O paro baixou un chisco máis durante agosto en Galicia, que mantivo o impulso das vacacións, o verán e o turismo que xa collera en xullo. Foi unha das sete autonomías onde se reduciu o número de persoas rexistradas nas oficinas de emprego, en 746, quedando o número total en 181.125, que son son 11.920 menos que hai un ano. É un descenso do 6,2%, aínda por baixo da media estatal de -8,5%. De feito, tan só Cantabria ten un comportamento interanual peor, malia os bos números da temporada estival.
A redución do paro en Galicia chega desta vez acompañada tamén da creación de emprego, ao incrementarse en 2.293 as afiliacións á Seguridade Social no mes pasado. Para logralo, o país volveu basearse na precariedade e a temporalidade, que tamén levan tempo sen descender nin mudar.
Galicia foi unha das sete autonomías onde descendeu o número de parados, en 746
Así, en Galicia creáronse en agosto case 2.300 empregos ao tempo que se asinaron preto de 96.000 contratos (95.720). Son 11.858 menos que no mes de xullo e 8.211 máis con respecto ao ano pasado. De todos eses contratos asinados, 90.305 (o 94,3%) foron temporais, polo que tan só o 5,7% foron indefinidos.
A contratación medra a un ritmo 42 veces maior que a creación de emprego
A conta, xa que logo, é doada. De combinar as altas rexistradas na Seguridade Social co número de contratos, sae a 42 por persoa. O que é o mesmo: a contratación medra a un ritmo 42 veces maior que a creación de emprego. Por cada persoa desempregada que sae das listas do paro, 128 contratos nun mes. "É o cuarto ano consecutivo no que se reduce o desemprego en agosto. Desde 2013, unha de cada tres persoas saíron das listas do paro", presumiu a Xunta ao pouco de coñecerse os datos facilitados polo Ministerio de Emprego.
Porque, como son os contratos que se asinan? Os indefinidos caen no último mes (en 1.226, unha redución do 18,5%) pero repuntan algo con respecto a hai un ano ao incrementarse nun 9%. En canto aos contratos temporais, descenden en 10.632 (-10,5%) en comparación co mes de xullo e aumentan en 7.765, un 9,4% máis que hai doce meses. No pasado mes de xullo, o 93,8% dos contratos asinados foron temporais fronte ao 6,2% fixos. En agosto, a porcentaxe de temporalidade aínda foi maior.
Menos do 6% dos contratos asinados no mes de agosto foron indefinidos
En canto ao descenso do paro por sectores, os datos advirten dunha tendencia que podería empeorar nos vindeiros meses. O desemprego rexistrado tan só descendeu en oito persoas no sector servizos, á espera da finalización do verán e dos despedimentos na hostalería que adoitan caracterizar setembro e outubro. Pola contra, son a construción (-391) e agricultura (-275) -ben seguro polo adianto da vendima en varias comarcas- quen tiran do descenso de apuntados nas oficinas de emprego. Así, por provincias, o paro descende en Ourense e Pontevedra, pero sobe en Lugo e na Coruña.
Os datos evidencian a elevada rotación, xa que case o 80% dos contratos rexistrados en Galicia en agosto son en servizos, un sector no que o descenso do desemprego é case nulo (-0,01%).
Máis de 95.000 desempregados en Galicia non cobran prestación ningunha
Por outra banda, o número de beneficiarios de prestacións en xullo de 2017 (é o último dato dispoñible e que se fai público en setembro) foi de 86.644, o que supón unha nova caída mensual, con 719 beneficiarios menos que en xuño de 2017. A taxa de cobertura stúase así no 52,3%, deixando fóra do sistema de protección por desemprego a máis de 95.227 desempregados.
No conxunto do Estado, agosto rematou cun aumento de 46.400 persoas rexistradas no paro respecto do mes anterior, o que acaba cunha sucesión de seis meses consecutivos de baixadas. Ademais, a Seguridade Social perdeu 179.485 afiliados: é a maior destrución de emprego nun mes de agosto desde 2008. A cifra total de parados rexistrados queda en 3.382.324, o nivel máis baixo dos últimos oito anos.
>> HABERÁ AMPLIACIÓN