Nestes días de protestas gandeiras dúas preguntas arrodean as mobilizacións, especialmente entre a poboación non vinculada directamente ao sector lácteo: canto custa producir o leite? Que industrias e distribuidoras respectan eses custos para que os gandeiros non perdan cartos con cada litro que venden? A resposta non é doada e depende de variables diversas, dende as características de cada explotación á vontade de cada compañía, pasando polos avatares do mercado internacional. No entanto, si é posible achar uns promedios para achegármonos ao esquelete do custo de cada litro de leite galego.
Coa axuda do enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez aproximámonos á realidade das explotacións lácteas galegas a comezar polas "partidas de custo básico" dunha granxa que nos sirva como promedio das arredor de 10.000 que quedan no país, as cales producen "arredor de 2,5 millóns de toneladas de leite ao ano". En termos simples: "vacas, terras, construcións, maquinaria e persoal" para producir, de media, uns 260.000 quilos de leite ao ano que sairían das vacas de muxidura, "que non son a totalidade da explotación", toda vez que unha vaca "produce 10 meses ao ano" pero, evidencia, "come e necesita aloxamento e coidado tamén os dous meses restantes".
Para efectuar este cálculo medio trazaremos un escenario no que a produción é igual en todas a vacas. Se o promedio dunha vaca Holstein -as popularmente coñecidas como "pintas"- son uns 9.200 quilos anuais a nosa explotación tipo terá arredor de 28 vacas. Cómpre ter en conta, asemade, que unha vaca produce durante arredor de cinco anos, polo que tamén existen gastos de recría de xatas que "tamén precisan alimentación e coidados". A porcentaxe de recría para manter a explotación nos seus niveis medios será de arredor do 30%, isto é, dunhas 10 becerras.
Terra, alimento e mantemento
Outro compoñente esencial á hora de comprendermos estes custos é a terra. "Enténdese -explica Óscar Antón Pérez que unha explotación podería ser sustentable economicamente se tivese dúas vacas adultas por cada hectárea de terreo". No entanto, dado "o problema de terra" que padece o país, con cuestións como "a falta de transferencia de terras entre explotacións cesantes e as que permanecen", esta granxa media non terá, con toda probabilidade, terra dabondo. Estimaremos que ten 14 hectáreas, cumprindo esa media de dúas por vaca adulta pero sen terra dabondo para as becerras de recría.
"A falta de transferencia de terras entre explotacións cesantes e as que permanecen" eleva os custos en compra de alimentos para o gando
A terra, obviamente, está directamente ligada á alimentación, que se realiza "mediante ensilados de herba e millo forraxeiro, así como con palla e herba seca", pero tamén "se emprega o concentrado", isto é, alimentos elaborados. Os gastos de ensilado de millo e herba son, polo tanto, gastos de alimentación propia "que situamos en medias de 1.200 euros por hectárea ensilada" para o millo e 800, para a herba. Por outra banda, o gasto en concentrado para alimentación "considerámolo nos 0,31 euros por quilo", nun escenario no que "cada animal en produción consome 10 quilos diarios".
Para completar a conta fixarémonos no mantemento. Cortes, instalacións de muxidura, tanque de frío ou subministros de auga e luz súmanse ao custo de manter en condicións a maquinaria, isto é, os tractores pero tamén as sementadoras, as cisternas do purín ou as fresadoras. Á suma engádese o combustible e o aceite do tractor, así como os servizos veterinarios, que tamén derivan da propia explotación. A todo isto engádese a Seguridade Social agraria: cunha media de 1,6 persoas traballando -tecnicamente, Unidades de Traballo Ano (UTA)- nesta explotación representativa e unha cota media de 240 euros ao mes estaríamos falando duns 4.608 euros anuais.
O custo final
A división de todas estas cantidades entre a produción anual da nosa granxa daría como resultado que, con 260.000 quilos de leite producidos por 28 vacas pintas o custo de produción roldaría, aproximadamente, os 31 céntimos por litro. A esta cantidade aínda habería que engadir outros conceptos máis difíciles de estimar como cifras medias, tales como as amortizacións de maquinaria e construcións da granxa e os gastos financeiros de hipotecas ou préstamos que teñen que afrontar as persoas propietarias da granxa. É así como o litro de leite rolda os 30 céntimos que os gandeiros reclaman como limiar para a supervivencia e que non se acada dende comezos de ano, tal e como reflicten as estatísticas de prezos do leite declarado polos compradores. Graficamente, así estaría composto o noso litro de leite:
Este reparto de gastos, evidencia Óscar Antón Pérez, amosa "un volume enorme do gasto en concentrado en comparación co resto de gastos". Esta situación, detalla, é "moi frecuente nas explotacións galegas" e deriva, esencialmente, de dous factores: "a falta de terras para pastos e forraxes" e "un modelo produtivo baseado na intensificación". A combinación destes dous factores, indica, "trae como consecuencia unhas elevadas dependencias do mercado dos produtos agrarios destinados a alimentación" e "o incremento da aplicación de adubos e sementes que a explotación ten que mercar para elevar os rendementos por hectárea sementada". "Isto -conclúe- redunda en maiores gastos e en estar a mercé das empresas comercializadoras" e "tamén ten consecuencias na terra, pois a intensificación trae aparellados desequilibrios no solo e na diversidade biolóxica", chegando a poder "ocasionar a contaminación do solo.
E no supermercado?
Unha vez engadidos os custos de transporte, elaboración e envasado o litro non debera estar por baixo dos 61 céntimos no punto de venda, din os produtores
Este sería o custo medio co que o litro de leite sae da granxa, pero non é así como chega ao consumidor. Dende a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego, que nas actuais condicións xa estima o custo medio por litro nos 34 céntimos, explican que cómpre engadir ao cálculo catro conceptos máis. O transporte ata a industria transformadora supón uns 3 céntimos por litro e outro tanto o transporte ao punto de venda, que se realiza despois da elaboración e envasado, que vén custando uns 21 céntimos por litro.
É por isto polo que conclúen que ningún litro de leite debería poder estar no supermercado por baixo dos 61 céntimos. Dado que, obviamente, a compañía distribuidora obtén unha determinada ganancia polos produtos que vende, a venda por baixo deste limiar implica "quitarlle a súa parte aos produtores e produtoras galegas", advirten dende a Plataforma.