Indra é condenada por acoso laboral a un traballador ao que mantivo sen tarefas en Vigo máis de dous anos

Sede central de Indra en Madrid © Indra

O Supremo fai firme que a empresa tecnolóxica discriminou e atentou contra a dignidade profesional do seu empregado de forma "sistemática", polo que terá que indemnizalo

O Tribunal Supremo vén de facer firme unha condena a Indra, empresa controlada polo Estado e socia da Xunta en varias iniciativas, polo acoso laboral "sistemático" que sufriu un empregado nun centro de traballo de Vigo. A empresa deixouno sen tarefas asignadas e sen darlle formación durante máis de dous anos, discriminación e atentado contra a súa dignidade polo que agora terá que indemnizalo con 18.000 euros. Indra xa ten recibido outras sentenzas similares por deixar a empregados sen "ocupación efectiva" durante períodos prolongados de tempo, como sucedeu hai uns meses na Coruña cunha sindicalista da CIG.

Auto do Supremo que inadmite un recurso de Indra e fai firme a súa condena por acoso laboral a un traballador en Vigo CC-BY-SA Praza Pública

O caso agora resolto de xeito definitivo polo Supremo afectou a un traballador que prestaba servizos desde 2005 para a empresa Tecnocom, comprada en 2017 por Indra. Na primavera de 2018 o traballador foi mudado de grupo de traballo e en decembro dese ano comunicáronlle que pasaba a estar "desasignado", isto é, sen traballo efectivo. Así llo comunicaron "por teléfono e sen previo aviso, con retirada das súas ferramentas de traballo". Mantívose nesa situación ata xaneiro de 2021, cando foi despedido.

A empresa argumentou no proceso xudicial que é habitual que os seus traballadores sexan "desasignados" cando rematan un proxecto concreto e mentres non se lles asigna outro. Pero as sucesivas instancias xudiciais polas que foi pasando o caso -xulgado do Social de Vigo, Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e agora o Supremo-, todas elas favorables ao traballador, salientaron que non foi só iso o que sucedeu con este empregado. 

Unha mobilización da CIG ante a sede de Indra na Coruña © CIG

Noutros casos a empresa ofreceu recolocacións e seguiu dando formación ás persoas afectadas. Porén, no caso do traballador de Vigo o Supremo di que "non consta, por unha parte, que fora recuperado pola empresa para novos proxectos, a diferenza do ocorrido con outros traballadores da empresa que foron igualmente 'desasignados', e por outra, consta que non se lle facilitou a posibilidade de acceder a cursos de formación". Ademais, neste caso o traballador foi "desasignado antes da finalización do proxecto no que se atopaba traballando".

Hai uns meses Indra xa fora condenada por un caso similar na Coruña no que tamén deixou sen ocupación a unha sindicalista como represalia

A xustiza encadra estes feitos "no ámbito do acoso laboral, ao apreciarse a existencia dunha conduta hostil contra a dignidade persoal do demandante, a súa profesionalidade ou a súa integridade psíquica, derivada da degradación das súas condicións de traballo". Unha conduta da empresa que é cualificada como "sistemática" xa que "se mantivo durante máis de dous anos" e o resto de traballadores "foron recuperados pola empresa nalgún momento".

A empresa recorreu a primeira sentenza emitida por un xulgado do Social de Vigo ante o TSXG, que ratificou a condena. Pero Indra seguiu recorrendo, en casación ante o Supremo, que agora, ante as diferenzas entre este caso e outros previos, vén de inadmitir a trámite o recurso, facendo firme a condena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.