Pemex "apraza" os proxectos prometidos en Barreras

Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

Cada vez menos promesas cumpridas e cada vez menos réditos daquel acordo institucional entre Xunta e Petróleos Mexicanos (Pemex). A crise económica global e os baixos prezos do petróleo están a afectar a petroleira estatal, que acumulaba perto de 9.000 millóns de perdas no terceiro trimestre de 2014. E entre os proxectos que prevé cancelar estarían algúns dos prometidos en Barreras, estaleiro galego do que se fixo coa maioría das accións hai case ano e medio por5 millóns de euros. Quedou coa súa tecnoloxía e a cambio o Goberno galego presumiu das intencións que incluían a renovación da frota de grandes buques ou de cinco barcos máis pequenos comprometidos publicamente, á marxe do flotel que leva un ano construíndose en Vigo.

Así o adiantou La Voz de Galicia, que fixo alusión ás palabras do director xeral de Pemex, Emilio Lozoya, que recoñeceu a cancelación de plans de investimento para aforrar ata 3.600 millóns de euros. 

Pemex recoñece que se "irán aprazando" proxectos en Barreras "ata que as condicións económicas melloren"

Pemex recoñece a Praza que "non se cancela ningún dos proxectos xa en marcha", en relación aos floteis, pero si recoñece unha "necesaria revisión" doutros que se irán "ralentizando ou demorando" no tempo "ata que as condicións económicas melloren". "Iranse aprazando", asegura a oficina de información da petroleira, en referencia a promesas que incluían a construción de tres buques tanque, un atuneira e un barco de apoio que non foron comprometidos para Pemex directamente

Desde o estaleiro vigués, a resposta é que non teñen "noticia ningunha" de plan ningún para abandonar proxectos futuros por parte de Pemex. "Non sabemos nada de nada e non sabemos de onde saíu iso", aseguran desde Barreras, que prevé entregar o flotel no que traballan 600 persoas o vindeiro mes de setembro. Pero nin a Xunta descarta a rebaixa de expectativas. O conselleiro de Economía, Francisco Conde, cre que os recortes de investimento anunciados "non afectan" a situación da empresa galega, ao manter o "compromiso" do flotel e ra renovación da frota menor a cargao de Armón e Freire.

A Xunta asume a rebaixa de expectativas pero atribúe aos "armadores" o aprazamento da construción dos cinco buques prometidos

Pero si admitiu Conde que a crise e baixada no prezo do cru si provocará que Pemex ou outras petroleiras se poidan botar atrás en determinados investimentos, polo que chegou incluso a animar a Barreras e outros estaleiros a "explorar outras oportunidades" como a construción de buques de transporte e barcos de pesca. E recoñeceu tamén que os proxectos prometidos á marxe do flotel "dependen dos armadores" e non da petroleira mexicana. "Hai que esperar a ver como evoluciona o petróleo", insistiu. 

Ao tempo, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, xa anunciou que o seu grupo pedirán explicacións á Xunta no Parlamento polas intencións de Pemex e lembrou que foi un "proxecto emblemático" do que presumiu Feijóo e que "se vai diluíndo e desaparecendo". "Isto confirma que o Goberno non fixo os seus deberes e esa é a penitencia que ten que pasar o PP despois de enganos, promesas incumpridas e dunha expectativa económica que é absolutamente frustrante", asegurou. O BNG, pola súa banda, cualificou a noticia da "crónica dunha traizón a Galiza". "Sen carga de traballo e sen estaleiros, Feijóo dimisión", expresou no seu perfil de Twitter. 

O PSdeG cre que o "proxecto emblemático" de Feijóo "vaise diluíndo" e o BNG fala da "crónica dunha traizón a Galiza"

O que é certo é que tras aquel acordo entre a Xunta e Pemex anunciado en directo no Telexornal por Feijóo, a petroleira fíxose por 5,1 millóns de euros co 51% de Barreras a través dun acordo que implica tamén transferir a México a tecnoloxía e os coñecementos dun estaleiro histórico e centenario. E a construción de varios barcos, entre eles os dous floteis. Un faise en Navantia, onde se chegaron a anunciar que ata 2.000 persoas poderían traballar nese encargo da petroleira mexicana, pero actulamente son arredor de 300 operarios: un cento en Navantia e máis de 200 nas auxiliares, nesas nas que nos últimos anos se despediron unhas 4.000 persoas e que agora son criticadas polos sindicatos polas precarias condicións laborais impostas. En Vigo, son uns 600 os operarios que constrúen o buque hotel. 

Feijóo falara de 3.000 empregos só nos floteis e acumulou 14 remolcadores, quimiqueiros e a construción da frota menor entre as promesas

Naquel preacordo que Núñez Feijóo asinara con Pemex en setembro de 2012, o presidente da Xunta falara duns "3.000 empregos para os próximos dous anos" nos estaleiros galegos pola construción de dous floteis. En sucesivos anuncios, o Executivo prometeu tamén catorce remolcadores, dous quimiqueiros e a segura construción da frota menor da petroleira mexicana por parte de empresas de Galicia. Non foi nin moito menos así. 

Feijóo, no acto de corte de chapa do flotel en Barreras © Xunta
Porta dos estaleiros Barreras © CIG-Metal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.