A selección galega que depende de Louzán

Once inicial da reestrea da selección galega en 2005 © R. Aguete

"Eu quero que regrese a selección galega, pero non pode ser un partido de confrontacións políticas". Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra e novo presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF) manifestou este luns na Radio Galega a súa intención de que o combinado galego regrese aos campos no vindeiro Nadal. Pero asegurouno coa boca pequena e poñendo condicións. Fíxoo un día despois de que Cataluña e Euskadi disputasen un novo encontro amigable polas festas e xusto cando se cumpren nove anos da reestrea da Irmandiña naquel enfrontamento ante Uruguai en 2005 en Compostela.

Louzán di querer o "regreso" da selección galega pero "sen ser un partido de confrontacións políticas"

A selección durou o que durou o goberno bipartito na Xunta. Catro anos e catro encontros con considerable éxito de público e tamén como escaparate deportivo ante o Uruguai, o Ecuador, Camerún e Irán que viñeron acompañados por partidos do combinados feminino e co agromar doutros equipos galegos como o de fútbol sala ou o de baloncesto. "Aquilo foi moi importante para que os seareiros galegos puidesen ver xuntos o seu equipo, pero tamén como importante escaparate para moitos futbolistas e deportistas en xeral, tanto homes como mulleres", lembra agora Santiago Domínguez, daquela director xeral para o Deporte e unha das figuras claves no impulso que se lle deu á Irmandiña.

Agora, considera "unha mágoa" que Galicia acumule xa seis anos sen disputar partido amigable ningún e sente certa envexa cando ve como "Euskadi e Cataluña si celebran o seu partido anual". Cualifica de "absoluta falsidade" os argumentos económicos que daba -e aínda dá- o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para negar o partido. Chegou a falar dun gasto de un millón de euros para cada encontro, algo que nega rotundamente Domínguez, que asegura tamén que algúns daqueles encontros deron superávit grazas ao apoio de patrocinadores e que nos outros casos "quedouse practicamente a pre".

Santiago Domínguez destaca o éxito que tiveran os partidos da selección galega e nega o argumento de excesivo gasto que deu a Xunta para vetalos

O motivo da supresión dos partidos da selección "foi político", recorda o agora concelleiro do BNG en Vigo, que anima a comparar o gasto que tanto a Xunta como outras administracións públicas como as deputacións fixeron nas últimas edicións da Vuelta Ciclista a España. "Unha carreira onde xa non participa equipo galego ningún e nin tan sequera hai un corredor galego que nos represente", asegura. Só por parte do Goberno galego, e co obxectivo de promocionar turisticamente o país, gastáronse case 300.000 euros por unha etapa final en Compostela na última edición.

Agora, será Rafael Louzán o que teña que afrontar desde a Federación Galega de Fútbol a organización do partido da selección galega para dentro dun ano. A cor política non debería ser un obstáculo para un acordo coa Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que ten nas súas mans recuperar un encontro que o outro candidato -e derrotado- á presidencia da FGF prometera retomar en 2015. Fernando Vázquez, ex seleccionador galego, era un dos seus principais valedores e apoio á hora dunha organización que quedou en nada. O ex técnico de Compostela, Celta e Deportivo -entre outros- tamén lanzou un órdago ao novo dirixente do deporte rei no país. "Que non se esqueza da selección", manifestou hai pouco.

Problemas con xogadores tampouco debería ter. A dificultade para atopar xogadores de primeiro nivel naquela última etapa da Irmandiña contrapóñense agora coa importante cantidade de futbolistas de elite que reúne Galicia tanto en Primeira División como na Segunda, pero tamén en importantes ligas estranxeiras. Xuntando tan só os xogadores galegos de Celta, Deportivo e Lugo daría para unha convocatoria.

"Nunca houbo problema político ningún cos partidos da selección"

Pero Louzán insiste en que aqueles partidos da selección galega crearan "confrontación política". "Nunca houbo problema político ningún e a xente o único que quería era gozar dun equipo co que se sentía identificado", insiste Santiago Domínguez, que agarda que no décimo aniversario da reestrea do combinado galego poidan volverse xuntar polo Nadal os combinados masculino e feminino defendendo a camisola azul e branca. "E con todos os afeccionados, sexan do Celta, do Deportivo ou doutro equipo, animando a un mesmo conxunto", destaca o que fora director xeral para o Deporte, que lembra que aqueles encontros contribuíran tamén a impulsar unha rivalidade máis sa e menos comprometida entre afeccións rivais.

"A xente entende cousas que moitos dirixentes populares non saben ou non queren entender", remata Domínguez, con quen Praza mantivo unha conversa que será publicada completa este martes.

Louzán, durante unha visita a un campo de fútbol de Ribadumia © Deputación de Pontevedra
Galicia-Ecuador, en Riazor en 2007 © Siareir@s Galeg@s

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.