Este domingo finalizou en Carballo a cuarta edición do Rexenera Fest, o festival de arte urbana que un ano máis engadiu novas obras aos muros e medianeiras da vila, contribuíndo a facer de Carballo "un gran museo ao aire libre". Nesta ocasión Lula Goce (Galicia), Bosoletti (Arxentina), Daniel Muñóz “SAN” (Cáceres), Milu Correch (Arxentina) e Doa (Galicia) foron os e as artistas convidadas a participar, completando cinco murais que se engaden aos ao redor de 20 que xa foron realizados nas tres edicións anteriores e cuxa localización exacta pode consultarse neste mapa.
Ademais, o evento contou con catro conferencias e dúas master classes (SPOK sobre manexo do aerosol e Javier Abarca sobre "entender a arte urbana"). Ademais, Javier Abarca reflexionou en Da arte urbana ao murais. Qué perdemos? sobre os últimos anos da evolución da arte urbana e establece as diferencias entre o que hoxe en día podemos chamar muralismo contemporáneo e a a arte urbana anterior.
Doa debullou o seu proxecto Reforestando, baseado na transformación do espazo público, mediante a intervención mural site specific de temática vexetal, coa única ambición de renacer espazos, coma o que realizou este ano en Carballo.
Cestola na Cachola explicou en Cooperativismo & Muralismo o cerne da súa actividade e a a súa filosofía de traballo, que resumen en tres piares: cooperativismo, de traballo asociado (únense para poñer en común o seu traballo) e sen ánimo de lucro, baixo a premisa de que "o salario non é lucro", pois defenden poder obter un salario digno a través da comercialización dos seus produtos e servizos.
Finalmente, Teresa Rivas e Santiago Pozo amosaron o Proxecto de conservación da arte urbana (Capus) da Universidade de Vigo. O principal obxectivo é o desenvolvemento das directrices para a protección (documentación, intervención directa e conservación preventiva) da arte urbana e a súa inclusión no módulo formativo de libre acceso a todas as titulacións e niveis de formación relacionados coa conservación do patrimonio.