Dous ex militares detidos como presuntos asasinos do ultra do Deportivo

Pancarta en recordo do ultra asasinado CC-BY-SA Praza Pública

Dúas semanas despois do asasinato, máis de trinta persoas foron detidas o pasado martes como presuntas participantes na brutal liorta ou responsables da morte a paus do afeccionado ultra do Deportivo, Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy, o pasado 30 de novembro. Entre as persoas arrestadas hai dúas que serían algunhas das supostas autoras materiais da agresión que matou o seareiro galego.

Os 36 detidos son membros do Frente Atlético e non se descartan máis detencións nos vindeiros días

Practicamente todos os detidos nesta operación Neptuno -que chegan xa a 40 e desenvolvida en Madrid e noutras localidades- pertencen ao Frente Atlético. Ademais, un deles é militar en activo da Unidade de Emerxencias e outro axente da Garda Civil en Rivas. Un dos presuntos asasinos do afeccionados branquiazul é un taxista da localidade de Parla, casado e con dous fillos que tamén tivo pasado na carreira militar, concretamente na Brigada de Paracaidistas (Bripac), e que fora multado por agredir dous xornalistas hai xa uns anos.

Na mañá deste mércores tamén foron detidos catro persoas máis en Xixón, membros dos Ultra Boys, peña do equipo asturiano, e arrestados pola súa suposta participación na liorta. Entre eles, outro ex militar de Langreo que tamen tería participado na malleira que causou a morte de Jimmy, segundo adianta a televisión pública asturiana. É un home de 27 anos con vículos con grupos da extrema dereita, tanto no Principado coma no Estado. Segundo El Confidencial, outro dos arrestados en Madrid tería participado tamén nos actos que provocaron o falecemento do seareiro galego.

Segundo fontes ás que tivo acceso Praza, hai sospeitas de que máis membros ou ex membros de forzas de seguridade participasen na liorta. Tamén hai menores de idade, unha muller e persoas de todo tipo de clase e condición, desde parados ata profesionais, e desde homes de 47 anos a rapaces de menos de 18. A todos eles impútansenlles delitos de tenza ilícita de armas ou obxectos perigosos e rifa tumultuaria, mentres que os dous presuntos asasinos serían acusados de homicidio.

Entre os detidos hai un militar e un garda civil en activo; dous dos presuntos asasinos formaron tamén parte do Exército hai tempo

As investigacións policiais comezaron a dar os seus froitos máis de quince días máis tarde dunha pelexa que acabou con 21 detidos -16 dos Riazor Blues, 4 do Frente Atlético, ademais doutra persoa-, case un cento de retidos e tamén varios feridos. Aínda que hai versións contraditorias, ningún dato demostrou aínda que a liorta fose pactada -tal e como se dixo nun principio- nin que houbese unha quedada previa a través de mensaxes ou redes sociais. Os Riazor Blues seguen a defender que foi unha "emboscada neonazi" por medio dun grupo que ía armado con paus e barras metálicas. A investigación parece insistir agora nesa teoría de que os ultras atléticos agardaban os afeccionados galegos para atacalos con elevada violencia. Todos os feridos por arma branca pertencían á peña deportivista.

A operación Neptuno -desenvolvida pola Brigada de Información de Madrid coa axuda dunha unidade de antidisturbios- seguiu a pista dos supostos agresores grazas ás gravacións das cámaras da zona onde se produciu a liorta e tamén a través dos teléfonos móbiles. Inténtase aclarar quen foron os autores materiais do violento asasinato sufrido polo seareiro deportivista, golpeado para logo ser lanzado ao río Manzanares, onde agonizou durante uns vinte minutos para morrer tan só poucas horas despois. Esta tan só será a primeira fase da operación, que se ampliará nos vindeiros días a unha segunda na que podería producirse detencións de cidadáns estranxeiros, segundo adiantou a Cadena Ser, que tamén asegura que un dos presuntos responsables da morte do seareiro galego é un taxista de Parla, casado e con dous fillos.

A operación terá unha segunda fase onde poderían deterse cidadáns estranxeiros

O asasinato do afeccionado galego causou tamén unha importante polémica, ao culpar Interior o Deportivo de erros de seguridade, malia que recoñeceu -e logo tamén se demostrou- que o club e a policía da Coruña avisaran a Madrid da presenza dos Riazor Blues esa mañá en Madrid. Nunha comparecencia no Congreso, o Goberno acusaou a entidade de non dar información "precisa" sobre o desprazamento dos ultras e destituíu os coordinadores de seguridade da entidade galega e do Atlético. A oposición recriminara a actuación do Executivo e lembráralle que tiña suficientes datos como para actuar antes, ao igual que sindicatos policiais en Galicia, que defenderon a actuación dos axentes e criticaron a da capital do Estado. De feito, o partido non foi declarado de alto risco, o que tería multiplicado por dez a presenza policial, nin as forzas de seguridade estaban presente nas inmediacións da pelexa, a pesar de que recoñecen que sabían que varios membros do Frente Atlético quedaran para almorzar ás sete da mañá.

Ademais, as medidas levadas a cabo polo Deportivo -presionado tamén pola Liga de Fútbol Profesional e o propio Executivo central- provocaron tamén unha importante polémica en Riazor, así como a fractura social do deportivismo. Unha parte da bancada criticou con dureza o peche da bancada onde adoitan situarse os Riazor Blues xunto a outros varios milleiros de persoas, así como que a entidade asuma as intencións das altas instancias gobernamentais e deportivas, que lle reclaman que o grupo ultra do Deportivo non volva ter presenza no estadio.

Pancarta en recordo do ultra asasinado CC-BY-SA Praza Pública
Imaxe tirada dunha gravación dos feitos CC-BY-SA El Diario

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.