A CIG anuncia unha folga xeral para o martes 19 de xuño

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, ao inicio da manifestación de Vigo Dominio Público @obloque

A CIG convoca unha folga xeral para o martes 19 de xuño. Ese foi o gran anuncio que realizou este 1 de maio o secretario xeral da organización, Paulo Carril, ao comezo da manifestación principal que o sindicato nacionalista celebrou, como vén sendo habitual, en Vigo. Carril tendeu a man aos outros dous principais sindicatos, CCOO e UGT, e amosou a súa esperanza en que se sumen ao paro “tamén no conxunto do Estado”.

O sindicato galego celebrou este 1 de maio coa vista posta no paro ao que agarda que se sumen tamén CCOO e UGT

Antes da marcha multitudinaria que desde a súa saída ás 11.30 na Dobrada, no barrio do Calvario, percorreu as rúas de Vigo, Carril argumentou que a folga xeral é necesaria para “frear a patronal e o PP”. O secretario xeral da CIG enumerou os diversos problemas aos que se enfronta a clase traballadora, como o avance da pobreza e a precariedade laboral. “Camiñamos cara a unha situación social sen saída”, dixo.

Carril tamén se referiu á última gran folga, a feminista celebrada o pasado 8 de marzo, e salientou que a resposta que o sistema deu a esa mobilización foi “a sentenza da Audiencia de Navarra” contra a manada. Por iso, Carril apelou á necesidade de “intensificar” as protestas sociais ata acabar coa celebración dunha folga xeral.

En Vigo, a manifestación da CIG, á que asistiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tivo, como vén sendo habitual, un recorrido en parte coincidente co da marcha de CCOO e UGT, convocada por separado. Se o sindicato nacionalista saíu ás 12.00 horas da Dobrada para baixar cara ao centro por Urzaiz, os outros dous sindicatos iniciaron a súa marcha ás 11.30 horas desde Vía Norte para finalizar en Montero Ríos tras pasar tamén por Urzaiz.

Ademais da de Vigo, a CIG convocou tamén manifestacións á mesma hora en Santiago, A Coruña, Lugo, Ferrol, Vilagarcía, A Estrada, Ribadeo, Cee e Ribeira, media hora antes en Pontevedra e Ourense, e pola tarde en Cangas.

Ademais das manifestacións dos tres sindicatos principais, este martes tamén CUT e CGT convocaron unha marcha na Coruña

Ademais das manifestacións dos tres sindicatos principais, este martes tamén CUT e CGT convocaron unha marcha na Coruña que ás 12.30 horas con saída da praza de Pontevedra baixo o lema 'Contra a explotación, a represión e o saqueo: a loita é o único camiño'.

Cartel da CIG para este 1 de maio Dominio Público CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.