As fins de semana de agosto Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta :)
Fálase
Arbo volveu rexistrar este venres a temperatura máis alta de Galicia, chegando aos 43,5 graos ás 17.30 horas e superando mesmo a máxima acadada este xoves (42,9 graos). Ourense (42,5 graos), Salceda de Caselas (42,4) ou Arnoia (42) foron as seguintes localidades. Entre o resto das cidades, Vigo, Pontevedra, Santiago e Lugo achegáronse aos 38 graos, mentres que A Coruña e Ferrol presentaron valores máis reducidos. As temperaturas diminuirán lixeiramente este sábado.
O alcalde de Oleiros protesta con tres burros ás portas da sede da Xunta na Coruña para denunciar que a "burrocracia" do Goberno galego impide a chegada do autobús urbano coruñés á praia oleirense de Santa Cristina. "É lamentable que desde abril, estando todos de acordo; Xunta, Concello da Coruña, Concello de Oleiros e Compañía de Tranvías, os cidadáns sigan sen poder utilizar o transporte público para ir á praia" subliña Ángel García Seoane
O Obradoiro e o Breogán comezarán a tempada 2018-19 na ACB enfrontándose a San Pablo Burgos e Joventut de Badalona en Santiago e Lugo, respectivamente. O retorno dos derbis galegos á máxima categoría do baloncesto masculino chegará en Lugo na fin de semana do 27 e 28 de outubro. O partido de volta, en Santiago, xogarase o 2 ou 3 de marzo. Consulta aquí o calendario completo.
Competencia insta a Atresmedia e Mediaset a evitar nos seus magacíns e faladoiros contidos que supoñan "incitación ao odio" e respectaren "a honra" e a "intimidade" das persoas, así como o "deber de dilixencia na comprobación da veracidade da información". O requirimento aos dous grandes grupos televisivos chega tras unha reclamación formal polo tratamento do caso do asasinato dun neno en Andalucía.
Meteogalicia prevé que este venres sexa a peor xornada da vaga de calor, con alerta vermella en varios concellos do sur de Galicia. Tras unha noite tropical, as temperaturas subirán por riba dos 40 graos en moitos puntos do país e os niveis máis suaves seguirán a rexistrarse na Mariña.
AUDIO | Feijóo admite que Galicia padece un "déficit de pediatras" que "loxicamente, se nota moito máis en época estival" por mor das vacacións do persoal, cando "non hai pediatras substitutos". "Se alguén é pediatra e quere traballar en Galicia, o único que ten que facer é contactar co Sergas e será inmediatamente contratado", asegura o presidente da Xunta. Escoita aquí as súas declaracións ao termo do Consello da Xunta.
O CIS sitúa o PSOE como primeira forza en intención de voto en eleccións xerais tras a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno de España. Está a contalo eldiario.es. A enquisa realizouse do 1 ao 10 de xullo.
O xornal deportivo portugués A Bola dedicoulle este mércores na súa edición impresa unha reportaxe de cinco páxinas ao Super Depor, con entrevistas de Pedro Cadima a Lendoiro, Fran e Donato, baixo o titular "Viagem ao grande Depor, depoimentos dos rostos que fizeram crescer um gigante na Galiza"
As inscricións nas oficinas de emprego descenderon en 6.653 durante o mes de xullo en Galicia, ata as 163.412. Son 18.459 menos que hai un ano. No mesmo mes a afiliación á Seguridade Social subiu en 15.046 persoas de media, 24.947 máis que doce meses antes, o que permite manter o nivel por riba do millón de cotizantes, recuperado o mes anterior tras sete anos.