Os outros desafíos do sector gandeiro

Frisona nunha leira en Viladavil, Arzúa © Sara Torreiro

Os gandeiros e as gandeiras galegas libraron unha cruenta batalla nas últimas semanas polo prezo do litro de leite. Un mínimo de 0,34 céntimos sería o preciso para cubrir os custos de produción. Agora ben, as liñas  mestras para que o sector poida seguir adiante, radican noutras cuestións que non teñen que ver co que custa un litro de leite. A consideración social dos gandeiros, o cooperativismo, a política territorial, as cotas e a liberalización, a transformación, a superficie agraria útil ou a gandería ecolóxica son vectores fundamentais para que este sector estratéxico se afortale e desenvolva para servir a novas xeracións e vertebre o rural galego. 

Do encerado ao leite ecolóxico

“O problema de base é a consideración que hai aquí da gandería e dos gandeiros”. Comeza Pilar a súa intervención. “En Francia teñen claro a importancia dese sector produtivo e fixeron políticas para potencialo, coidalo e adaptalo ao sistema de libre mercado, que para iso eran as cotas, para prepararse, pero non se fixo nada diso”.

Na Curiscada, en Arzúa, Pilar cambiou o modelo da súa explotación. A cantidade de terreo que posúe permítelle ter produción ecolóxica, que entre outros requisitos esixe ter unha “carga gandeira baixa, non máis de dúas unidades de gando maior (UGM) por hectárea”. “Evidentemente”, explica Pilar, "hai outras cuestión, como ter penso ecolóxico, non usar abonos nin herbicidas e para inscribir a superficie en agrícola ecolóxica teñen que pasar dous anos sen usar nada diso para desintoxicar a terra”. “O cambio a ecolóxico fíxeno por conviccións propias, porque claro, eu vivo na explotación e preocupábame o feito de estar arrodeada de herbicidas e sulfatos”, conta.

Para producir leite ecolóxico non é posible ter máis de dúas unidades de gando maior por hectárea

“Eu estou convencida de ser gandeira”, di Pilar, rotunda. “Hai xente nova con formación que se dedica a isto. Hai quen prefire deixar a explotación dos pais e traballar en Toldos Gómez, por un salario baixo, en vez de ser gandeiro. Eu iso non o entendo. Tamén é certo que coa crise seguro que algún collerá a explotación”. Ao fío disto engade que “é un sector con futuro, ben xestionado. Logo está a parte negativa da concepción que temos do campo. As compañeiras da miña filla, no colexio, dicíanlle, “pero é verdade que túa nai moxe vacas?” e dicíalles “si, é gandeira”. “Claro, vir da Coruña para Arzúa muxir vacas non entra dentro do paradigma esperado. Eu fixen maxisterio pero eu non son profesora, eu son gandeira, e gústame”, sinala.

"Vir da Coruña para Arzúa muxir vacas non entra dentro do paradigma esperado. Eu fixen maxisterio pero eu non son profesora, eu son gandeira, e gústame"

“Os custos do ecolóxico son máis altos”, di Pilar, “pero págannolo mellor, sempre dez céntimos por enriba”. “Se hai baixada de prezos e o litro se pon en 25 céntimos, nós seguiremos cobrando 35, aínda que produzamos menos volume, sempre temos ese colchón para cubrir gastos”. “Outra cuestión positiva do ecolóxico é que che obriga a, como mínimo, oito horas de pastoreo ao día, e as vacas ao estar pouco na corte enferman menos, nós gastamos moito menos en veterinarios e medicamentos”, expón “as vacas de ecolóxico non poden ter máis de dous tratamentos por ano, pero iso xa non chega a producirse”.

Os produtores de leite ecolóxico dispoñen de 10 céntimos por enriba do prezo no litro

“Aquí hai pouco ecolóxico porque  fomos sempre ao revés, en estabulado intensivo dependes máis das forraxes e dos pensos mercados e as vacas enferman moito máis. Pasamos de sacar as vacas a pastar a metelas todas á corte e ao baixar o prezo do leite, hai que baixar os custes de produción co que temos nas explotación e nós que temos? Herba! Este é un país de herba!”, conclúe Pilar.

"Hai que baixar os custes de produción co que temos nas explotación e nós que temos? Herba! Este é un país de herba!”

