Nos últimos anos fachadas e muros vigueses comezaron a ser cubertos coa cor e as formas de ducias de murais de gran formato, un total de 29 entre 2015 e 2016 aos que se engadirá 12 máis ao longo deste 2017 e co obxectivo de chegar a 100 no ano 2019.
O Concello de Vigo puxo en marcha esta semana unha web, Vigo, Cidade de Cor que permite percorrer os murais xa existentes nas medianeiras, paredes e outros espazos. A páxina amosa imaxes destas obras, con información sobre o seu autor ou autora e o momento da súa creación, ademais de localizalas nun mapa interactivo.
Delio Rodríguez, María Romero, Pinche, Maria Jose Pulido. Teresa Irisarri, Silvia Rodríguez Pena (SAX), Noel Peres Fungueiriño, Elara Elvira e Ana Santiso, Iria Blanco e Pedro Sardiña ou Hazul e Mona Car están entre os e as artistas que xa deixaron a súa pegada nas rúas viguesas.
Este 2017 é o terceiro ano que dende o Concello se impulsa o pintado destas obras, co obxectivo de embelecer e singularizar distintos espazos urbanos situados en todos os barrios da cidade, convertidos mesmo en puntos de atracción turística. O pintado de murais de esta terceira edición xa comezou cunha acción na rúa Coruña número 9 que se estima que concluirá o vindeiro 18 de xullo. Durante este mes de xullo e ata o 15 de agosto levaranse a cabo outras intervencións en rúa Florida, Avenida Beiramar, Colexio Niño Jesús de Praga, escaleiras entre rúa Romil e Avenida das Camelias, rúa Doutor Corbal, Pavillón do Carme, Pavillón de Bouzas, Avenida de Castelao, túnel da rúa Ourense, escaleiras entre Pi y Margall e Torrecedeira, e rúa Eduardo Cabello. Así mesmo realizaranse proximamente outros tres murais no Centro Comercial Coia 3, no parque de Navia e no muro da Igrexa de Fátima.
Ademais desta web, o Concello comezou o pasado ano a organizar visitas guiadas polos murais, unha iniciativa que repite neste 2017 por segundo ano consecutivo.