Primeiro de Maio: Galicia, sen mocidade quedas que poida cotizar

Mariscadoras a traballar nunha ría galega © Xunta

As grandes cifras do mercado laboral galego non deixan lugar a dúbidas no que a grandes titulares se refire. En Galicia a Enquisa de Poboación Activa (EPA) leva catro anos a reflectir unha tendencia á baixa do paro, xusto despois dende que a comezos de 2014 este indicador tocase teito, chegando a roldar as 400.000 persoas á procura dun posto de traballo. O desemprego descende e faino rápido. Concretamente, o seu ritmo é o dobre que o da creación de postos de traballo. As razóns son varias pero pódense resumir nunha perda continuada de poboación por mor dunha natalidade á baixa dende mediados dos anos 80 do século pasado, circunstancia que chegada de inmigrantes non dá compensado e que é agudizada pola emigración, fenómeno que afecta especialmente á mocidade. Esta combinación de factores é un dos focos deste Primeiro de Maio no país, un día de reivindicación obreira contra a precariedade no que mozos e mozas son cada vez menos.

A inmigración non dá compensado a baixa natalidade, que se ve agudizada pola emigración

Os datos acumulados no INE e mais no IGE non deixan lugar a dudas no que atinxe á minguante poboación xuvenil. A base de datos da oficina estatística estatal permite remontarse ao que é considerado como último ano completo previo á crise económica, o 2007, cando Galicia chegou a rexistrar máis de 100.000 persoas menores de entre 16 e 24 anos a traballar mentres que a poboación desta idade que estaba en situación de desemprego non chegaba ás 20.000 persoas. As inactivas -que non traballaban nin buscaban emprego por estar a estudar, por exemplo-, mentres, eran unhas 140.000 mozas e mozos.

Tras unha década de perda poboacional a radiografía é elocuente. A poboación xuvenil inactiva reduciuse levemente, ata a contorna das 138.000 persoas. Mentres, a mocidade de entre 16 e 24 anos que ten un posto de traballo en Galicia non dá chegado ás 40.000 persoas -case 60.000 menos que antes do inicio da crise- e a poboación parada nesta franxa de idade achégase cada vez máis a niveis previos á crise, roldando as 20.000 persoas novamente despois duns anos nos que roldou as 40.000.

Na actualidade traballan 80.000 mozas e mozos menos en Galicia que no ano 2009

A radiografía que ofrece o INE encaixa coa que se atopa nas bases de datos do Instituto Galego de Estatística, menos amplas en canto a franxa de tempo pero máis precisas á hora de debullar a situación laboral da mocidade. Concretamente, neste caso, das persoas de entre 16 e 29 anos. No inicio da serie de tempo da oficina estatística da Xunta, que comeza en 2009, rexistrábanse máis de 200.000 persoas neste treito de idade que tiñan un posto de traballo en Galicia; a ampla maioría (unhas 180.000), a tempo completo e as restantes 33.000, a tempo parcial. Case unha década despois traballan en Galicia 80.000 mozas e mozos menos; 83.300 fano a tempo completo e quen teñen un traballo a tempo parcial son arredor de 30.000. A destrución de emprego xuvenil foi, daquela, fundamentalmente a tempo completo.

O factor demográfico é tamén obvio neste caso. A poboación xuvenil que traballa en Galicia é no comezo de 2018 é agora un 45% inferior que nos inicios de 2009, pero as mozas e mozos de 16 e 29 anos que están en situación de desemprego tamén se reduciron, pasando duns 60.000 en 2009 a pouco máis de 40.000 en 2018, isto é, unha redución de case o 35%.

A taxa de paro xuvenil é en 2018 apenas tres puntos superior que en 2009, mentres que a proporción de mozas e mozos cun traballo é trece puntos inferior

Así e todo, a demografía non é a única explicación, toda vez que as taxas de emprego, actividade e ocupación da poboación galega de entre 16 e 29 anos reflicten un menor dinamismo do mercado laboral que nos comezos da crise. A mesma serie temporal do IGE, a que comeza no ano 2009, amosa que hai case unha década practicamente a metade das mozas e mozos tiñan traballo, mentres que un 23% estaba no paro. Isto daba lugar a que practicamente o 65% da poboación xuvenil galega estaba incorporada ao mercado laboral, xa fose traballando ou á procura dun emprego.

Despois dos peores anos da crise, nos que as taxas de paro chegaron a superar ás de emprego, o panorama mudou de maneira notable. A taxa de paro leva case cinco anos a descender e está apenas tres puntos por riba da de 2009: un 25,8% no inicio de 2008 e o devandito 23% do ano 2009. No entanto, a taxa de ocupación é ben diferente á daqueles anos: o 36,2% do primeiro trimestre deste ano supón estar trece puntos por baixo dos niveis de 2009. A taxa de actividade tamén se reduciu de xeito evidente: do 64% de 2009 ao 48% que deixa a metade da minguada poboación de 16 a 29 anos fóra do mercado laboral galego. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.