O proxecto mineiro de Erimsa ameaza 200 granxas leiteiras na comarca de Ordes

Estas son as zonas que se verían afectadas polos proxectos mineiros de Erimsa © SLG

O Sindicato Labrego Galego alerta de que os proxectos mineiros que pretende desenvolver a empresa norueguesa Erimsa nos concellos de Frades, Mesía, Oroso e Ordes na procura de seixo podería poñer en risco a existencia de 200 granxas gandeiras e 500 empregos directos, creando unicamente 8 postos de traballo indirectos. Nestes momentos está en exposición pública un proxecto extractivo que afecta á parroquia de Xanceda (Mesía) e tres permisos de investigación que afectarían o resto de concellos mencionados. En total suman 6.721 hectáreas, das que a maioría son concentración parcelaria dedicada a praderías e leiras de cultivo.

"Os terreos explotados quedan inservibles para a actividade gandeira. Ao extraer o mineral, que o elemento que lle confire estrutura ao solo e permite a drenaxe de auga, os prados non volven producir forraxe ao 100% até pasados uns oito anos"

O SLG convocou unha asemblea aberta o xoves 23 de marzo ás 22 horas na Casa de Cultura de Xanceda (Mesía) para informar as persoas afectadas e granxas sobre a etapa na que se atopa o proceso e asesorarase na redacción e presentación de alegacións. O sindicato alerta de que a explotación de seixo consistiría na extracción de terra a ceo aberto, até unha profundidade de 2'5 metros, e o posterior recheo coa terra sen o seixo. Desta maneira, os terreos explotados quedan inservibles para a actividade gandeira. Isto é así porque ao extraer o mineral, que o elemento que lle confire estrutura ao solo e permite a drenaxe de auga, os prados non volven producir forraxe ao 100% até pasados uns oito anos como mínimo e calquera precipitación de choiva, por pouca que sexa, transforma o terreo nunha lameira impracticable para o gando maior e o acceso de tractores.

A coordinadora do SLG na bisbarra de Ordes, María Vieites, afirmou que “todos estes proxectos constitúen unha sentenza de morte para a comarca. Se estes proxectos van para adiante, as granxas afectadas deixarán de ter acceso á terra da que depende a súa actividade económica e mesmo poderían perder as axudas da Política Agraria Común (PAC) que perciben, que nesta zona supoñen de media uns 400 € por hectárea”. Ademais do proceso de alegacións da xente afectada, María Vieites sinalou que será determinante a posición dos concellos: “É importante destacar que os concellos onde se vai desenvolver a actividade de Erimsa teñen que emitir o seu ditame, polo que vai ser moi importante que gobernos municipais como o de Frades ou o de Mesía, que viven case en exclusiva da actividade gandeira, se opoñan a estes proxectos. Os concellos afectados deben decidir de que lado se poñen, se do lado de Erimsa, ou do lado das granxas afectadas”.

“Todos estes proxectos constitúen unha sentenza de morte para a comarca"

Erimsa suma varias sentenzas do TSXG contrarias á súa actividade na Terra Cha, onde os seus proxectos foron paralizados. Ademais, na zona afectada ten cometido xa ilegalidades ao facer prospeccións sen licenza en Oroso, feitos denunciados polo SLG no seu día.

 

Coordinadoras do SLG en Ordes e Terra Cha © SLG
Estas son as zonas que se verían afectadas polos proxectos mineiros de Erimsa © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.