Lula da Silva xa volve ser oficialmente candidato do PT á presidencia do Brasil. Líderes do partido visitárono na cadea onde segue encarcerado: "Ele tem um compromisso com o Brasil, por isso é candidato e vai até as últimas consequências com esse propósito", afirman. (Imaxe: PT)
Fálase
O goberno venezolano prorroga tres meses máis a intervención de Banesco, matriz do grupo propietario de Abanca. O seu presidente, Juan Carlos Escotet, ve "absurda" a medida, iniciada o pasado maio baixo acusación de especulación financeira.
A xuíza conclúe que Pablo Casado conseguiu o seu máster como "prebenda" pola súa "relevancia política". É un dos seus argumentos para solicitar ao Tribunal Supremo que impute o líder do PP. Casado afirma que non recibiu "ningún agasallo".
Realizan unha pintada nunha escultura da fachada románica da Catedral de Santiago, na Praza de Praterías. A figura apareceu esta mañá cuns bigotes de gato debuxados na cara e a palabra Kiss, en referencia á banda de rock que adoita maquillarse deste xeito. “Ante esta falta de civismo somos intolerantes”, vén de sinalar o alcalde Martiño Noriega.
O monolito dedicado a Pablo Iglesias en Ferrol sufriu un ataque nesta fin de semana, sendo pintado coas cores da bandeira de España. O PSdeG-PSOE destaca que o ataque "reforza as nosas conviccións democráticas"
As temperaturas descenderán de forma notable este luns, despois de catro días nos que se superaron os 40 graos en moitos lugares de Galicia, sobre todo Ourense e o Baixo Miño. A cidade das Burgas chegará aos 36 graos e a maior parte do territorio ficará ben por debaixo de 30
As fins de semana de agosto Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta :)
Arbo volveu rexistrar este venres a temperatura máis alta de Galicia, chegando aos 43,5 graos ás 17.30 horas e superando mesmo a máxima acadada este xoves (42,9 graos). Ourense (42,5 graos), Salceda de Caselas (42,4) ou Arnoia (42) foron as seguintes localidades. Entre o resto das cidades, Vigo, Pontevedra, Santiago e Lugo achegáronse aos 38 graos, mentres que A Coruña e Ferrol presentaron valores máis reducidos. As temperaturas diminuirán lixeiramente este sábado.
O alcalde de Oleiros protesta con tres burros ás portas da sede da Xunta na Coruña para denunciar que a "burrocracia" do Goberno galego impide a chegada do autobús urbano coruñés á praia oleirense de Santa Cristina. "É lamentable que desde abril, estando todos de acordo; Xunta, Concello da Coruña, Concello de Oleiros e Compañía de Tranvías, os cidadáns sigan sen poder utilizar o transporte público para ir á praia" subliña Ángel García Seoane
O Obradoiro e o Breogán comezarán a tempada 2018-19 na ACB enfrontándose a San Pablo Burgos e Joventut de Badalona en Santiago e Lugo, respectivamente. O retorno dos derbis galegos á máxima categoría do baloncesto masculino chegará en Lugo na fin de semana do 27 e 28 de outubro. O partido de volta, en Santiago, xogarase o 2 ou 3 de marzo. Consulta aquí o calendario completo.