O avogado coruñés Pablo Arangüena presentou o 24 de outubro de 2011 unha denuncia coa que puxo en coñecemento do xulgado as polémicas prexubilacións millonarias de Novacaixagalicia. O de instrución número 2 da Coruña trasladou o caso á Audiencia Nacional, que ditou sentenza catro anos máis tarde e que ordenou a semana pasada a entrada en prisión dos cinco ex-directivos das antigas caixas. Foran acusados pola Fiscalía onde o sindicato CIG tamén denunciara anteriormente, o primeiro de outono daquel mesmo ano, polas indemnizacións, prexubilacións e irregularidades na entidade. Dous procesos paralelos e por diferentes vías que acabaron con Gayoso, Pego, Gorriarán, Rodríguez Estrada e Pradas na cadea pero con moitas dúbidas aínda por resolver.
A CIG presentou na Fiscalía unha denuncia que impulsou tamén o proceso contra os ex-directivos en paralelo á demanda de Arangüena
Clodo Montero era -e segue a ser- o secretario nacional de CIG-Banca e compromisario na asemblea xeral da antiga Novacaixagalicia. "Denunciamos porque era o noso deber legal e moral defender os intereses da entidade", explica, quen aclara que presentou o escrito ante a Fiscalía Xeral do Estado ao non teren no sindicato "máis documentación e constancia que as cifras que estaban a saír na prensa". O Ministerio Fiscal derivou a denuncia á Fiscalía Anticorrupción, que abriu dilixencias de investigación poucas semanas despois nun proceso que logo asumiría tamén a Audiencia Nacional.
"De non ser pola xornalista que investigou e publicou as indemnizacións, ninguén se tería enterado nin interesado"
O secretario nacional de CIG-Banca non nega a importancia das denuncias, pero repara no feito de que, "de non ser pola xornalista de El País que investigou, descubriu as millonarias indemnizacións e as publicou, ninguén se tería enterado nin interesado". "O impacto no sindicato foi terrible porque, ademais, viñamos dun ERE; non tiñamos constancia oficial desas prexubilacións pero soubemos que era certo e cumprimos co noso deber de denuncialo", insiste quen pon o foco na administración á hora de repartir responsabilidades sobre as desfeitas finais nas caixas galegas.
"Quen non actúa desde o inicio é a Xunta de Galicia e, ademais, nun marco que implica a esta mesma Administración", di Montero. Refírese ao feito de que todo o escurantismo que rodeou as caixas galegas e aos seus directivos fose fortalecido tamén pola propia lexislación. Tempo despois de que na prensa se desvelasen as indemnizacións de case 20 millóns de euros pactadas polos directivos, nada se sabía de maneira oficial. "A CIG pediu que, ao modificarse a lei de caixas se mudase o punto no que non se obrigaba á publicación dos salarios nin as condicións de saída fixadas nos contratos dos dirixentes, pero modificouse o anteproxecto e PP e PSdeG pactaron unha lei opaca mentres na banca privada xa era obrigado informar destas cantidades", lembra nunha reivindicación que compartían todos os sindicatos.
"PP e PSdeG pactaron unha lei de caixas opaca que non obrigaba a coñecer as indemnizacións; parte do que pasou teríase evitado"
"Parte do que pasou teríase evitado", advirte agora Montero, que censura especialmente o "desleixo" amosado polo Goberno galego cando "mesmo unha directiva europea" apuntaba xa sobre esta inconcibible opacidade nos salarios dos banqueiros. "Feijóo cedeu ao pulso que lle botaron os directivos", acusa o secretario nacional de CIG-Banca, que cre que coa entrada na cadea dos ex-dirixentes das caixas "fíxose xustiza pero só unha pouca".
"A sentenza gústanos só parcialmente porque non debemos esquecer que, entre indemnizacións e plans de pensións, consignáranse 52 millóns de euros para o retiro", di. De feito, os 10,4 millóns que a Audiencia Nacional reclama aos ex-directivos van sobre as gratificacións e prexubilacións que recibiron indebidamente, pero non afecta ao que deben cobrar a partir dos 65 anos. Toda a mellora que pactaron nos seus contratos ía moito máis aló e incluía, ademais desas cantidades polos servizos prestados e a prexubilacións, un plan de pensións derivado do anterior en Caixanova.
"Fíxose xustiza pero só unha pouca; os ex-directivos cobraron máis de 50 millóns e non devolveron nin o 10%"
"Cobran máis de 50 millóns e non devolveron nin o 10%; arruinan unha entidade na que hai que poñer cartos públicos e marchan", resume Montero, que insiste en que no tema das caixas "queda moito por investigar e moitas responsabilidades por depurar". "Houbo un despezamento das caixas galegas, vendendo os seus activos a prezo de saldo nun proceso opaco e cunhas perdas equivalentes ao orzamento da Xunta para un ano", indica. Máis de 9.000 millóns de euros públicos para rescatar o que quedaba delas.
Por todo isto, Clodo Montero ten claro que a comisión de investigación das caixas, que agora se retoma con polémica, "pechouse en falso" ao quedar "moito por pescudar". E lembra que o FROB denunciou na Audiencia Nacional diversas operacións en Novacaixagalicia "do que nada se sabe aínda". "Cando menos o Parlamento galego debería ter acceso a toda esa documentación, aínda que fose a porta pechada", engade para advertir tamén que a sociedade galega "segue sen coñecer aquel informe chamado auditoría de KPMG" que avalou unha fusión que acabou sen caixas galegas, un rescate millonario e un banco resultante en mans dunha empresa de Venezuela. "Queda moito por saber", remata quen puxo tamén a primeira pedra dun proceso xudicial que mantén na cadea cinco banqueiros.