0 Gardados para despois

O 70% de solicitantes de vivendas protexidas da Xunta desexan vivir de alugueiro

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No inicio deste marzo de 2017 o rexistro que recolle en Galicia as solicitudes de vivenda protexida reflectía un total de 12.880 inscricións. Son practicamente un terzo das máis de 34.000 que constaban no ano 2010, cando o actual Goberno da Xunta pechou definitivamente o anterior rexistro de demandantes, o creado en 2007 polo Executivo de PSdeG e BNG, cancelado polo PP por, segundo Alberto Núñez Feijóo, ser pouco "eficaz", presentar "distorsións" e fomentar o "atraso" na adxudicación de vivendas. Máis do 70% destas case 13.000 solicitudes non són para mercar un piso, senón para alugalo.

A norma que regula o rexistro dende hai sete anos distingue entre cinco grandes categorías de vivendas protexidas: de promoción pública xeral, de promoción pública en cascos históricos e zonas rurais, e tres rangos de promoción privada: especial, xeral e concertada, condicionados fundamentalmente polos límites de ingresos das familias solicitantes. En todas estas categorías as vivendas máis solicitadas son en alugueiro, sobre todo as de promoción pública xeral: case 8.000, ás que se unen máis de 400 solicitudes para zonas rurais e áreas histórica e case 700 para as diferentes modalidades de promocións privadas protexidas.

Máis de 9.000 solicitantes piden unha vivenda en alugueiro e outros 2.000, arrendar con opción de compra

Se ás solicitudes de vivenda protexida en alugueiro se engaden as das persoas que solicitan poder arrendar con opción a compra a cifra aínda é maior, superando as 11.000. Así as cousas, máis do 80% de quen aspiran a contar co apoio da Xunta para lograren unha vivenda apostan polo alugueiro, mentres que pouco máis do 15% desexan un piso en propiedade coa protección da Administración.

Menos do 6% de solo reservado para pisos protexidos

Estas cifras de solicitudes son as que a Xunta manexa mentres publica, este 1 de marzo, as reservas de solo para vivenda protexida nos plans urbanísticos dos concellos de máis de 5.000 habitantes. Este baremo, o primeiro publicado coas normas estipuladas na nova lei do solo, establécese a partir dunha fórmula que ten en conta a reserva total para vivenda protexida realizada por cada concello, o número de inscrición no rexistro de demandantes de vivenda protexida e o número total de habitantes do termo municipal. Cando a aplicación da fórmula dá unha reserva menor á media galega, aplícase automaticamente ese valor medio.

O concello ao que corresponde maior reserva para vivenda é protexida é Vigo, cun 14%, dez puntos menos que hai catro anos

Desta volta a media de solo reservado é do 5,5%, por riba do 4,66% do 2016, e do 4,71% do 2017, pero moi por baixo do 40% que establecía para os concellos de máis de 20.000 habitantes a lei de medidas urxentes de vivenda e solo do ano 2008, que segundo o PP estaba inspirada en principios da Unión Soviética e ía provocar unha "suba exponencial dos prezos", que baixaron moi notablemente durante a seguinte media década

Dende o inicio deste sistema, en 2013, Vigo resultou o concello con maior porcentaxe de reserva para vivenda protexida. Tamén o é neste 2017, pero con dez puntos menos que hai catro anos: do 24,8% pasa a pouco máis do 14%. A continuación sitúanse Ferrol, con case un 11%, e Pontevedra, con pouco máis do 10%. Na contorna do 9% sitúanse Lugo, Santiago e A Coruña mentres que Brión, o sétimo e último concello por riba da media galega, queda no 7,38%.

Estas variacións nas preferencias das solicitudes e na regulamentación da Xunta produciuse mentres o dereito á vivenda gañaba posicións nos debates públicos e nos programas políticos, fundamentalmente polo incremento dos desafiuzamentos durante os peores anos da crise nunha contorna na que a vivenda en propiedade veu sendo a dominante, se ben comezaron a agromar as primeiras reivindicacións sociais a prol do alugueiro con apoio público, especialmente nas cidades. No ámbito do arrendamento o Goberno galego vén promocionando iniciativas como o plan Aluga ou subsidios para o alugueiro en familias en situación de emerxencia social. Ten, ademais, vivendas pendentes de adxudicar en varios concellos, segundo informou nas últimas semanas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.