As inscricións no paro baixan en Galicia ata niveis de 2009, pero aínda faltan 60.000 empregos

Traballo nunha planta de envasado de leite © Xunta

As grandes cifras do desemprego rexistrado, indicador que mide as inscricións no Servizo Público de Emprego, foron positivas no que atinxe a Galicia no pasado mes de maio. A baixada de 4.991 rexistros a respecto do mes anterior, un 2,44, supón que nas listas do paro haxa inscritas na actualidade 20.826 persoas menos que hai un ano, un descenso interanual do 9,45% que deixa a cifra total en 199.638, o que supón descender da barreira das 200.000 por segunda vez en apenas un ano. O desemprego rexistrado no país acentúa deste xeito a súa tendencia ao regreso a niveis do ano 2009, como o crecemento económico, pero o ritmo non é o mesmo na outra face da moeda do mercado laboral, a creación do emprego. Non en van, na actualidade están afiliadas á Seguridade Social unhas 60.000 persoas menos que hai oito anos.

O desemprego rexistrado quedou en maio en 199.638 persoas, o que supón un descenso interanual do 9,45%

As boas cifras do desemprego rexistrado o pasado maio, feitas públicas este venres, son moi semellantes ás do verán de 2009 e tamén ás do 2016, coa diferenza de que neste 2017 o descenso por baixo das 200.000 inscricións chegou un chisco antes, o que pode suxerir que o arrastre das contratacións da Semana Santa é maior que noutros exercicios. Desta volta, ao contrario que noutras ocasións, a xeración de emprego é superior en termos absolutos ao descenso das inscricións no paro, con 6.836 afiliacións medias máis á Seguridade Social que no mes anterior, unha suba do 0,71%. No balance interanual sucede algo semellante: saíron das listas do paro 20.826 persoas as cotizacións medias soben en 22.125. Así e todo, a economía galega aínda precisaría dun amplo período de creación de emprego neto para ascender das algo máis de 970.000 persoas a cotizar en maio de 2017 ata volver rachar a barreira do millón de empregos, algo que sucedeu por última vez no verán de 2011.

Os 6.800 novos empregos do mes de maio rexistráronse mentres se asinaban 87.595 contratos

Como vén sucedendo dende a fin da recesión económica, boa parte do incremento do emprego está apoiado na temporalidade e nunha ampla rotación -un mesmo posto de traballo cuberto por varias persoas-, factores favorecidos polas dúas últimas reformas laborais. Así, os datos de maio afondan na tendencia de bater récords de contratos que vén experimentando a economía galega. Os 6.800 novos empregos do mes de maio rexistráronse mentres se asinaban 87.595 contratos -uns 13 contratos por emprego, de media-, dos que 80.855 eran temporais e os restantes 6.740, indefinidos, o que supón que a contratación temporal medra a un ritmo do 19,10% mensual e a indefinida, a un 8,62%. A evolución interanual de ambas variables é, no entanto, semellante e mesmo un chisco positiva para a banda dos indefinidos: 14,92% de medre interanual dos contratos indefinidos fronte ao 14,36% da temporal.

O sector servizos é o que máis contratos rexistra

Dentro dos abondosos contratos temporais asinados en maio a maior parte deles, uns 63.200, rexistráronse no sector servizos, destacando dentro deles as contratacións eventuais por circunstancias da produción (36.923) e as de obra e servizo (18.384). Nos contratos indefinidos tamén destaca o sector servizos, con 4.956, seguido da industria (785), a construción (620) e a agricultura (379). A evolución da contratación segue a ser, deste xeito moito máis vigorosa que a da afiliación á Seguridade Social: os contratos medran por riba do 14% interanual, pero o emprego total apenas supera o 2,3% de crecemento con relación ao ano anterior.

Menos da metade das persoas rexistradas no desemprego cobra algunha prestación

Esta evolución do emprego prodúcese mentres menos da metade das persoas rexistradas no Servizo Público de Emprego como demandantes dun posto de traballo reciben algún tipo de prestación por desemprego. Segundo os datos do Ministerio de Emprego eran o pasado abril -esta información ofrécese cun mes de demora- eran, concretamente, 95.212 persoas a recibir algún tipo de achega por desemprego e só 38.398 cobraban unha prestación contributiva. Isto supón que a taxa de cobertura da protección por desemprego estaba situada nese mes un chisco por baixo do 47%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.