A Xustiza condena a Xunta a pagar 840.000 euros máis por anular o concurso eólico do bipartito

Parque eólico en Muras CC-BY-ND Santi Villamarín

Outros 842.000 euros máis xuros. É a nova indemnización que a Xunta terá que asumir logo doutro ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) derivado da polémica anulación do concurso eólico do bipartito por parte do Executivo de Feijóo nada máis chegar a San Caetano. Desta vez, a Administración deberá abonar esa cantidade a Ventauría Enerxía Rural, grupo lucense que obtivera 160 megavatios, sendo un dos máis beneficiados daquela repartición de hai máis de oito anos. 

O TSXG estima parcialmente o recurso de Ventauría e declara a responsabilidade patrimonial da Xunta por "danos e prexuízos"

A sección primeira da sala do contencioso-administrativo do TSXG estimou en parte o recurso interposto por Ventauría e declarou a responsabilidade patrimonial da Xunta polos "danos e prexuízos" sufridos polo grupo empresarial como consecuencia da decisión do Goberno galego de suspender a autorización de instalacións mentres non se aprobara a nova lei que mudou o modelo eólico en 2009. Así, o Superior condena a Administración a abonar a cantidade de 842.721,23 euros (máis os xuros legais desde a data da reclamación en vía administrativa), por ver a compañía "frustrada de forma sobrevinda a posibilidade de desenvolver as instalacións" autorizadas para os parques eólicos de Porteliña, Outeiro do Home, Coto da Lebre e San Sebastián. 

Xa que logo, o ditame do TSXG estima parcialmente o recurso que o grupo empresarial lucense -liderado por Café Candelas e Ingapán- presentara contra a presunta desestimación desa reclamación de responsabilidade patrimonial da Administración, e recoñécelle máis de 800.000 euros de indemnización dos case 15,5 millóns que solicitaba. 

O grupo lucense, liderado por Café Candelas e Ingapán, obtivera 160 megavatios no concurso eólico de 2008

Ventauría, estando xa tramitándose os expedientes de autorización dos parques eólicos, viu como a Consellería de Economía acordaba suspender as tramitacións en agosto de 2009. Só tres meses máis tarde, o 22 de decembro de 2009, ditábase a lei 8/2009 pola que se regulaba o aproveitamento eólico, así como a resolución do 30 do mesmo mes que acordaba o desestimento dos procedementos de instalacións eólicas, unha decisión que foi impugnada pola compañía. Xa no verán de 2013, ao grupo empresarial foille notificada a desestimación do seu recurso e é un ano despois cando reclama á Xunta a responsabilidade patrimonial polos danos causados pola anulación das autorizacións eólicas. Ao non ser resolta expresamente, impugna a desestimación presunta e o TSXG dálle a razón

Mentres que a Xunta argumentaba que xa transcorrera o ano previsto para esa reclamación, Venauría advirte que a data inicial para o cómputo do prazo é desde aquel verán de 2013 no que foi notificada a sentenza, ao ser ese "o momento no que esvaeceu calquera posibilidade" de que se "permitise a retroacción" das autorizacións dos parques eólicos. Só daquela puido coñecer a empresa "o alcance dos prexuízos producidos". O TSXG dálle a razón e, analizados os investimentos levados a cabo e os xustificantes de pagamento e documentación achegadas, decide condenar a Xunta ao pagamento da indemnización nun ditame que é recorrible. 

 

Máis paus xudiciais

O ditame do Superior non é o primeiro nste sentido tras a anulación do concurso eólico do bipartito. Hai agora un ano, tamén considerara parcialmente o recurso interposto pola empresa EDP Renewables Europe e condenou a Industria a indemnizala con arredor de medio millón de euros. Noutro ditame semellante, condenouse tamén a pagar máis de 220.000 euros a Cupa Renovables tras recoñecer o dereito a indemnización dos parques eólicos anulados.

Ademais, a polémica anulación do concurso eólico do bipartito fora declarada ilegal anos máis tarde polo TSXG nunha sentenza ratificada logo polo Supremo. Pouco antes, o mesmo alto tribunal galego acordara legal o procedemento de regulación do sector levada a cabo polo Executivo que presidía Pérez Touriño, mentres que o novo concurso posto en marcha polo Goberno de Núñez Feijóo fora tombado tamén polo Superior galego hai agora un ano.

No balbordo xudicial que supuxo a polémica anulación, o Supremo avalou en abril de 2016 a anulación do concurso eólico do bipartito, en aparente contradición co ditaminado tan só un ano antes polo mesmo tribunal. Daquela, só se pronunciara sobre a decisión de agosto de 2009 de anular as adxudicacións dos megavatios, mentres que nesta última ocasión decidira sobre a anulación final do concurso, adoptada tres meses despois. 

Sexa como for, e case oito anos despois daquelas polémicas decisións do Executivo de Feijóo aos poucos días de chegar a San Caetano, o sector continúa estancado, a Xunta enlamado en batallas xudiciais e pagamentos de indemnizacións e outros territorios collendo a dianteira nun ámbito no que Galicia era potencia. 

Membros do Goberno de Feijóo, nun parque eólico © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.