'Museo a ceo aberto': a arte que transformou as rúas de Galicia

Unha das imaxes que compoñen a serie documental 'Museo a ceo aberto' © O cable inglés

Museo a Ceo Aberto percorre as citas referenciais da arte urbana en Galicia e reflexiona sobre o seu valor patrimonial, urbanístico, social e artístico

Nos últimos anos as fachadas e medianeiras de Galicia foron enchéndose de arte. Murais que mudaron por completo a imaxe externa de barrios enteiros de Vigo ou de Ferrol, pero tamén vilas como Ordes e Carballo e mesmo zonas rurais da Ribeira Sacra e outras comarcas. Agora unha serie documental realizada pola cooperativa cultural O Cable Inglés afonda neste tipo de arte urbana. 

Museo a ceo aberto consta de sete capítulos que se poden ver de balde na rede, centrados sucesivamente no festival DesOrdes Creativas (Ordes), nas Meninas de Canido (Ferrol), no Rexenera Fest (Carballo), na cultura urbana de Vigo, no Cromático Mural Fest (Cambre), no Delas Fest (comarca de Compostela) e no Urban Cores & Culturban (Lugo). 

Estas intervencións artísticas "conseguiron xerar transformacións na paisaxe -moitas veces degradada- das nosas vilas, barrios e cidades"

A serie está dispoñible na web e na canle de YouTube do Cable Inglés; e tamén no Portal da Lingua Galega, pois o documental foi realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo. A serie foi presentada este martes coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a guionista e directora da serie, Marián Fernández, e a directora executiva da cooperativa, Cristina R. Labandeira.

DesOrdes Creativas (Ordes), as Meninas de Canido (Ferrol), o Rexenera Fest (Carballo), a cultura urbana de Vigo, o Cromático Mural Fest (Cambre), o Delas Fest (comarca de Compostela) e o Urban Cores & Culturban (Lugo) protagonizan os sete capítulos

A través de conversas con artistas, comisariados e colectivos de creación, Museo a Ceo Aberto percorre as citas referenciais da arte urbana en Galicia e reflexiona sobre o seu valor patrimonial, urbanístico, social e artístico. Neste senso, destácase que en moitos lugares estas intervencións artísticas no espazo público "conseguiron xerar auténticas transformacións na paisaxe -moitas veces degradada- das nosas vilas, barrios e cidades". 

En moitas ocasións os murais conseguen "paliar o feísmo, atraer o turismo e ofrecer á cidadanía museos ao aire libre, abertos as 24 horas do día e de acceso totalmente gratuíto", sublíñase.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, coa guionista e directora da serie, Marián Fernández, e a directora executiva da cooperativa, Cristina R. Labandeira © O cable inglés

"Os muros e medianeras que outrora deixaban ver as fallas dun urbanismo mal cosido son agora experiencias transformadoras que dan boa conta do talento e capacidade creativa do noso territorio"

Dende O Cable Inglés destácase que "os muros e medianeras que outrora deixaban ver as fallas dun urbanismo mal cosido son agora experiencias transformadoras que dan boa conta do talento e capacidade creativa do noso territorio". Estes murais son en varios casos obras asinadas por grandes artistas recoñecidos internacionalmente, pero tamén serven para descubrir e promover "o talento de artistas de aquí". 

Ademais -destacan- estas obras ao aire libre "abrazan outras artes como a poesía, deixando nos muros versos case sempre na nosa lingua que serven tamén para normalizar o idioma na rúa e entre a poboación máis nova".

A serie reivindica a participación de mulleres artistas, fala do trato e a remuneración a artistas e reflexiona sobre o valor patrimonial dalgunhas obras

A serie afonda en temas como o impacto real que teñen estes eventos na rexeneración urbana e a transformación social dos lugares onde se intervén. Así mesmo, desenvolve un debate acerca da necesidade de contextualizar as obras ao tempo que se respecta a liberdade artística. 

De igual xeito, reivindica a participación de mulleres artistas nos programas dos festivais (crecente aínda que aínda minoritaria en relación á cota masculina), fala do trato e a remuneración a artistas e reflexiona sobre o valor patrimonial dalgunhas obras, como contrapunto á efemeridade deste tipo de arte.

Ademais, a serie conta coa música orixinal de 2PASØS; e tamén músicas cedidas por artistas galegas como Tanxugueiras, High Paw, Bala, Thomas Dylan, a Rebeliom do Inframundo, Todo el largo verano, Los Bonitos del Norte e Dios Ke te Crew.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.