Arriva pide autorización para operar trens entre Porto e A Coruña

Trens de Deutsche Bahn, matriz de Arriva, que quere prestar o servizo ferroviario Porto-A Coruña Dominio Público Deutsche Bahn

Arriva, filial en España do grupo Deutsche Bahn, principal operador de viaxeiros de Europa, vén de solicitar á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) autorización para operar un servizo de trens de pasaxeiros entre Porto e A Coruña. De concretarse, a empresa ata o de agora centrada en Galicia e Portugal no transporte por estrada pasaría a competir e mesmo mellorar o servizo ferroviario entre as dúas beiras do Miño que agora ofrecen as públicas Renfe e Comboios.

A empresa do grupo Deutsche Bahn entraría a competir e mesmo mellorar o servizo ferroviario que ofrecen a medias Renfe e Comboios entre Galicia e Portugal

Actualmente o servizo de tren Celta operado a medias entre Renfe e Comboios realiza dúas viaxes diarias entre Vigo e Porto e outras duas en sentido inverso, a primeira hora da mañá e última da tarde. Porén, Arriva quere realizar catro viaxes diarias en cada sentido e estender o servizo ata A Coruña, algo que con Renfe só é posible con transbordo en Vigo.

O servizo que quere prestar Arriva contemplaría paradas intermedias entre A Coruña e Porto en Santiago, Pontevedra, Vigo-Guixar, Valença e Nine, e as viaxes terían unha duración total de 2 horas e 46 minutos, tempo inferior ao que se tarda por estrada. Ademais, a compañía prevé complementar o servizo con conexións con autobuses.

En Alemaña Deutsche Bahn, matriz de Arriva, é o principal operador ferroviario

A nova conexión de tren, de concretarse, sería unha das primeiras que se poñan en funcionamento en España ao amparo da liberalización dos servizos ferroviarios, algo máis avanzada para as mercadorías pero que non acaba de arrancar para os pasaxeiros. Pola contra, en Alemaña Deutsche Bahn, matriz de Arriva, é o principal operador ferroviario e tamén presta servizos transfronteirizos. O novo servizo non só se beneficiaría dese coñecemento previo da empresa na materia e da mellora dos últimos anos no Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo senón tamén das obras que xa ten en marcha Portugal para mellorar a súa parte do traxecto entre Porto e Valença.

Tren de Renfe e Comboios que une Vigo co Porto © Eixo Atlántico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.