Os alcaldes da Costa da Morte manteñen a súa desconfianza en Ferroatlántica e nas decisións que tome para o futuro das súas factorías na zona logo de que a Xunta decida se accede á súa petición de segregar as súas actividades para poder vender as centrais hidroelécricas de Xallas e Grande. Os rexedores mantiveron este venres unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, da que saíron esperanzados pero tamén preocupados pola posibilidade de que esa posible desagregación implique fiarse unicamente das promesas da compañía para manter o emprego e a produción na comarca. Non se fían.
O conselleiro de Economía lembra que no plan industrial de Ferroatlántica "non hai ningún tipo de garantía"
O propio conselleiro, en declaracións aos medios tras a xuntanza, lembrou que Ferroatlántica presentou un plan industrial "como elemento que permitiría a continuidade da actividade" no caso de separarse a actividade da ferroaliaxe da produción das centrais, pero recoñeceu que "aí é onde non hai ningún tipo de garantía". Con todo, tanto el como Feijóo insistíronlles aos rexedores que o Goberno galego actuará "conforme a dereito" e que "salvagardará o interese público" e que "non dará ningún paso ata ter ese ditame xurídico e ese posicionamento dos técnicos desde o punto puramente xurídico". Xa o advertira o presidente da Xunta, que descargou toda a responsabilidade da decisión na Asesoría Xurídica. E non parece que se vaia mollar máis.
Esa foi a impresión coa que saíron varios dos alcaldes que asitiron á reunión. Participaron na xuntanza o alcalde de Cee, Ramón Vigo; o de Carnota, Ramón Noceda; o de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León; o de Muxía, Felix Porto; o de Vimianzo, Manuel Antelo; o de Fisterra, José Marcote; o de Mazaricos, Juan José Blanco; o de Corcubión, Manuel Insua; o de Zas, Manuel Muíño; ademais do tenente de alcalde de Dumbría, José Antonio Casais.
"Semella que estamos abocados a unha negociación", di Ramón Noceda, alcalde de Carnota, que considera "non cribles" as promesas da compañía
Noceda, rexedor carnotán, dixo saír da xuntanza coa "impresión" de que "na Xunta xa coñecen o resultado do informe xurídico", que podería estar listo en quince días. "Semella que estamos abocados a unha negociación", engade quen lembra que a reunión "é un pouco buscada e un pouco ficticia". O alcalde deixou claro tamén que Feijóo asegurou a aceptación da decisión dos funcionarios, pero sospeita "que non haberá informe negativa nin positivo, senón que deixará a porta aberta ás interpretacións políticas".
É aí onde Noceda, no caso de que se acepte a segregación, desconfía dos "investimentos e melloras" que Ferroatlántica promete e que, di, "non son moi cribles". "Non hai garantía de que se vaia facer nada diso e temos as nosas reservos respecto da credibilidade da empresa, que non é moita nestes tempos", di en referencia aos casos de corrupción que salpican o presidente do grupo empresarial, Juan Miguel Villar Mir.
O rexedor lembra que Feijóo "alude moito á salvagarda do interese público e á defensa do emprego", pero lémbralle que "non se poden poñer os recursos económicos da Costa da Morte como moeda de cambio". "Os encoros e as centrais están aquí e non poden ser recursos para futuros investimentos noutras zonas", insiste quen aclara queu os rexedores "deben estar cos traballadores" e "ser partícipes" das decisións futuras que se tomen.
Os alcaldes, tal e como manifestou o de Cee, Ramón Vigo, á saída da xuntanza, aseguran que Feijóo lles trasladou que a petición de Ferroatlántica "non presenta garantías para que se poida cambiar a concesión actual". Esa é a esperanza que manteñen á espera da resolución xurídica. O rexedor de Vimianzo, Manuel Antelo, dise algo "satisfeito" por "non estar acreditado no expediente o interese público" que xustifique a anulación do veto á segregación, pero tamén "preocupado" por que a posible segregación das actividades "se intente compensar garantindo uns postos de traballo na Costa da Morte", unha promesa da que non se fía tampouco.
"Queremos que Ferroatlántica siga aquí, pero non podemos darlle un cheque en branco", di Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo
"A empresa non fai nin o mantemento mínimo", lembra respecto da posición das factorías na Costa da Morte. Para Antelo, a posición de Ferroatlántica "non é nada crible" e acúsaa "de non poñer todos os datos enriba da mesa" á hora de defender a súa postura. "Non se pode falar dos beneficios coa ferroaliaxe e duns resultados non tan prósperos coas centrais e ao tempo queixarse dunha enorme débeda", insiste quen lembra que "Villar Mir e o seu xenro están imputados por presuntas prácticas fraudulentas". "Queremos que a firma siga aquí e leve a cabo os seus proxectos industriais, pero non podemos dar un cheque en branco cando agora temos unha garantía sen a cal perdemos calquera posición de forza", engade. "Se as actividades non estivesen vinculadas, agora mesmo non teriamos garantido que a produción vai estar aquí", remata.
Á saída da reunión, e ante os medios, o alcalde de Cee, Ramón Vigo, asegurou que a Xunta mantén unha posición de telos "completamente informados da realidade" e asume que hai "dificultades" de que de permitirse a segregación se poida manter a actividade industrial na empresa. Pola súa banda, o tenente de alcalde de Dumbría, José Antonio Casais, destacou que, na reunión, o Goberno galego explicou "con moita transparencia" cal era a situación sobre a solicitude de segregación e que "a partir de aí, os servizos xurídicos estaban a estudalo".
"As centrais son un seguro de vida para as fábricas", sinalou o tenente de alcalde, que recoñeceu que "o presidente foi moi explícito" e que asegurou que "en ningún caso ía tomar ningún tipo de decisión sen ningún informe xurídico potente" e que "en ningún caso ía prevaricar". Con todo, avanzou que unha vez teña a resolución a Xunta e en función do que se decida, os rexedores da zona "tomarán decisións" xa que "a súa función é defender os traballadores e a permanencia da empresa".
"A decisión tamén ten que ver coa política"
Ademais, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, criticou este venres a posición do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "a favor" da empresa Ferroatlántica. "Esa posición do señor Feijóo é unha posición a favor da empresa e do señor Villar Mir. A equidistancia aquí non existe", asegurou en relación ás declaracións do presidente nas que descargou toda a responsabilidade nos funcionarios da Asesoría Xurídica, unha actitude que pediu que non tivese.
"A posición de Feijóo é unha posición a favor de Villar Mir; a equidistancia aquí non existe", di Antón Sánchez
"Non é só unha decisión que teña que ver co xurídico, senón tamén política", insistiu. "Estamos fartos dos privilexios do señor Villar Mir, que fixo millóns e millóns á conta dos recursos naturais deste país. E aínda por riba agora quere facer caixa para retirarse", denunciou o político de En Marea, xusto antes de advertirlle que "non pode facer negocio nin especular co que é de todos os galegos e galegas".
Por outra banda, o PSdeG esixiu "transparencia e legalidade" á Xunta na xestión da petición de venda das centrais de Ferroatlántica. As deputadas socialistas da Costa da Morte, Loli Toja e Margot Lamela, reclamaron a continuidade da empresa logo dun encontro co comité de empresa da factoría. Alí lembraron que o futuro de moitas persoas está “en xogo pola operación de venda dunha empresa”, que utiliza a milleiros de familias “como moeda de cambio para tapar as súas débedas”.