0 Gardados para despois

O leite galego seguiu por baixo do prezo de custo no mes da gran tractorada

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado verán o sector lácteo galego botouse ás rúas e ás estradas para reivindicar un leite con prezos xustos. As protestas, que se estenderon por múltiples puntos do país, culminaron coas grandes tractoradas de Lugo e Santiago e co traslado das protestas ás industrias e distribuidoras, que foron bloqueadas. Todas estas reivindicacións tiñan a vista posta no acordo que finalmente se pechou o 23 de setembro no Ministerio de Agricultura sen as grandes organizacións gandeiras galegas pero co aplauso e case co entusiasmo da Xunta, que non aforrou eloxios para os gandeiros que optaron por descolgárense das mobilizacións. Mentres todo isto acontecía, os prezos do leite seguían por baixo dos custos de produción.

Como detallou este diario, a produción de cada litro de leite galego supón arredor de 31 céntimos para os gandeiros e para que ningún elo da cadea perda cartos polo camiño, o produto non debera custar nas tendas menos de 61 céntimos. Eses 31 céntimos roldáronse no prezo medio acadado no conxunto do Estado, segundo datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Mentres, a media dos prezos declarados polos compradores e recompilados pola Consellería do Medio Rural indican que o sector galego aínda está uns 3 céntimos por baixo do equilibrio.

O litro leite estivo en setembro uns 3 céntimos por baixo do que custa producilo

Sempre segundo estes datos oficiais, o prezo medio que as explotacións gandeiras de Galicia recibiron polo seu leite en setembro roldou os 28,3 céntimos por litro de leite, o que implica que por cada 100 litros de leite recibiron apenas 60 céntimos máis que en agosto. Estes prezos están, polo tanto, aínda máis de 10 céntimos por baixo do que percibían os gandeiros a comezos de 2014, antes da fin do sistema de cotas.

A lixeira alza dos prezos do leite en setembro deixa os gandeiros galegos, comparativamente co resto do Estado, onde estaban. O leite galego segue sendo máis barato de todas as autonomías e continúa na banda baixa da Unión Europea, tal e como reflicten o FEGA e mais a Comisión Europea e se pode observar nos gráficos que acompañan esta información. As comunidades autónomas nas que o leite está mellor pagado son Canarias (44 céntimos o litro), Andalucía e Euskadi (34 céntimos). No conxunto da UE os prezos máis altos son os de Chipre (55 céntimos, Malta (49) e Grecia (41).

Análise do sector e da Xunta

Para a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego, que agrupa as principais entidades que impulsaron as mobilizacións do verán, os prezos que perciben as explotacións amosan ás claras que "os problemas do sector" seguen a ser moitos e "a maioría están aínda pendentes de solución" malia ao acordo asinado en Madrid, "polo que se require unha actuación urxente por parte da Consellería do Medio Rural". "O tempo pasa e o sector non ve solucións; os prezos do leite seguen a ser os máis baixos do Estado e non cobren os custos de produción, as relacións interprofesionais son unha materia mendente e os comproisos adquiridos no acordo aínda non se concretaron". Así, resaltan, segue pendente a promulgación dun decreto de garantías e a aprobación dun modelo de contrato tipo.

A nova conselleira di desexar que a suba de prezos sexa "maior" e insta as organizacións agrarias a "sumarse" ao acordo de setembro: "É o mellor que poden facer por Galicia"

A plataforma, como tal, está pendente dunha xuntanza coa nova conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que a pasada semana recibiu os representantes de Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asaja-Galicia. No marco dese encontro Vázquez mantivo unha postura semellante á amosada por Rosa Quintana mentres foi responsable do departamento: "O mellor que poden facer por Galicia" as organizacións agrarias, di, é "sumarse ao acordo lácteo", xa que "instarían a que se cumprise dende o principio ata o final". Os prezos, di a conselleira, "incrementáronse levemente" no último mes e, se ben "desexa" unha "suba maior", a leve alza é un "paso positivo".

Prezos do leite en setembro en Galicia, España e a UE

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.