A Xunta incorporará case 400 orientadores laborais tras prescindir de centos deles nos últimos anos

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

Na rolda de prensa posterior ao Consello do Goberno galego deste xoves, Alberto Núñez Feijóo anunciou o investimento de 10,5 millóns para contratar case 400 técnicos orientadores laborais que traballarán nas oficinas públicas de emprego, nos concellos e nas entidades de iniciativa social.

O presidente da Xunta detallou que se aumentarán en 130 os técnicos orientadores nas 53 dependencias do Servizo Público de Emprego e que ese incremento, ao que se destinarán 4,6 millóns de euros, "supón duplicar o cadro, porque había 138". Estes traballadores apuntados nas listas de contratación da Administración galega xa foron chamados a comezos desta semana para incorporarse: sete do grupo de funcionarios A1 e 123 máis do grupo A2.

A Xunta aumentará en 130 os orientadores no Servizo Público de Emprego logo de prescindir de 223 hai cinco anos

O incremento nestes postos chega logo de anos de recorte neste persoal derivado dos continuos descensos nos fondos para as políticas activas de emprego, tanto por mor dos axustes orzamentarios aplicados polo Goberno central na transferencia como pola insuficiencia do Executivo de Feijóo para conseguir novos recursos ou aplicalos. Así, a incorporación agora de 130 técnicos para as oficinas de colocación de Galicia chega despois de que a Xunta prescindise de 109 orientadores e orientadoras laborais do Servizo Público de Emprego nos últimos meses de 2012, cos niveis de paro nas cifras máis elevadas. 

Daquela, o PP desbotara manter estes postos de traballo porque dos seus titulares xa prescindira o Goberno ao que apoiaba a propia formación conservadora, tal e como aclarara o deputado popular Miguel Tellado, que deitaba a responsabilidade sobre o Executivo central ao "eliminárense nos orzamentos do Estado o plan extraordinario de orientación laboral que financiaba na súa totalidade" este servizo en Galicia.

Aquel recorte a finais de 2012 uníase a outro anterior e que afectara 114 traballadores funcionarios interinos A2 do plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral que foran despedidos o 30 de xuño pola eliminación da partida orzamentaria na lei de orzamentos do Estado. Naquel ano, a Consellería de Traballo prescindira dun total de 223 orientadores, case cen máis dos que agora se incorporan ao medio cento de oficinas do Servizo Público de Emprego no país. Coincidira, ademais, coa contratación de máis persoal controlar a presunta fraude nas prestacións por parte das persoas desempregadas

Os servizos de orientación pasarán a contar, segundo a Xunta, con máis de 500 traballadores en Galicia

Ademais destas incorporacións ás oficinas públicas da Xunta, o resto do orzamento anunciado por Feijóo dividirase en dúas partes: 3,5 millóns para 152 orientadores en 32 entidades sen ánimo de lucro e 2,4 millóns para apoiar a "contratación ou a renovación" de 103 técnicos en 89 concellos. Con esta medida, que supón a incorporación de 386 persoas, os servizos de orientación laboral de Galicia pasarán a dispor de "máis de 500 traballadores especializados en fomentar a empregabilidade dos parados, especialmente daqueles colectivos con dificultades de inserción".

A ampliación deste corpo de orientadores chega, xa que logo, despois de anos de recortes e baixas que tanto sindicatos como técnicos das oficinas de emprego advirten difíciles de calcular polas non renovacións e amortizacións de postos levadas a cabo durante os últimos anos. Ademais, dentro dos traballos de orientación inclúense multitudes de programas, moitas deles financiados a través de fondos europeos. 

Durante a rolda de prensa, Feijóo aproveitou para dirixirse ás empresas galegas "con números negros" e que "melloren a súa conta de resultados" para que "vexan as posibilidades" de aumentar o seu cadro de traballadores e que desempregados poidan ter "unha oportunidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.