Máis cor que na Ribeira Sacra: un festival de muralismo para embelecer a comarca e achegar a arte á veciñanza

Mural de Joseba MP en Quiroga © Ribeira Sacra Consorcio de Turismo

O obxectivo do festival  é achegar a arte urbana á poboación, concienciar sobre a importancia de combater o feísmo e embelecer as localidades da comarca

Dende hai uns días Castro Caldelas acolle o I Festival de Muralismo "Máis que cor na Ribeira Sacra", que se desenvolve ata o 21 de outubro. A programación do evento inclúe a realización simultánea de murais, unha master class, obradoiros, conferencias e unha visita guiada por especialistas.

O obxectivo do festival, impulsado polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, é achegar a arte urbana á poboación, concienciar sobre a importancia de combater o feísmo e embelecer as localidades da comarca, nunha actuación que continúa co proxecto Un toque de cor na Ribeira Sacra, iniciado no ano 2015 por este organismo, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia.

DOA OA (Sober), YOSEBA MP (Cambre), NOVENOEL (Rianxo), Alba Fabre Sacristán (Barcelona) e Cestola na Cachola (Santiago) realizarán senllos murais en Castro Caldelas

Cinco muralistas de recoñecemento nacional e internacional participan na iniciativa e están a realizar senllos murais que cando remate o festival servirán para embelecer distintos espazos da zona. Trátase de Doa Ocampo (Sober), máis coñecida como DOA OA, Yoseba Muruzábal (Cambre), alias YOSEBA MP, NOVENOEL (Rianxo), Alba Fabre Sacristán (Barcelona) e Cestola na Cachola (Santiago), cooperativa formada por Miguel Peralta, Xoana Almar e Raquel Doallo.

Ademais da realización simultánea destes murais, o pasado sábado 15 de outubro Alba Fabre Impartiu unha clase maxistral de pintura e realizouse o Obradoiro de expresión artística "Patróns e xeometría da natureza". Ademais, Xoana Almar ofreceu a conferencia "Os Murais de antes: temáticas e técnicas.

Dende hai anos cidades e vilas galegas locen un gran número de murais que "conseguiron xerar transformacións na paisaxe -moitas veces degradada-" 

Dende hai anos cidades e vilas galegas locen un gran número de murais de gran tamaño en paredes, medianeiras, muros e fachadas, expresións artísiticas que serven para embelecer estes espazos e facelos singulares. Estas iniciativas en ocasións van da man de festivais, como o Rexenera Fest, Festival Internacional de Arte Pública de Carballo ou o Desordes Creativas de Ordes. 

Hai uns meses a serie documental 'Museo a ceo aberto' analizou este fenómeno, destacando que estas intervencións artísticas "conseguiron xerar transformacións na paisaxe -moitas veces degradada- das nosas vilas, barrios e cidades". 

Mural de DOA OA nos Peares © Ribeira Sacra Consorcio de Turismo

No rural "o impacto que xera un mural é maior, a xente párase máis a velo" porque "hai unha maneira de ver o mural distinta que na cidade"

De igual xeito a cooperativa audiovisual Xarda realizou un vídeo sobre o muralismo no rural galego, entrevistando precisamente a Novenoel, Doa Oa e Cestola na Cachola (Miguel Peralta e Xoana Almar), participantes do festival que na actualidade se desenvolve en Castro Caldelas. 

Todos eles e elas desmentían a idea que pode existir do rural “como apartado, como periferia, onde non pasan moitas cousas, onde é moi difícil ter visibilidade”, como di Novenoel. Subliñaban neste senso que aínda que un mural pintado nunha zona rural é visto por menos xente que un realizado nunha cidade, "o impacto que xera é maior, a xente párase máis a velo" porque "hai unha maneira de ver o mural distinta que na cidade".

"Propoñemos o mural porque xera patrimonio, porque nos permite convertir espazos decadentes en cadros de gran tamaño; porque están na rúa, en contacto directo con viandantes, e teñen a capacidade de moverse, excitar, provocar e animar, sendo un vehículo sensibilizador"

De feito, na Ribeira Sacra hai xa unha tradición asentada, iniciada co proxecto Un toque de cor na Ribeira Sacra, impulsado polo Consorcio de Turismo da comarca iniciada en 2015 para que un grupo de artistas realizasen murais en medianeiras, inmobles abandonados, muros e outros espazos dos 21 concellos que conforman a entidade. O obxectivo era que estas intervencións de arte urbana contribuísen á recuperación de lugares abandonados, dotándoos de beleza e dimensión artística, con creacións que ademais fixesen referencia a elementos identitarios da zona, ás súas lendas e tradicións ou ás súas producións e profesións típicas, converténdose finalmente en elementos de orgullo local e de atracción de visitantes.

Inicio dos traballos dun dos novos murais que locerán na Ribeira Sacra © Ribeira Sacra Consorcio de Turismo

"Puxemos en valor elementos materiais e inmateriais, pois todos os murais fan referencia a lendas, oficios, festas..."

"Propoñemos o mural porque consideramos que é a expresión máis contemporánea da arte que se pode atopar, porque xera patrimonio, porque nos permite convertir espazos decadentes en cadros de gran tamaño; porque están na rúa, en contacto directo con viandantes, e teñen a capacidade de moverse, excitar, provocar e animar, sendo un vehículo sensibilizador", destaca o Consorcio.

"Con este proxecto conseguimos disimular elementos que desvirtúan o noso valioso entorno, e sobre os que non temos outra forma de intervir, puxemos en valor elementos materiais e inmateriais do noso destino turístico, pois todos os murais fan referencia a lendas, oficios, festas,... de Ribeira Sacra, e creamos un produto turístico innovador, un atrativo máis para a zona", engade a entidade

Mural de Cestola na Cachola nos Peares © Ribeira Sacra denuncia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.