O Goberno portugués vén de adxudicar a construción dunha estación de tren en Valença dotada de vías para poder formar nela convois de mercadorías máis longos que os que se poden cargar en toda a obsoleta rede galega. Estará situada a unha distancia da cidade de Vigo e dos seus principais polígonos industriais similar á existente ata o denominado Porto Seco da cidade, a Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), construída ao lado da liña de tren entre Vigo e Ourense pero onde aínda nin se licitaron os proxectos necesarios para construír a terminal de mercadorías e conectala coa rede ferroviaria.
A nova terminal “para serviço transfronteiriço de mercadorías” disporá de catro vías de manobras e sitúase a similar distancia de Vigo que o seu Porto Seco, onde aínda non se licitou a infraestrutura ferroviaria
Hai un mes Praza.gal desvelou que, no marco da mellora que ten en marcha da liña ferroviaria entre Porto e Valença, o Goberno de Lisboa ten previsto realizar obras que permitirán que circulen por ela trens de mercadorías de ata 750 metros de lonxitude, o estándar ao que aspira a Unión Europea, mentres que en toda a rede galega as limitacións técnicas impiden que poidan operar trens de máis de 550 metros, cifra que se sitúa á cola do Estado. Agora Infraestruturas de Portugal, entidade dependente do Ministério do Planeamento e das Infraestruturas, vén de confirmar que a súa idea é que eses trens máis longos poidan formarse en Valença. Así llo vén de transmitir o presidente de Infraestruturas de Portugal, Anónio Laranjo, ao Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, que lle trasladou unha pregunta ao respecto formulada por este diario.
No seu escrito, Infraestruturas de Portugal confirma que a nova estación de Carvalha, situada a uns oito quilómetros ao oeste de Valença, onde hoxe hai un apeadeiro de viaxeiros, está pensada “para serviço transfronteiriço de mercadorias” e contará, ademais de coa vía central de circulación de trens, con “duas linhas de resguardo e duas linhas de topo para formaçao e desformaçao de comboios”.
“Estima-se que a obra possa ser consignada em maio/junho de 2018 (início da obra)”, di Infraestruturas de Portugal
Segundo Infraestruturas de Portugal, a obra de mellora da liña ferroviaria entre Viana do Castelo e Valença, actuación na que se inclúe a construción desa nova estación de Carvalha, foi xa adxudicada o pasado 22 de febreiro e está pendente de que o Tribunal de Contas portugués autorice o seu pagamento. “Estima-se que a obra possa ser consignada em maio/junho de 2018 (início da obra)”, di o ente público portugués.
Mentres Portugal avanza coa mellora da súa liña ferroviaria entre Valença e Porto, en Galicia non se encargou aínda nin unha soa infraestrutura ferroviaria para o Porto Seco de Salvaterra, vinculado ao tráfico de mercadorías de Vigo. Tampouco acaba de arrancar o Porto Seco de Monforte, que Galicia aspira a converter no seu enlace co denominado Corredor Atlántico ferroviario de mercadorías malia que a súa liña ferroviaria cara á Meseta permite trens dun máximo de só 540 metros e só de xeito extraordinario.