Unha visita sorpresa a depuradoras de ACS en Zaragoza revela que incumprían o contrato de concesión

A visita constatou falsidades nos informes remitidos polo xerente da empresa de xestión de augas © Zaragoza en Común

Este martes os concelleiros de Medio Ambiente e Servizos Públicos do Goberno municipal de Zaragoza visitaron por sorpresa as instalacións de dúas depuradoras xestionadas pola empresa DRACE, unha filial do grupo ACS encargada do servizo de saneamento na cidade. O obxectivo era comprobar a veracidade dos informes enviados polo xerente da sociedade municipal Ecociudad, que lle foran solicitados polo novo goberno local unhas semanas antes. 

A visita revelou a falsidade das informacións achegadas polo xerente

Como revelou o responsable de Servizos Públicos, Alberto Cubero, a visita revelou a falsidade das informacións achegadas polo xerente: "Comprobamos como bastantes deses equipos levan estragados meses, mesmo anos; mesmo algúns non funcionaron nunca desde que esta empresa empezou o seu contrato. Non realizaron ningunha das melloras acordadas, e decidiron modificalas sen nin sequera informar o Consello de Administración de Ecociudad, que é a que xestiona este contrato. Ademais, o prego de condicións marca que deberían ter 24 traballadores, e só teñen 22, porque hai un tempo decidiron despedir a 3 compañeiros. Traballadores que son necesarios, e que deberían facer o mantemento que non se fai dos equipos da planta".

O Goberno municipal, de Zaragoza en Común, decidiu de inmediato abrirlle á empresa un expediente sancionador polas irregularidades detectadas para que "deixen de estafar ao Concello". Cubero anuncia que van ser "moi belixerantes con esta situación" e sinalou que "se os motivos de sanción son tantos e tan graves, haberá que valorar unha rescisión do servizo", abrindo a porta a iniciar o proceso de remunicipalización.

"Novamente unha gran multinacional coma ACS, con beneficios vergonzosos, trata de enganar o Concello e os seus habitantes para engordar eses beneficios, e faino a costa de dar un servizo de peor calidade en algo tan fundamental coma a calidade da agua"

Varias das presuntas irregularidades xa foran denunciadas no Observatorio da Contratación durante a lexislatura anterior e Cubero criticou que o anterior goberno municipal -en mans do PSOE- non inspeccionara as instalacións en ningún momento. Así mesmo, despois de lembrar os paralelismos co sucedido en Ferrol, salientou que "novamente unha gran multinacional coma ACS, con beneficios vergonzosos, trata de enganar o Concello e os seus habitantes para engordar eses beneficios, e faino a costa de dar un servizo de peor calidade en algo tan fundamental coma a calidade da agua". "Estas son as consecuencias da externalización de servizos que fan urxente abordar a remunicipalización”, concluíu,

 

De novo ACS, de novo a xestión da auga

O caso de Zaragoza garda un gran parecido co sucedido en Ferrol. A finais de agosto unha representación do Goberno municipal, encabezada polo alcalde Jorge Suárez, visitou as instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais de Cabo Prioriño, comprobando in situ que non estaba a realizar os traballos de saneamento e que nunca o fixera, a pesar de que levaba un ano cobrando unha polémica taxa por este servizo. En Ferrol tamén é ACS, a través de Urbaser, a xestora desta depuradora e de todo o ciclo da auga na cidade, a través da empresa mixta Emafesa. Tamén neste caso o xerente de Emafesa se converteu nunha figura de bloqueo aos intentos do Goberno local de fiscalizar a xestión do servizo.

