0 Gardados para despois

O verán acelera a caída do paro en Galicia sen paliar a precariedade e temporalidade dos contratos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A chegada das vacacións, a hostalería e o turismo deron un impulso á redución do paro rexistrado en Galicia. O país liderou a baixada do desemprego no Estado en xullo ao caer en 7.794 o número de persoas apuntadas nas oficinas de colocación con respecto ao mes anterior, segundo os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. 

O paro rexistrado cae en 7.794 persoas en xullo, onde o número de afiliados á Seguridade Social increméntase en 16.721

A cifra de total de parados rexistrados queda en 181.871, que son 13.586 menos que hai un ano, unha baixada de 6,95%, aínda afastada da media estatal de -9,43%. Pola contra, con respecto ao pasado mes, Galicia lidera a redución relativa do desemprego -cun -4,1%- fronte ao -0,8% de media no Estado. "Cada día de xullo saíron das listas do paro 251 persoas", presume a Xunta. 

A creación de emprego foi importante no país, cun aumento de afiliacións á Seguridade Social de 16.721 no mes de xullo e unha suba interanual de 22.625. Son os servizos os que absorben a inmensa maioría do descenso do paro rexistrado. É neste sector onde máis descende o desemprego, con 4.925 persoas menos apuntadas nas antigas oficinas do INEM, aínda que baixa en todos os ámbitos. Tamén en todas as provincias galegas. 

O paro acelera a súa caída en Galicia, nomeadamente na época estival, pero sen paliar nin a temporalidade, nin a parcialidade nin a precariedade. A contratación no verán e en épocas de vacacións caracterízase polas minguadas condicións laborais. Tamén desta vez. Os contratos aumentaron no mes de xullo en case 4.000 con respecto ao mes anterior (+3,8%) e en máis de 8.000 (+8,1%) respecto do ano pasado. Pode ser un dato positivo de non ir máis aló que a cifra. Pero de combinalo coas altas rexistradas na Seguridade Social -case 17.000- a conta é clara. Son algo máis de 6 contratos por persoa. O que é o mesmo: a contratación medra a un ritmo seis veces maior que a creación de emprego. Por cada persoa desempregada menos que sae das listas do paro, 13 contratos nun mes. 

Por cada nova alta na Seguridade Social asináronse seis contratos en Galicia durante o mes de xullo

E que contratos? Os indefinidos caen no último mes (en case 600, unha redución do 7,96%) pero repuntan algo con respecto a hai un ano ao incrementarse nun 11%. En canto aos contratos temporais, aumentan en 4.539 (-4,7%) en comparación co mes de xuño e en 7.430, case un 8% máis que hai doce meses. De ter en conta os datos acumulados, tan só o 8,2% dos contratos asinados en Galicia son indefinidos, fronte aos 91,8% temporais.  Neste mes de xullo, aínda é peor: 93,8% temporais fronte ao 6,2% fixos

En Galicia hai arredor de 160.000 persoas paradas con experiencia laboral e que non cobran prestacións por desemprego

Alén disto, no mes de xuño había 87.363 persoas a cobraren unha prestación por desemprego (son 9.205 prestacións menos que hai un ano), sendo só o 40 % das prestacións contributivas, 34.835. Ademais, 41.029son subsidios por desemprego, 10.437 da renda activa de inserción e 1.062 do programa de activación de emprego.

En canto á cobertura do sistema de protección por desemprego, foi do 48 % en xuño, mentres que un ano antes era do 50 %. Polo tanto, en Galicia hai arredor de 160.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego.

EPA e paro rexistrado en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O PPdeG atribúese a baixada do paro e proclama que En Marea, PSdeG e BNG desexan que volva subir

D.L.

No ano 2011, cando Galicia roldaba as 250.000 persoas inscritas como demandantes dun posto de traballo nas oficinas de emprego e a Enquisa de Poboación activa indicaba que 225.000 homes e mulleres estaban no paro, a economía galega destruía emprego a un 2% interanual e a ocupación non deixaba de baixar. Naquel contexto o presidente da Xunta foi cuestionado pola oposición a respecto das medidas do seu Goberno para atallar o problema e Alberto Núñez Feijóo detallou varios plans pero advertiu de que o seu Executivo tiña "poucas competencias en materia de emprego, por non dicir practicamente ningunha". Agora o seu partido afirma xusto o contrario e mantén que á esquerda galega lle "gustaría" que a situación volva empeorar.

Este argumentario do PPdeG e do Goberno que sustenta mantívose sen grandes variacións durante os seguintes tres anos, nos que as cifras de desemprego seguiron a incrementarse no país ata tocaren teito en termos EPA a comezos de 2014, con case 300.000 persoas sen traballo. Naquela altura Feijóo deu en desdeñar a Enquisa de Poboación Activa e, ademais, en volver desligar as competencias da Xunta da loita contra o desemprego mentres puña en dúbida que parte da poboación que non tiña emprego realmente quixese atopalo. "É difícil atopar un traballo se non amosas interese en conseguilo" e igual que "é imposible conseguir unha operación cirúrxica se alguén non está na lista de espera dun hospital", non é posible saír do emprego se non se está anotado nas oficinas de emprego, sinalara aínda que os datos de inserción laboral deste servizo público son mínimos

Mentres as cifras de desemprego aumentaron Feijóo negou ter competencias para afrontalo

Cando, de 2015 en diante, as grandes cifras do paro comezaron a indicar descensos sostidos no tempo a Xunta comezou por volver darlle validez á EPA e o PPdeG, a atribuír esas baixadas á xestión do seu Executivo. Esta segunda circunstancia volveuse dar este mércores cando, tras a publicación das cifras do paro rexistrado, o secretario xeral dos conservadores galegos, Miguel Tellado, volveu ligar a mingua das inscricións nas oficinas de emprego ao labor da Xunta, proclamando ademais que o desexo da oposición galega non é outro que regresar á senda do incremento do número de persoas sen traballo.

Tellado: "Hai máis paro do que nos gustaría, pero menos do que lle gustaría á oposición"

O número dous de Feijóo no partido resalta que o país se sitúa "en niveis de paro de hai oito anos", asegura que "a calidade no traballo segue consolidándose" e chamou a "poñer en valor" a ligazón da baixada co "labor da Xunta para mellorar as cifras do desemprego na comunidade galega" a través de medidas como "a Axenda 20, que está logrando máis oportunidades laborais para os nosos traballadores". "Hai máis paro do que nos gustaría", concede Tellado, quen non obstante asegura que os desexos do partido da dereita van no sentido contario aos de En Marea, PSdeG e BNG, xa que as cifras reflicten "menos paro do que lle gustaría á oposición".