A Fiscalía vén de reclamar no Tribunal Supremo que se anule a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que en novembro de 2013 absolveu o Estado da catástrofe provocada polo Prestige e que cualificara a xestión do Goberno central como "profesional e correcta". Aquel ditame, que causara unha fonda indignación entre a sociedade galega, absolvera a Administración, ao absolver tamén o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors -o único cargo político do Goberno acusado- dun delito medioambiental. Saldárase cunha única condena: a de nove meses de cadea por un delito de desobediencia grave para o capitán do buque, Apostolous Mangouras, que tampouco fora declarado culpable pola xestión do naufraxio.
A Fiscalía busca anular a sentenza para inculpar o capitán e manter o "prestixio" do Estado como "Etado que defende as súas costas"
Agora, a Fiscalía intenta que a sentenza sexa declarada nula, pero non para que se revise a absolución da xestión administrativa da catástrofe -e que foi posta en dúbida por peritos e polas conversas con Salvamento Marítimo gravadas naquel tempo-, senón para buscar unha condena o capitán do Prestige e volver evitar a asunción de responsabilidades do Estado. Pretende que a Audiencia de A Coruña dite outra sentenza que teña en conta cinco documenos que o fiscal considera "centro neurálxico" da carga probatoria e que o ditame non tivo en conta e que se recoñezan indemnizacións por 4.238 millóns de euros
O fiscal, Luis Navajas, considera a sentenza "coxa" e "notoriamente errónea" e na súa intervención na vista na que o Supremo analiza os doce recursos presentados chegouna a cualificar de "ilóxica e arbitraria". Pero tamén deixou claras as súas intencións ao asegurar que está en xogo "o prestixio do Estado español como Estado que defende as súas costas, algo que quedou en entredito".
Así, a Fiscalía reclama que a nova sentenza condene o capitán tendo en conta documentos como o que reflicte a inspección visual que Mangouras realizou nos tanques de lastre de estribor, onde logo se produciría a avaría inicial que provocou o accidente. Cre tamén que se obivaron as anotacións no libro de navegación do anterior capitán onde denunciaba o mal estado do barco pouco antes de rexeitar navegar nel. Estes e outros tres documentos son claves e o Estado entende que se creou "indefensión" ao non telos en conta.
A Fiscalía intenta así que o delito de desobediencia que se atribuíu ao capitán inclúa tamén unha responsabilidade civil que permita resarcir os danos. De anularse a sentenza, o caso demoraríase aínda máis no tempo, tendo en conta que xa pasaron trece anos desde a catástrofe. O Estado pretende recuperar algo dos máis de 2.000 millóns de euros que gastou tras a vertedura de máis de 60.000 toneladas de fuel. Unha hipotética condena do capitán por parte do Supremo podería determinar que a operadora do barco e a aseguradora do Prestige afrontaran a póliza de 1.000 millóns subscrita pola embarcación.
"O Estado só pretende que haxa unha condena que permita acudir ao pago de indemnizacións para cubrir os gastos", di Nunca Máis
Entre os recursos que estuda o tribunal tamén se atopan o da Xunta, o do Goberno francés e varias administracións locais galas ou asociacións como Arco Iris e Nunca Máis. Esta última plataforma mantén a súa crítica a unha petición da Fiscalía que "é parcial e está enfocada no capitán e na armadora, dirixida a un interese monetario e non a poñer en evidencia a responsabilidade da xestión". "Só pretenden que haxa unha condena que permita acudir ao pago de indemnizacións para cubrir os gastos", di Xaquín Rubido, voceiro do colectivo que mobilizou milleiros de persoas en Galicia durante a catástrofe e nos anos posteriores.
"Nós entendemos que hai máis responsabilidades e unha clarísima é a do goberno do PP pola súa xestión", insiste Rubido, que cre que "xa foi un éxito" poder imputar a López-Sors "dadas as condicións da xustiza española". "Falemos claro: a sentenza foi un aval á xestión do Estado e pasou amplamente do ditame de peritos especializados que argumentaron con claridade que a xestión da catástrofe provocou un impacto medioambiental importatísimo que non se tería producido cun protocolo de actuación claro", insiste quen lembra que nas gravacións emitidas no xuízo quedaron claras as recomendacións de Salvamento Marítimo para levar o buque a un porto refuxio".
"Falemos claro: a sentenza voi un aval á xestión do Estado; aquí houbo presións políticas e iso é moi preocupante", di a plataforma
"Aquí houbo presións políticas e iso é moi preocupante", engade Nunca Máis, que lembra que acudiu á xustiza para que "se repare o dano causado: material, medioambiental e moral". "A cidadanía levou unha labazada coa sentenza, a sociedade que loitou, que protestou e que sufriu as consecuencias", di tras asegurar que "aquí non hai ninguén que faga autocrítica". "É difícil confiar nunha xustiza que tarda once anos en emitir unha sentenza; o que houbo foi unha vontade político por diluír isto no tempo e evitar un maior malestar social", di.
Nunca Máis lembra que a súa única alternativa agora é acudir ao Tribunal de Estrasburgo, algo que farán grazas aos cartos recollidos nunha colecta entre a cidadanía. "Non hai máis pasos xudiciais, o único que nos quedaría sería a acción cidadá, social e política para outro tipo de reparacións, pero desde o punto de vista legal, e despois do Supremo, só nos queda Estrasburgo", remata.