O director da Banda de Música de Sober actuará como intérprete solista en tres concertos da Orquestra Sinfónica de Barcelona e Nacional de Catalunya. O galego Miguel Franqueiro será tuba solista da formación catalá nas súas actuacións deste venres, sábado e domingo. (Imaxe: Concello de Sober)
Fálase
A Asociación Provincial de Hosteleiros da Coruña dedica a portada da súa revista a Beatriz Mato, candidata do PP á alcaldía da Coruña. A publicación trimestral, que se reparte entre máis dun milleiro de asociados, ofrece unha entrevista de catro páxinas coa ex-conselleira.
A Xunta pide ao Goberno central "suavizar o incremento das peaxes" previsto por Audasa para a AP-9 "de forma que, por exemplo, sexan asumidas por fondos estatais". Anteriores acordos sobre rebaixas da portaxe en tramos concretos desta autoestrada implicaron subir as tarifas no resto do trazado.
Pablo Casado ataca as iniciativas a prol da oficialidade do asturiano porque, segundo o líder do PP, pretenden "impoñer o bable que ninguén fala en Asturias". Afirmouno nunha intervención no marco da campaña electoral andaluza que recolle o xornal asturiano El Comercio.
VÍDEO | O alcalde da Baña, Andrés García (PP) rexeita que o Concello se adhira á campaña En negro contra as violencias machistas porque "o 99% dos concellos" que a promoven son "de populismos". O rexedor xustificou así a súa negativa á proposta promovida polo concelleiro de Compromiso por Galicia, César Ramos, para sumarse á iniciativa lanzada en 2015 dende Santiago e actualmente secundada por 102 concellos de todas as cores políticas.
ENQUISA | O PSOE mantense como primeira forza en intención de voto cara ás eleccións xerais mentres que o PP, segundo, arríscase a caer por baixo dos 100 escanos. Ciudadanos duplicaría a súa representación a respecto de 2016 e Unidos Podemos e as confluencias perderían uns 20 escanos. Segundo o inquérito de Celeste-Tel para eldiario.es, o apoio de Podemos, PNV e ERC sería dabondo para que Sánchez seguise a gobernar.
O BNG preguntará no vindeiro pleno do Parlamento á Xunta "se lle parece decente que o Goberno de Rajoy atrasase deliberadamente a construción das fragatas" en Ferrol "para favorecer os intereses do ex-ministro de Defensa". O Bloque considérao "unha corruptela gravísima con risco para centos de postos de traballo", afirmou a súa vicevoceira, Olalla Rodil.
Só Ciudadanos apoiará a lei promovida polo PP para prohibir que cargos e institucións catalás exhiban lazos amarelos en apoio aos dirixentes independentistas encarcerados. Consulta aquí o texto proposto polos populares.
Alcoa, disposta a escoitar ofertas de compra das fábricas da Coruña e Avilés durante o período de negociación do ERE, que agora di poder ampliar se o persoal accede a negociar. Avánzao a SER en Asturias ao fío da xuntanza en Madrid da compañía co persoal da factoría de Avilés. Máis información, hoxe en Praza.gal
O Goberno central propón prohibir a venda de coches diésel, gasolina e híbridos en 2040, en liña co que prevén outros países europeos. Así o recolle un borrador da Lei de Cambio Climático, que quere que en 2030 o 70% da electricidade proveña de fontes renovables.