0 Gardados para despois

As novas pensións de xubilación levan catro anos conxeladas en Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


No ano 2013 a contía das novas pensións de xubilación acadaron o seu máximo en Galicia. As persoas que se xubilaron aquel ano e comezaron a percibir a súa pensión contributiva cobran ao redor de 1.165 euros ao mes (dato de decembro de 2013). Esta cantidade ascendera notablemente nos anos anteriores; en decembro de 2008 a contía media das novas altas era de 924,97 euros, 240 euros de ascenso en tan só cinco anos. Porén, nos cinco anos seguintes as pensións de xubilación experimentaron un estancamento absoluto no noso país, movéndose entre os 1.139 euros de decembro de 2015 e os 1.171 euros que rexistraron no último dato publicado, o pasado mes de decembro de 2017. No último ano a contía media creceu moi lixeiramente (15 euros), pero está aínda por debaixo dos datos de decembro de 2014. 

Entre 2008 e 2013 as novas pensións creceron 240 euros mensuais. Dende entón están conxeladas

A situación é semellante no conxunto de España, cun máximo en 2015 (1.342,94 euros mensuais) e dende entón dous anos de descenso, ata os 1.318,47 euros de media en 2017. Hoxe, as persoas que se xubilan comezan a recibir pensións inferiores ás que se xubilaron hai tres anos, algo que nunca sucedera. Un reflexo das conxelacións e reducións salariais experimentadas polos traballadores e traballandoras nos peores anos da crise e tamén de situacións en que persoas que estaban preto da súa xubilación perderon o seu emprego. En 2017, ademais, as pensións sufriron a meirande perda de poder adquisitivo en cinco anos, cun crecemento de apenas o 0,25% cun alza do IPC do 1,1%.

As pensións de xubilación foron o soporte que nos peores anos da crise permitiu saír adiante a milleiros de familias galegas -os fillos, fillas, netos e netas dos e das pensionistas-.

No conxunto de España as novas pensións sumaron en 2017 o seu segundo ano de descenso consecutivo

O importe medio do conxunto das pensións de xubilación en Galicia, aínda que moi por debaixo da media española (1.074,83), seguiu crecendo de forma sostida en 2017, pasando por exemplo dos 876,72 euros de xaneiro de 2017 aos 895,49 euros de xaneiro de 2018. Este incremento sostido das pensións medias débese principalmente a que os novos e novas xubiladas contan con pagamentos máis elevados que os e as que se xubilaron hai tempo, o que contribúe a elevar o promedio. Con todo, o estancamento que levan anos experimentando as novas pensións comezará tamén a deixarse notar nas medias totais nalgún momento.

"Dise que a xente nova é a que mantén as pensións da xente maior. Iso é unha falsidade: a pensión de cada un págaa esa persoa ao longo da súa vida laboral co que lle descontan da súa nómina todos os meses", destacaba o pasado ano Santiago Lamelo (Marchas da Dignidade) nos días previos a unha manifestación convocada baixo o lema Coas nosas pensións non se negocia. "Os recortes nas pensións son un tema reversible. Pelexando, como se fixo ante outro tipo de recortes, pódese conseguir parar isto", subliñaba igualmente Victoria Portas, portavoz do Movemento Galego en Defensa das Pensións (Modepen).

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.