O retroceso da superficie agraria útil

O incremento da base territorial permitiría ás granxas reducir o gasto en forraxes e, en moitos casos, a implantación da gandería ecolóxica. Porén, a superficie agraria útil (SAU) reduciuse nunha cuarta parte nos últimos 30 anos en Galicia. Un proceso que o Banco de Terras non foi quen de frear. O debate político móvese nos parámetros de que cómpre que a superficie agrícola das explotacións que abandonan sexa transferida a agricultores e gandeiros activos, ben vía arrendamento, ben vía venda. Sen embargo, esa mobilidade das terras estase a dar de xeito moi reducido. Iso si, nas provincias do norte, A Coruña e Lugo, as transaccións son moito maiores que en Ourense e Pontevedra.

O informe Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial, elaborado polo Laboratorio do Territorio, conclúe que en Galicia só hai unha taxa de transferencia da superficie agraria do 0,10% ano, dez veces inferior á taxa francesa ou italiana.

Pilar reflexiona sobre isto: "A base territorial das explotacións ten que ir ligada a ela, é dicir, teñen que ser indivisibles. Os gandeiros pasamos a vida intentando xuntar terras e despois, á morte ou cese do gandeiro, todo ese esforzo económico, non serve para nada. E as parcelarias que se fixeron, tampouco, porque despois volven dividirse os terreos".

As cotas e os contratos da liberalización

Mario ten a súa explotación en Froxán, en Lalín. Ten 80 vacas, das que muxe 46 en 68 hectáreas propias e dúas arrendadas. Non produce leite ecolóxica, aínda que tamén practica o pastoreo. Explica que non merca forraxes, “só penso”. “Estamos unha situación insostible”, relata, “xa non lle fas contas a nada: eu teño outro negocio, e a marxe de beneficio dese teño que inxectarlla á granxa para que non vai a pique”. “A situación en Galicia está máis agravada ca no resto do Estado Español polas grandes inversións que se fixeron en cota”, relata. “A cota vendíancha como un valor seguro”, explica, “equiparábancha á base territorial, e mercabas, e hai gandeiros que aínda están pagando créditos de cota”.

"A cota vendíancha como un valor seguro, equiparábancha coa base territorial"

“Coa liberalización viñeron os contratos á baixa, e claro, asinábalos, pero porque non che quedaba outra, era baixo ameaza de non recollida”. Desde a administración sosteñen que non se pode fixar como prezo mínimo eses 0,34 céntimos que cubrirían os custos, pero o certo é que en Francia faise, é cuestión de poñer vontade para atopar a figura legal”, sinala. “A medida que anunciaron de 300 euros por vaca desde a Xunta é paliativa, non amaña nada, porque os prezos seguirían sendo os mesmos, e porque coa cantidade de vacas que hai en Galicia, quero saber eu de onde sacan ese orzamento”, di. “O peor de todo é que aquí a infraestrutura está montada, hai granxas modernas, gandeiros formados, maquinaria… o problema no sector lácteo radica, en realidade, en cinco céntimos para o consumidor, pero claro, a quen si que lle supón é a distribución porque o usa como reclamo”, engade. Sobre as protestas dalgúns compañeiros do bloqueo ás industrias afirma que é “falta de miras porque con 5 céntimos que suba o litro xa compensamos o que se tirou estes días, e ademais é unha medida firme, que se tomou en asemblea”. “O que si que é certo é que é desmoralizante tiralo, porque tirar, tiras o teu traballo”, matiza.

"O problema do sector lácteo radica en cinco céntimos para o consumidor"

“A situación é tan límite que no campo empeza a ocorrer algo que non era nada habitual, que son os embargos”, explica Mario, “e tamén algúns suicidios polas débedas”. “E logo tes que tomar medidas que non queres, como rebaixar o número de cabezas de gando, eu xa baixei ben delas, e agora xa vou mandar outras catro ao matadoiro”, conta. "Pola casa hai liquidacións de meu pai, de hai uns 20 anos, de Pascual, co litro a 64 pesetas, iso agora xa nin se acorda. A última vez que cobramos ben o leite foi con Suárez Canal en medio rural, puxo todo a andar moi rápido”, explica. Ao fío disto engade que "iso si, aquí vén Feijóo dar un mítin e a xente vaille, e aínda se cadra despois disto, vólvelle a ir, pero eu creo que as cousas van ir cambiando".
Non ve clara a posibilidade de leite ecolóxico polo tempo que tería que pasar ata que a terra valese e porque “nesta situación tampouco estamos para experimentos”.