Non son os únicos exemplos recentes nos que a multinacional de Florentino Pérez está a cobrar por servizos ineficientes ou non realizados ou nos que pretende facelo. En Murcia, o Goberno rexional acordou pagarlle a ACS ao redor de 600 millóns de euros por lucro cesante, é dicir, pola diminución dos ingresos xerados por unha planta desalgadora de auga construída en 2009, cun custe de 500 millóns. O proxecto naceu en paralelo co boom inmobiliario na rexión; porén, freado o ladrillo (entre outras cousas pola ilegalización da macrourbanización de Novo Carthago) tamén o fixo a demanda de auga, polo que a planta demostrouse innecesaria, funcionando nos últimos anos ao 10% da súa capacidade, e sumando perdas anuais de 13 millóns de euros.

En Murcia, o Goberno rexional acordou pagarlle a ACS ao redor de 600 millóns de euros por lucro cesante, é dicir, pola diminución dos ingresos xerados por unha planta desalgadora de auga

Porén, o Goberno de Ramón Luis Valcárcel asinou con Florentino Pérez un contrato para a construción da planta (sen concurso público) que lle garantía a ACS uns beneficios de 500 millóns de euros ata o ano 2034. O novo Goberno rexional (de novo en mans do PP) vén de abrir unha comisión de investigación no Parlamento e asegura non ser responsable da xestión dos anteriores executivos populares.

 

O negocio da auga

Nos últimos anos a xestión do ciclo da auga, dende o subministro ata o seu saneamento e depuración, comezou a mover unha cantidade de diñeiro cada vez maior, converténdose en obxecto de desexo para as macroempresas do sector

Nos últimos anos a xestión do ciclo da auga, dende o subministro ata o seu saneamento e depuración, comezou a mover unha cantidade de diñeiro cada vez maior, converténdose en obxecto de desexo para as macroempresas do sector. Entre 2008 e 2013 o custe anual da xestión da auga disparouse en Galicia, pasando dos 162 millóns de euros ata os 231, un incremento do 43%, segundo as cfiras do Instituto Nacional de Estatística. No conxunto do Estado a facturación tamén creceu de forma moi importante na última década. En 2003 sumaban 3.783 millóns de euros; en 2008 ascendera a 5.346 millóns; e en 2013 a factura era xa de 6.147 millóns.

Aínda que o servizo segue sendo público, nas últimas décadas moitos concellos entregaron a súa xestión a empresas privadas, ben directamente, ben a través da creación de empresas mixtas, nas que en todo caso a xestión sempre está en man da parte privada. Entre as cidades galegas, de feito, tan só A Coruña conta cun servizo de augas xestionado por unha empresa pública. "Hai que preguntarse por que se privatiza, e os contratos non están feitos para que se xestione ben, senón para asegurar que se gañe moito diñeiro", destacaba hai unhas semanas en entrevista con Praza Luis Babiano, xerente da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento.

Entre 2008 e 2013 o custe anual da xestión da auga disparouse en Galicia, pasando dos 162 millóns de euros ata os 231, un incremento do 43%

Conflitos coma os de Ferrol ou Zaragoza e a constatación de irregularidades ou da ineficiencia dos servizos emprestados polas empresas concesionarias son cada vez máis frecuentes. En ocasións, ademais, coa implicación de tramas de corrupción, como sucedeu con Aquagest e a Operación Pokémon.

Na Costa da Morte, destaca o deficiente e caro funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais de Corme, que dende a súa inauguración en 2011 só estivo operativa de forma axeitada uns meses. A instalación, que tivo un custe inicial de 1,6 millóns de euros, ten tamén uns gastos de mantemento moi superiores ás de plantas semellantes e calcúlase que cada veciño debería pagar 7 euros mensuais para o seus sostemento. De igual xeito, esta mesma semana o pleno de Viveiro cuestionou a xestión da empresa concesionaria dos servizos de auga e saneamento, Viaqua (antiga Aquagest), que lle esixe ao Concello o pagamento de 1,2 millóns de euros. Tanto o PSdeG-PSOE coma o PP acusan a empresa de incumprir o contrato de concesión. 

Parte dos equipos das plantas levaban anos sen funcionar © Zaragoza en Común
A visita constatou falsidades nos informes remitidos polo xerente da empresa de xestión de augas © Zaragoza en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.