O lume arrasa en Cualedro máis do que ardeu en toda Galicia en 2014

Incendio en Cualedro Dominio Público @BrifLaza

Unha nova fin de semana dramática cos lumes en Galicia. Desta vez, a provincia de Ourense foi a asolada polos incendios, especialmente o de Cualedro, cunhas 3.000 hectáreas arrasadas, segundo os cálculos actualizados pola Xunta este luns, que xa deu o lume por estabilizado. Ademais de veciños desaloxados, algún leve ferido e impactantes e tristes imaxes unha vez máis. No resto do territorio ourensán, dous focos en Viana do Bolo, outro en Manzaneda e algún máis no Barco de Valdeorras queimaron outras 700 hectáreas, 250 delas en Rede Natura. 

Só o incendio de Cualedro arrasou máis hectáreas das que arderon en toda Galicia durante o ano 2014

Tan só o incendio de Cualedro -que xa sufriu o lume máis importante de Galicia hai dous anos- arrasou máis do que ardeu en todo o país en 2014, o que fora o mellor exercicio da serie histórica -a Consellería de Medio Rural ofrece datos dende 1976-. Isto sucedera tras dous anos relativamente bos se son considerados en perspectiva -en 2012 arderon algo menos de 16.000 hectáreas e en 2013, algo menos de 20.000- e despois dun 2011 notablemente negativo, no que o lume arrasou máis de 42.000 hectáreas. Agora, 2015 empeza lamentablemente a sumar superficie para se situar tamén arriba no ránking. 

En Cualedro, o lume comezou a mediodía na aldea de Lucenza e estendeuse logo a municipios limítrofes como Baltar, Xinzo e Trasmiras e obrigou a un despregamento importante para uns traballos de extinción nos que colaborou a Unidade Militar de Emerxencias, que cooperaou cos medios da Xunta e de Medio Ambiente. 20 brigadas, 13 motobombas, 6 helicópteros, 9 avións, 9 axentes forestais e un técnico

O lume cercou varias casas e, segundo varios veciños, arrasou varias granxas nas aldeas de Cualedro

Moitos brigadistas, varios deles de forma voluntaria, traballaron arreo durante horas nun lume que cualificaron de "imparable" ou "alucinante", especialmente polo forte vento que dificultou os traballos de extinción e facilitou a rápida propagación das lapas. Pero tamén os veciños tiveron que colaborar para evitar que o lume arrasase as súas casas, xa que as lapas chegaron aos muros de varias propiedades en Gudín, Bouzo, Novás, Vilela, Moimenta ou Vilar das Lebres. Malia que o balance de perdas materiais non está confirmado, habitantes das aldeas falan xa de varias granxas destruídas, moitas delas cos animais dentro. 

A última hora do domingo, o incendio de Cualedro continuaba activo e xa superara esas 2.000 hectáreas, "o que o converte no primeiro Gran Incendio Forestal do ano en Galicia", segundo informou a propia Consellería de Medio Rural. En definitiva, unhas superficie semellante a 2.000 campos de fútbol, 2 quilómetros cadrados, que as últimas estimacións elevan a 1.000 máis.

Nas últimas horas tamén se rexistraron incendios en Pradocabalos, Viana do Bolo, con máis de 210 hectáreas arrasadas. Ademais, durante o domingo controláronse outros lumes como en Pexeiros (Viana do Bolo), Manzaneda, Cudeiro e O Barco de Valdeorras. En total, estes lumes arrasaron xa unhas 500 hectáreas. 

Incendio en Cualedro Dominio Público @BrifLaza
Bombeiros forestais traballando nun incendio en Cualedro Dominio Público @BrifLaza

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.