Ordes, Carballo, Vigo, a Ribeira Sacra, A Coruña, Ferrol... Os murais esténdense polas cidades e vilas galegas. De forma espontánea pola acción de artistas e grafiteiros e, cada vez máis, por iniciativas institucionais que comprenden que estas creacións son unha forma de achegar cor e nova vida a espazos urbanos eslamiados (no mellor dos casos), ou caracterizados polo feísmo ou o abandono. Coñecidos son os exemplos de Lyon, Londres, Bristol, París, Milán ou Marsella, pero a arte urbana comeza a ser protagonista tamén en Galicia.
Falar de murais en Galicia é falar de Ordes. O seu Festival Internacional de Arte na Rúa Desordes Creativas chega xa á súa oitava edición, oito anos nos que foi enchendo esta vila e as medianeiras dos seus edificios de obras polas que paga a pena facer un percorrido. "O Festival actúa como unha eficaz ferramenta de rexeneración urbana e diálogo social, que converte vellos espazos en desuso ou abandonados en novos lugares cheos de vida e cor para o desfrute colectivo. Un gran museo público e gratuíto a ceo aberto", subliñan os seus organizadores. Por Ordes pasaron este ano artistas internacionais de prestixio, como Aryz, Axel Void ou Sr.X, pero nas súas rúas poden verse os traballos de creadores galegos que tamén deixaron a súa pegada fóra das nosas fronteiras. Liquen, Sokram, Sekone ou Nana demostran o alto nivel que en Galicia acada este tipo de arte.
O éxito e a rendibilidade social acadada polo Desordes Creativas non pasou desapercibido para outras localidades. E neste ano 2015 foron varias as iniciativas institucionais que fomentaron a arte na rúa. En xuño Carballo celebrou a primeira edición do Rexenera Fest, que reuniu cinco artistas de distintos países para que intervisen en cinco paredes de grande formato esparexidas polo casco urbano. O obxectivo do festival é "facer da nosa vila un gran museo ao aire libre que irá medrando ano tras ano" e servirá "como unha xanela de Carballo aberta ao mundo, para poñer no mapa a vila a través das súas rúas e favorecendo un turismo cultural diferente na zona urbana do concello". Ademais, destacan, "o evento actuará como un axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e utilizará as rúas como un espazo de diálogo e de expresión artística. Rexenerará espazos deteriorados, achegaralle valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizará o tránsito peonil e expandirá os espazos de lecer nas zonas nas que se vai intervir".
Tamén foi esta a primeira edición do proxecto Vigo, una ciudad de color, no que un total de 15 rúas, escaleiras, parques e medianeiras da cidade foron cubertas coas creacións dun gran número de artistas, por iniciativa do Concello. Dende a Rúa Zaragoza ao parque de Navia, pasando por Vía Norte ou as escaleiras de Pi y Margall ou Don Quijote, o que eran paredes baleiras foron transformadas en algo moi diferente, mudando en ocasións por completo a fisonomía da contorna.
Vén de poñerse igualmente en marcha unha iniciativa semellante na Ribeira Sacra, onde se van crear 21 grandes murais nos concellos que conforman estas comarcas. O proxecto, que conta co apoio da Xunta e do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, busca "conectar a paisaxe e a historia" da zona, "embelecer algún espazo dos máis degradados ou desapercibidos e crear unha nova herdanza, xunto coa existente". Ademais, quérese promocionar a candidatura do espazo para ser declarada Patrimonio da Humanidade. Xa se pode ver un mural no centro de Sober, inspirado na lenda da Pena da Serpe de Vilaescura, e están tamén rematados tres máis na Pobra do Brollón, Taboada e Ribas de Sil.
Non son estas as únicas localidades galegas que contan con exemplos de arte urbana. Podemos atopar interesantes creacións dende Cerdedo a Monforte e, por suposto, nas sete grandes urbes. Comezando pola Coruña, con fermosos murais en moitos dos seus barrios; unha cidade, ademais, cunha tradición acreditada neste campo, dende Lugrís a Seoane pasando por Leopoldo Novoa. Cómpre sinalar igualmente o caso de Ferrol e as Meninas de Canido, unha iniciativa nacida en 2008 e que xa se converteu nun dos símbolos da cidade, atraendo cada ano ducias de artistas.