O Supremo sume na incerteza a ducias de miles de persoas ao frear a nova doutrina sobre os impostos das hipotecas

Billetes de diversos valores © FNMT

Un "xiro radical" que provocou unha "enorme repercusión económica e social". Con estes argumentos xustificou o Tribunal Supremo 24 horas despois que vaia revisar a sentenza que o xoves ditou que deben ser os bancos, e non os clientes, quen abonen o imposto de Actos Xurídicos Documentados (AXD), unha taxa vinculada ás hipotecas, en contra do sinalado por dúas sentenzas anteriores do mesmo tribunal. O Supremo  paralizou este venres os milleiros de recursos pendentes sobre este asunto ata que se decida que criterio aplicar. Non hai unha data concreta para acabar coa incerteza. Até entón, nin os afectados nin os bancos saberán que criterio aplicará a Xustiza ás novas hipotecas e ás reclamacións que veñen de atrás.

A doutrina que ía sentar  a nova sentenza será agora revisada polo pleno da Sala do Contencioso-Administrativo, composta por 31 xuíces, a petición do presidente da Sala, Luis María Díez Picazo. O ditame do xoves que condenaba aos bancos a pagar o imposto está asinado por cinco maxistrados, mentres que un sexto emitiu un voto discrepante.

O que queda en suspenso na aplicación da doutrina e se, como sosteñen os maxistrados que asinaron a sentenza, os clientes que asinaron unha hipoteca no últimos catro anos poden reclamar a devolución do imposto

A decisión do presidente da Sala do Supremo Díez Picazo non afecta á reclamación que motivou a sentenza: a Empresa Municipal da Vivenda de Rivas Vaciamadrid (Madrid), un municipio gobernado por IU, recuperará os 2,5 millóns de euros que reclamaba. Esa sentenza é firme. O que queda en suspenso na aplicación da doutrina e se, como sosteñen os maxistrados que asinaron a sentenza, os clientes que asinaron unha hipoteca no últimos catro anos poden reclamar a devolución do imposto que pagaron nas súas respectivas facendas autonómicas.

Todo iso queda nun limbo xurídico ata que o Pleno do Supremo resolva. Segundo fontes do alto tribunal, ata que non se fixe a data de sinalamento para algún dos recursos pendentes, o Pleno do Contencioso-Administrativo non se reunirá. Algunhas fontes apuntan que ante o transcendente da decisión os xuíces poden acelerar os prazos para que a decisión se tome canto antes.

Unha decisión "atípica"

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid / © TS

A lei que regula a xurisdición do contencioso-administrativo recolle a posibilidade de que sexa o Pleno do tribunal e non a sala quen decida "cando a índole do asunto o aconsellar". O que apuntan varias fontes xurídicas é que é totalmente inusual que se tomase a decisión unha vez ditada a sentenza. Neste caso adoptouse 24 horas despois, cando as perdas dos bancos estaban en todos os xornais e coas principais entidades esborrallándose en Bolsa. O habitual, din os expertos consultados, é sempre avocar o coñecemento do asunto ao Pleno antes de que se dite o fallo e non despois.

Fernández Seijo, xuíz do Mercantil que gañou o proceso contra a lei hipotecaria na UE: "É unha sentenza excepcional en todos os sentidos e a reacción é excepcional"

A decisión deixa nunha posición moi complicada aos xuíces que asinaron a sentenza, que poden ver agora como o pleno revoga a decisión que tomaron. O relator, Jesús Cudero Blas, poderá mostrar a súa desconformidade se o Pleno rexeita a sentenza que el redactou, aínda que non lle servirá de moito. Nese caso encargaríase a redacción definitiva a outro maxistrado.

O xuíz do Mercantil Jesús María Fernández Seijo, que cuestionou as cláusulas Lei Hipotecaria e acabou gañando ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), sinala que é "atípica" a decisión de pedir a intervención do Pleno unha vez emitida a sentenza, aínda que aclara que a lei recolle esta posibilidade. "Se o tema era transcendente tíñase que facer doutra maneira" porque, engade, había "un risco obxectivo" de que se ditase un ditame contraditorio con sentenzas anteriores do mesmo tribunal.

Xuízas e xuíces para a democracia: "Estamos moi indignados, non sei se se debe a presións da banca ou da Axencia Tributaria"

Fernández Seijo tamén cualifica de "atípica" a sentenza do Supremo, que conta con dous votos particulares e vai en sentido contrario á doutrina da Sala Primeira e a Sala Terceira do mesmo tribunal. "É unha sentenza excepcional en todos os sentidos e a reacción é excepcional", engade.

Este reputado xurista defende que o ocorrido "xera inseguridade" e por tanto ve razoable que "as entidades financeiras non expoñan mecanismos de devolución" por agora. Este xuíz considera que é un asunto xurídico moi complicado de abordar e que a decisión do Supremo de pospor o seu criterio final vai xerar "días de incerteza".

Desde Xuíces e Xuízas para a Democracia, a súa portavoz adxunta Esther Castanedo, móstrase moito máis contundente e apunta a que o Supremo tomou unha decisión "extraordinaria" ao resolver sobre un asunto que ía causar danos millonarios aos bancos. "Estamos moi indignados, non sei se se debe a presións da banca ou da Axencia Tributaria". Castanedo destaca que a sentenza do xoves foi unha moi boa noticia para gran parte da cidadanía, e que agora "vai ser posta en dúbida".

A sentenza deste xoves provocou grandes perdas dos bancos en bolsa e a perspectiva dunha fervenza de reclamacións de clientes. As asociacións de usuarios e os despachos de avogados calcularon que, de media, cada cidadán hipotecado podería reclamar entre 2.500 e 3.000 euros de media máis os xuros, segundo a contía dos préstamos. Segundo os datos do INE, en España asínanse 1.000 hipotecas diarias.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.