O ERE do Popular ten xa cifras para Galicia e cumpre co duro axuste previsto. A segunda das reunións cos representantes dos traballadores no período de consultas deitou algo máis de luz sobre un expediente de regulación de emprego que prevé prescindir de un de cada catro empregados do grupo bancario no país, entre os que traballan no Pastor e os que o fan para a propia matriz. 435 empregos e 42 oficinas. Case o 25% dos postos de traballo na comunidade e o 15% do total de oficinas.
O ERE afectará 435 empregados e suporá o peche de 42 oficinas en Galicia
As reunións cos sindicatos continúan este xoves logo de que o plan de reestruturación da entidade que preside Ángel Ron especificase en Galicia o recorte de 435 empregados, 250 deles no Banco Pastor e detallados na documentación específica que afecta a marca galega do grupo, tal e como confirman a Praza fontes negociadoras do ERE. As outras 185 baixas afectarían o cadro de persoal do Popular e inclúense nas cifras detalladas para a sección "territorial nororeste" na que se inclúe Galicia. En total, a entidade prescindirá de máis do 24% do cadro de persoal que ten no país.
O grupo bancario prescindirá de un de cada catro empregados en Galicia: 250 do Pastor e 185 do Popular
Queda agora por saber cantas destas baixas se poderán levar a cabo a través de prexubilacións, que o Popular ofrece cun 75% do salario neto para aqueles traballadores que superen os 59 anos e que quedarían cubertos até os 63. Máis do 60% dos empregados afectados polo ERE en todo o Estado -1.800 duns 2.900- poderían acollerse a estas condicións. Segundo cálculos dos sindicatos, uns 190 traballadores do grupo en Galicia estarían incluídos neste grupo.
Os representantes dos traballadores agardan tamén coñecer nestes días as condicións ofrecidas nas posibles baixas voluntarias que esperan que o grupo incentive, así como o plan de mobilidade previsto ante o peche dalgúns servizos e das 42 sucursais que prevén botar o ferrollo en Galicia. Destas 42, sobre 30 serán oficinas do Banco Pastor.
En total, o grupo Popular pechará 18 sucursais na provincia de Pontevedra; 16 na da Coruña; cinco en Ourense; e tres en Lugo. Os peches serán importantes nas cidades, onde se concentran máis da metade deles, con nove en Vigo, sete na Coruña, tres en Ourense, un en Lugo, dous en Compostela e outros dous en Ferrol. Tamén quedarán sen unha oficina localidades como Arteixo, Narón, Oleiros, Carballo, Ribeira, Monforte, O Barco de Valdeorras, Verín ou Sarria.
Perderanse os postos de traballo destas oficinas pero iso non significa que sexan os empregados delas os que queden sen o emprego, xa que pode haber recolocacións no grupo. Todo dependerá de como evolucionen as negociacións dun ERE que os representantes dos traballadores consideran "brutal" e "desproporcionado" e que, tal e como denuncian, afectan de maneira especial a Galicia, que supón o 15% do total de despedimentos no Estado.
O ERE chega tan só catro anos despois de que a integración do antigo banco galego no grupo Pastor supuxese unhas 800 baixas en Galicia
O ERE chega tan só catro anos despois de que a integración do antigo banco galego no grupo Pastor supuxese unhas 800 baixas en Galicia entre traslados a Madrid -pola desaparición dos servizos centrais da antiga entidade galega na Coruña- e prexubilacións. Acompañados dos despedimentos, o peche de sucursais únese ao terzo de oficinas bancarias que os bancos pecharon no país desde que comezara a crise.
Na tarde deste xoves hai convocada unha concentración fronte á sede da Fundación Barrié na Coruña na que os traballadores volverán expresar o seu rexeitamento ao ERE, tal e como fixeran a pasada fin de semana en Compostela.