Os contratos temporais polo Nadal non impiden a destrución de 3.700 empregos en decembro

Oficina de emprego nunha localidade galega CC-BY-SA Merixo

Nin o pulo do sector servizos nin a contratación temporal polas festas evitaron que Galicia destruíse emprego no pasado decembro. Malia que o paro rexistrado caeu en 1.074 persoas no mes de Nadal, o número de afiliacións á Seguridade Social caeu en máis do triplo, en 3.764, no mesmo período en Galicia. 

O paro rexistrado caeu en máis de 1.000 persoas pero o número de afiliacións descendeu en máis de 3.700 en decembro

Esta aparente contradición --o descenso no paro e a destrución simultánea de emprego-- ten que ver, fundamentalmente, coa emigración e fuxida da poboación activa e o desánimo ou desconfianza que leva a desapuntarse das listas de demandantes de emprego. 

Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Emprego, o paro descendeu en máis de mil persoas en decembro e baixou en case 16.000 con respecto ao mesmo mes do ano pasado, quedando a cifra total en 169.295 persoas paradas rexistradas nas antigas oficinas do INEM

Ao debullalos, os datos deixan clara a tendencia asentada desde hai tempo no mercado laboral galego: o auxe do sector servizos, a temporalidade e a precariedade. De feito, o paro rexistrado aumenta en todos os sectores agás no dos servizos, onde baixa en case 2.300 persoas, e no colectivo sen emprego anterior, cun descenso de máis de 650. 

O paro baixa en case 2.300 persoas no sector servizos pero sobe na agricultura, a construción e a industria

Pero o paro sobe en todas as provincias galegas e de novo naqueles sectores onde a estabilidade adoita ser máis habitual: en 195 persoas na agricultura, en 824 nan industria e en 860 na construción. Por sexos, o paro só baixa nas mulleres (2.156 paradas menos fronte a 1.082 parados máis) pero na comparación anual a maior diminución dáse nos homes (8.115 parados menos fronte a 7.603 paradas menos).

Ademais, e para un saldo final de máis de 3.700 empregos destruídos e uns mil parados menos, en Galicia asináronse un total de 72.251 contratos, dos que 66.023 foron temporais (91,4%), sobre todo no sector servizos, onde dun total de 57.357 contratos foron temporais 52.744 (92%). 

Alé diso, a contratación baixou, sobre todo a indefinida: 1.846 contratos fixos menos (−22,9%) e 10.330 temporais menos (−13,5%). En comparación cun ano antes rexistráronse 863 contratos indefinidos máis (+16%) e 143 temporais menos (–0,2%).

Case 68.000 persoas paradas con experiencia laboral carecen de prestacións por desemprego

Segundo os datos facilitados polo SEPE, a taxa de cobertura sitúase no 56,3% en Galicia. Xa que logo, case 68.000 persoas paradas con experiencia laboral carecen de prestacións por desemprego.

Ademais, só o 46% das persoas beneficiarias de prestacións por desemprego cobran unha prestación contributiva.

A Xunta de Galicia destacou a saída das listas das oficinas de emprego de máis de 15.000 persoas en 2018 e a caída do paro do 8,5%, dous puntos máis que a media estatal. Segundo Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, a diferenza co conxunto de España é “o custo da inestabilidade política”. 

"A comunidade autónoma sitúase a niveis de paro inferiores aos de hai 10 anos, sumando 
xa máis de seis anos de baixadas consecutivas, desde decembro de 2013.", destaca a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.