Os prezos medios que as explotacións gandeiras galegas reciben polo seu leite chegaron ao remate de 2016 encadeando medio ano de subas. Fixérono nun exercicio no que o sector combinou as mobilizacións con algunhas novas esperanzadoras, tales como a consolidación do proxecto de Leite Noso coa súa marca Deleite ou a unión de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños nunha nova cooperativa de maior dimensión. No entanto, estas subas producíronse despois de que, na primeira metade do ano, os prezos en orixe baixasen ata, un ano despois das grandes tractoradas, os niveis máis baixos da última década. Neste contexto, e á espera de coñecer o dato de decembro, o pasado ano péchase sen que o sector lograse acadar un prezo medio que cubra os custos e con medio milleiro de explotacións menos.
Galicia conta agora con 1.000 explotacións menos que a comezos de 2015
O último informe do Fondo Español de Garantía Agraria, correspondente ao mes de novembro do ano que vén de rematar, rexistra 8.554 explotacións con entregas de leite en Galicia. Son 524 menos que a comezos de ano e unha redución de 1.052 a respecto de xaneiro do ano 2015. Malia seguir aglutinando máis da metade das explotacións leiteiras do Estado, o 60% das 873 explotacións gandeiras que botaron o ferrollo durante 2016 estaban en Galicia.
Estes datos prodúcense nun contexto no que medio ano de subas non permiten, polo menos de momento, atravesar o limiar dos 30 céntimos, no que o sector ubica a fronteira a partir da cal é posible producir sen perder cartos. Os 29,7 céntimos acadados o pasado novembro son, con todo, o valor máis próximo a ese nivel dende as mobilizacións de 2015 e o posterior acordo lácteo, que parte do sector reduciu poucos meses despois a "papel mollado" pola súa escasa incidencia nos prezos, pola ausencia dun réxime sancionador e da definición dos prezos sostibles.
Nos últimos meses consolidouse o proxecto de Deleite e botou a andar a cooperativa de segundo grao CLUN
Este foi o contexto no que, nos últimos meses, avanzaron as devanditas iniciativas empresariais de Leite Noso e da unión de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños. No caso dos novos propietarios de Deleite a unión dos gandeiros reactivou a antiga factoría de Pascual en Outeiro de Rei, preto de Lugo, que inicialmente reabrira co fracasado proxecto de Alimentos Lácteos, polo que a Xunta apostara abertamente. Dende finais de 2015 o proxecto vén subliñando que prioriza a recollida de materia prima aos gandeiros que se atopaban nunha peor situación por mor dos baixos prezos e vén desenvolvendo, ademais, unha intensa actividade paralela con eventos culturais como o Festival do Leite, que tras o éxito da súa estrea en Santiago xa prepara unha segunda edición para este 2017, en Lugo, ademais de presentar novos produtos como, recentemente, unha liña de leite sen lactosa.
No caso da unión das devanditas tres cooperativas, que botou a andar baixo o nome de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), o inicio da súa andaina estivo marcado pola intención, en verbas do presidente de Feiraco, José Montes, de ser o "xermolo do gran grupo lácteo galego" sen "incorrer en erros do pasado". Esta cooperativa de segundo grao está en marcha a todos os efectos dende este 1 de xaneiro e ten como primeiro presidente a José Ángel Blanco, d'Os Irmandiños.