Cooperativas?

Outra das patas importantes para o sector agrogandeiro sería unha rede forte de cooperativas que tecesen servizos diversos, desde substitución de persoal ata xurídico, para as persoas que traballan no campo.

Desde a súa cociña de leña restaurada en Viladavil, Andrés comeza o seu discurso cunha idea clave: "Non sabedes a de cartos públicos que se dilapidaron en cooperativas que non valían para nada para convertelas en instrumentos de poder político". Ao fío disto engade que "A estrutura para as cooperativas é a que fixeron no resto de Europa. Alí o leite comercialízase, o 70% a través de cooperativas, mesmo nalgúns países, como Dinamarca, o 90%. Pero claro, aquí ao poder político o que lle interesa é ter os chiringuitos eses, non que se agrupen". "Non vén a nada que na contorna de Arzúa haxa, por exemplo, 4 fábricas de penso", sostén "e aínda así, en Lugo agrupáronse 6 ou 7 cooperativas, e o máis lóxico era que fixesen un centro de produción propio, único, cerca, por exemplo do porto, que é de onde chegan as materias primas. Pero non, cada un fai na súa. Porque non hai cultura de cooperativismo."

“A proba definitiva de que as cooperativas son plataformas do PP foi Alimentos Lácteos. O famoso grupo lácteo galego íao encabezar Feiraco, que era o que tiña lóxica. E a última hora, o que se decidiu foi que fosen a Arzuana e Gancobre as cooperativas que o levasen. Curiosamente, as dúas con cargos do PP de presidentes, Eugenio e Arcadio”, afirma Andrés.

"Aquí non hai cultura de cooperativismo. Aquí os socios tiñan medo de que Eugenio os sinalase, eu dicíalles que o leite íano cobrar ao mesmo, sinaláraos ou non"

“Eugenio aquí na Arzuana dicía, cando chegou a cota, que nunca ía haber supertaxa, que non había que preocuparse, que a queixería ía absorber o excedente de cota dos socios. Fracaso total", narra Andrés. "Empezou tendo mercado, cun queixeiro bo, pero botouno. O queixo empezou a saír mal e xa nin puido apostar pola denominación de orixe. Logo empezou a fabricar parmesano e claro, os italianos enteráronse de que vendían aquí, baixo a súa denominación un produto de baixa calidade e houbo que pagar unha cantidade importante da demanda, que pagou, claro a cooperativa. Hai proxectos privados como, por exemplo, unha queixería, que saen adiante, e un público tamén debería, pero claro, á fronte ten que haber xestores competentes.”

"Porque, por exemplo, La Arzuana implicaba transformación, que é unha pata importantísima para o sector", explica Andrés. "É valor engadido, que tamén era o que lle faltaba a Alimentos Lácteos, que non transformaba, só envasaba", continúa, "un dos mellores xeitos de competir non é en base a prezos, é en base a calidade e innovación, e iso só se consegue con produtos derivados do leite, coa boa materia prima que temos aquí, incluso poderíamos crear unha liña de produtos gourmet".

“Aquí tampouco hai cultura de cooperativismo e participación. Os socios tiñan medo a que Eugenio os sinalase. Eu dicíalles o leite valo cobrar ao mesmo, sinálete Eugenio ou non", conclúe Andrés.

Manuel ten a súa granxa intensiva en Rendal, muxe 75 vacas aínda que ten 150. A explotación era de seus pais e "coa reforma do proxecto, tal como está agora, temos dous empregados". Cre que "cando as cousas van mal sempre se reclaman as subvencións da Administración, pero o papel da Xunta, neste caso, é o de mediar entre distribución, gandeiros e industria, para que poidamos ser competitivos cunhas regras xustas", aclara, "é importante que os acordos sexan a longo prazo e que o prezo vaia subindo paulatinamente e se regularice en bases estables", engade. "Eu a día de hoxe non lle recomendo ser gandeiro a ninguén, porque é moi difícil xuntar a base territorial e sería unha inversión astronómica, pero a min gústame selo", di. "A folga había que facela porque levabamos moitos meses en baixada, no verán xa sempre a hai, pero as perspectivas eran de que a cousa fose a peor", conta mentres súa nai, Ángeles, escurre uns queixos frescos que acaba de rematar.

 

Queixo recén feito na cociña de Manuel, en Rendal © Sara Torreiro
Unha das vacas pardas de Pilar © Sara Torreiro

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.