As Meninas regresan a Canido nunha edición que pon no centro á muller e ás artistas

As Meninas de Canido CC-BY-SA Praza Pública

Este venres comeza unha nova edición das Meninas de Canido, a festa que dende hai unha década enche de cor as paredes deste barrio ferrolán, atraendo cada ano a máis público. No verán de 2008 as paredes de Canido enchéronse de Meninas por iniciativa de Eduardo Hermida e doutros artistas e veciños. Dende entón pintáronse centos de murais, coas Meninas de Velázquez como motivo central, revitalizando un espazo que destaca destaca tanto pola beleza da súa arquitectura tradicional coma polo gran número de inmobles abandonados.

Nos últimos anos, ademais, o evento foi crecendo en dimensión e proxección fóra de Galicia, atraendo as olladas doutros territorios do Estado. Á elaboración dos murais, que ocupa do venres ata o domingo, únense concertos, visitas guiadas, obradoiros e outro tipo de actividades. Cada verán as Meninas enchen de "orgullo" ao barrio e a toda a cidade de Ferrol. Hai dous anos, ademais, unha potente campaña publicitaria fixo un chamamento a Banksy para que se achegase ao barrio.

Meninas de Canido, 2017 CC-BY-SA

A edición 2019 das Meninas de Canido está centrado na arte femenina e na muller

A edición 2019 das Meninas de Canido está centrado na arte femenina e na muller, unha temática que ocupa xa o cartel, deseñado por Laura Maquieira, e titulado "(Fe) Meninas". Nesta ocasión serán unicamente 30 os murais que se pinten, un número inferior ao doutros anos, pero co que se busca a selección de obras de maior calidade. Os creadores e creadoras chegan dende Uruguai, Estados Unidos e de distintos puntos do Estado, dende Málaga a Barcelona. 

Entre as instalacións que xa se coñecen destaca un conxunto escultórico creado pola coruñesa Iria do Castelo, que une o Museo de Historia Natural e o corazón do barrio de Canido. Entre as actuacións, destacan os concertos de Siniestro Total, Killer Barbies e dos bateristas Miguel Lamas e Anye Bao. O domingo, Nabiza Girl (Isabel Risco) pechará as celebracións

Eduardo Hermida non pode explicar como “aquelas pequenas pinceladas de ilusión” chegaron a converterse nunha “marea de arte que hoxe invade o Canido”

Nesta ocasión, ademais, á festa súmase a inauguración dunha exposición sobre as Meninas no centro cultural Torrente Ballester. A mostra, organizada pola Concellería de Cultura en colaboración coa Agrupación Artística Meninas de Canido, está dedicada a esta proposta cultural. Este xoves o organizador das Meninas, Eduardo Hermida, explicou que non podía imaxinar que nos inicios “aquelas pequenas pinceladas de ilusión” chegasen a converterse nunha “marea de arte que hoxe invade o Canido”.

Así, dende este venres 30 de agosto e ata o 29 de setembro, no Torrente Ballester proxectarase a obra da artista británica Eve Sussman 89 seconds at Alcázar, cedida polo CGAC. A obra recrea os momentos anteriores e posteriores á realización da obra mestra de Velázquez. A través dunha linguaxe cinematográfica, explora as dimensións temporais da pintura , creando unha narrativa fílmica que imaxina as accións do pintor antes de despois do momento capturado no lenzo.

Meninas de Canido CC-BY-SA José Manuel García
Meninas de Canido CC-BY-SA r2hox
Meninas de Canido CC-BY-SA José Manuel García
Meninas de Canido CC-BY-SA José Manuel García

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.