Nos últimos anos é cada vez máis habitual ver en Galicia fermosos murais de gran formato decorando fachadas e medianeiras. Obras de arte popular no espazo público que serven para embelecer e dotar de personalidade aos centros urbanos das grandes cidades, pero tamén en vilas e concellos rurais. Estas iniciativas, ao comezo illadas e levadas a cabo por un número reducido de artistas, cada vez se estenden máis, e son impultadas por festivais como o Rexenera Fest, Festival Internacional de Arte Pública de Carballo ou o Desordes Creativas de Ordes.
Novenoel, Doa Oa e Cestola (Miguel Peralta e Xoana Almar) desmenten a idea que pode existir do rural “como apartado, como periferia, onde non pasan moitas cousas, onde é moi difícil ter visibilidade”
A cooperativa audiovisual Xarda dedica ao muralismo no rural galego o terceiro vídeo da súa serie 'Lugar de' sobre problemas, movementos e iniciativas do rural galego, que nas dúas primeiras entregas afondou na situación do ensino e da sanidade no rural.
Nesta ocasión, Xarda viaxa a Tordoia, Os Peares e Compostela para entrevistar aos e ás muralistas Novenoel, Doa Oa e Cestola (Miguel Peralta e Xoana Almar). Todos eles e elas desmenten a idea que pode existir do rural “como apartado, como periferia, onde non pasan moitas cousas, onde é moi difícil ter visibilidade”, como di Novenoel. Subliñan neste senso que aínda que un mural pintado nunha zona rural é visto por menos xente que un realizado nunha cidade, "o impacto que xera é maior, a xente párase máis a velo" porque "hai unha maneira de ver o mural distinta que na cidade".
Os autores e autoras comentan que a poboación residente no rural adiota recibilos cunha certa "desconfianza". "Pero a xente do rural ao final valórao máis, faino seu", sinalan
Os autores e autoras comentan que a poboación residente no rural adiota recibilos cunha certa "desconfianza", sen crer moito no impacto positivo que un mural pode ter nese lugar. En parte débese, apuntan, a que "a arte insititucional, os museos, adoitaban estar separados da xente do común, do pobo, e aínda o están: son unha arte un chisco elitista". Por iso a xente non está afeita a ter esta relación directa coa arte, aínda a ve moitas veces como algo alleo, estraño.
"Pero a xente do rural ao final valórao máis, faino seu", sinalan, ao tempo que salientan a importancia (maior que nunha contorna urbana) de respectar o espazo no que se leva a cabo o mural, como se relaciona coa paisaxe e co resto de elementos.
"Estamos constituíndo un colectivo de muralistas para dignificar a profesión e coidar os nosos dereitos laborais"
Nas entrevistas destácase que "muralismo e o graffiti son dúas cousas completamente diferentes", reclamando os valores específicos dos murais e o xeito en que se adaptan e transforman os espazos escollidos para a súa realización. Neste senso, adiantan que “estamos constituíndo un colectivo de muralistas para dignificar a profesión e coidar os nosos dereitos laborais".
O proxecto 'Lugar de', que conta co apoio da Deputación da Coruña, inclúe tamén artigos escritos, centrados nas mulleres deportistas no rural, os cantos e bailes tradicionais e o seu papel na conservación da memoria ou a historia e cultura contidas en obxectos que constitúen verdadeiros tesouros etnográficos e patrimonio material.