0 Gardados para despois

INTERACTIVO | O sistema financeiro galego, esfarelado nunha década pola crise e a mala xestión

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No ano 2008, considerado o de inicio da crise económica pola caída de Lehman Brothers, en Galicia funcionaban algo máis de 2.535 oficinas de entidades financeiras, entre caixas e bancos que manexaban uns 50.000 millóns de euros en depósitos e mantiñan uns 70.000 millóns en créditos, ambos indicadores en máximos históricos. Naquela altura o panorama financeiro do país estaba dominado polas dúas grandes caixas, Caixa Galicia e Caixanova, que no ano inaugural da crise declaraban beneficios que roldaban en ambos casos os 200 millóns de euros mentres os seus directivos emitían mensaxes de tranquilidade sobre o seu futuro e competían no mercado con outra entidade galega, o histórico Banco Pastor, e mais participaban directamente noutras como o Etcheverría, no caso da caixa do norte, e o Banco Gallego, na do sur.

A fracasada fusión de Caixanova e Caixa Galicia foi a principal icona desta desaparición

Apenas dous anos despois o panorama financeiro internacional seguía a empeorar, comezaban os peches de sucursais e tamén as dúbidas sobre o futuro. Caixanova e Caixa Galicia seguían a declarar beneficios, pero menos, e medraban os ruxerruxes sobre a súa eventual fusión, concretada entre empurróns da Xunta e co visto e prace do Banco de España no outono de 2010. A entidade resultante, Novacaixagalicia, apenas durou un ano operando como tal. As deterioradas contas das grandes caixas abocárona a transferir o seu negocio bancario a un banco de nova creación, Novagalicia, rescatado por completo en 2012. No proceso perdéronse 8.000 millóns de euros públicos tras a adxudicación dos restos, por 1.000 millóns, ao venezolano Banesco, que creou Abanca e a levou a beneficios en apenas un ano.

A única entidade do país que se mantivo como tal é Caixa Rural Galega

O proceso de unión e desaparición destas grandes entidades foi a icona duns anos nos que a crise, a mala xestión e a deficiente supervisión levaron por diante tamén a práctica totalidade do que foi o sistema financeiro galego. A caída de Novacaixagalicia acelerou o rescate do Banco Gallego e a venda do centenario Etcheverría, mentres que o Pastor era mercado polo Popular, aínda que mantivo a súa marca e certa estrutura autónoma que agora se dispón a quedar diluída no xigante Santander, comprador por 1 euro da entidade madrileña ás portas da quebra. Así as cousas, o mapa dos bancos de capital galego, que xa comezara a minguar nos 90 coa compra do Simeón por parte de Caixa Geral, é xa historia, mentres que no que atinxe ao conxunto das entidades financeiras só unha se mantén e faino, ademais, con números positivos, Caixa Rural Galega

Neste esquema interactivo percorremos a traxectoria das principais entidades galegas dende a súa conformación, moitas delas a través de fusións, ata a súa reestruturación, venda, rescate ou desaparición. As liñas amosan as ligazóns entre elas e ao premeres nos seus logotipos obterás máis información de cada unha. Os controis da parte superior esquerda permiten achegar ou afastar o esquema e velo a pantalla completa.

Creado con Onodo, un proxecto da Fundación Civio

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.