e noutra beira do Miño e unha gala final na que se entregan os galardóns e actúan os e as premiadas. Esta gala vén organizándose en Compostela -a iniciativa parte dun proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas da capital galega-, mais este sábado chegará por vez primeira a territorio luso, cunha gala en Braga que suporá unha reedición da gala aRi[t]mar 2023 celebrada o pasado mes de outubro no Auditorio de Galicia e que servirá de peche ao Congreso Internacional de Estudos Galegos, un evento que reunirá a estudosos de todo o mundo e terá lugar na cidade entre o 17 e o 20 de abril.

Volverán soar as cancións gañadoras da edición do pasado ano -o Lisístrata de Fillas de Cassandra- e o Maçãzinha, de Retimbrar en colaboración con Uxía Senlle- e os poemas máis votados -Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados, da ourensá Arancha Nogueira e Se de repente perto fosse um verbo, da barcelense Maria Isabel Fidalgo- e, sobre todo, haberá unha festa da irmandade galega e portuguesa, unha celebración da cultura compartida.

Fillas de Cassandra, na gala da edición 2023 de aRi[t]mar, celebrada en outubro no Auditorio de Galicia © Aritmar

A gala foi presentada este luns nunha rolda de prensa na que se destacou como o que naceu como un proxecto “intramuros” da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, foi gañando popularidade e seguidores ata chegar a todo o territorio galego e a Portugal

A gala, que se celebrará este sábado ás 21.30 horas no auditorio do Espaço Vita, foi presentada este luns nunha rolda de prensa na que se destacou como o que naceu como un proxecto “intramuros” da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, foi gañando popularidade e seguidores ata chegar a todo o territorio galego e a Portugal, tendo estado presente incluso en feiras e festivais internacionais coma o Womex ou o Vonk Festival de Gante.

Na rolda, a xefa do Gabinete de Apoio à Presidência da Câmara Municipal de Braga, Ana Ferreira, resaltou que a gala forma parte dunha xa longa listaxe de iniciativas apoiadas pola Cámara Municipal que teñen como obxectivo o de fornecer as relacións lingüísticas e culturais entre a Galicia e Portugal, pero tamén apuntou a varias outras áreas nas que un evento desta clase ten inxerencia alén da cultura. Segundo compareceu Ferreira, a mobilización de poboación contribúe a fortalecer a as xa fortes relacións económicas e sociais existentes na Eurorexión Galiza-Norte de Portugal.

De Ninghures e Os Quatro e Meia, mellor música do ano en Galicia e Portugal

Hai dúas semanas anunciáronse as cancións gañadoras das votacións populares da nova edición de Aritmar, que rexistraron un novo récord de participación ao achegarse aos dez mil votos. Morena de De Ninghures e Na Escola, de Os Quatro e Meia, foron escollidas mellores cancións do ano en Galicia e Portugal

Aínda que a gala deste sábado será unha reedición da que hai uns meses celebrou o mellor da música e da poesía do ano 2022, hai un tempo que xa está en marcha a nova edición de aRi[t]mar, que celebrará despois do verán a súa gala correspondente. 

Hai dúas semanas anunciáronse as cancións gañadoras das votacións populares, que rexistraron un novo récord de participación ao achegarse aos dez mil votos. Morena de De Ninghures e Na Escola, de Os Quatro e Meia, foron escollidas mellores cancións do ano en Galicia e Portugal.

Morena, estreada en outubro de 2023, alén de ser un dos máis bailables da banda, é boa mostra das confluencias que se dan nesta agrupación. Neste caso, as de tradición galega e as de electronic dance music. Noutros traballos, esta agrupación formada por, entre outros, músicos bergantiñáns, composteláns e fonsagradinos, tamén presenta influencias doutras tradicións musicais ibéricas, así como de sons magrebís ou latinoamericanos.

Os e as artistas que acadaron o podio en Galicia grazas aos votos do público foron o dúo Caamaño&Ameixeiras co tema Ai de Min e Mondra co seu Ardén

Pola súa banda, Os Quatro e Meia é unha agrupación formada por seis músicos que ten a súa orixe nunha xuntanza universitaria aló polo 2013. Practican unha música próxima ao pop-rock, con tendencia a cancións lentas e emotivas, alta presenza do piano e mais outros elementos como as seccións de corda.

Os e as artistas que acadaron o podio grazas aos votos do público foron, en Galicia, o dúo Caamaño&Ameixeiras co tema Ai de Min e Mondra co seu Ardén. En Portugal, o segundo e a terceira clasificado/a foron Miguel Araújo co tema Sagitário e Carolina Deslandes coa súa Saia da Carolina.

Abertas as votacións para escoller a mellor poesía

 dende o pasado venres está aberto o prazo de votación para elixir o mellor poema do ano en Galicia e en Portugal, que rematará o vindeiro 13 de maio. Son 10 poesías de cada país, que se poden ler na web de Aritmar

Ademais, dende o pasado venres está aberto o prazo de votación para elixir o mellor poema do ano en Galicia e en Portugal, que rematará o vindeiro 13 de maio. Son 10 poesías de cada país, que se poden ler na web de Aritmar.

As pezas finalistas para o premio a Mellor Poesía do 2023 en Galicia, son: Toco a túa vida na miña boca, de Ángel Suanzes; Sopras un dente de león cos labios moi xuntos, de Carlos Negro e Raquel Senra; (ESTA CASA DURMIDA), de Carlos Penela; entra o sol cheirar a casa, de Celso Fernández Sanmartín; Declara a dor, de Chus Pato; CRÓNICA, de Helena de Carlos; Pilara da Fraga, de Lupe Gómez; a viaxe é por dentro, de O Leo; CANTO SEGUNDO PARA UN FILLO NON NADO, de Silvia Penas; e NÓMADAS, de Xaquín Núñez e Ana Cea.

Por outra banda, as pezas finalistas para o premio a Mellor Poesía do 2023 en Portugal, son: O MAR, de Ana Marques Gastão; muda de lugar..., de César Pires; XIX, de Graça Magalhães; Habito a planície, de Helga Moreira; A arte do roubo às escuras, de Joana M. Lopes; XXXV – DESOLADA A CIDADE POPULOSA, de Jorge Vaz de Carvalho; NATUREZA, de Kay Pina; OS CONQUISTADORES: UM SONHO, de Paulo Tavares; XXIII, de Rita Tormenta; e Há mulheres que trazem..., de Sílvia Mota Lopes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.